venres. 27.03.2026
El tiempo

O subdelegado do goberno comprobou no Ézaro as desfeitas dos temporais no litoral costeiro

visita de Julio Abalde a praia do Ezaro
Visita de Julio Abalde a praia do Ezaro
O subdelegado do goberno comprobou no Ézaro as desfeitas dos temporais no litoral costeiro

Visitou este pasado xoves o subdelegado do goberno na Coruña, Julio Abalde, a praia de Ézaro. Acompañado do alcalde de Dumbría, Raíl González, comprobaron sobre o terreo os danos provocados polos temporais dos últimos meses e supervisaron as actuacións de emerxencia previstas.

Destacaron unhas actuacións financiadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cun investimento de 150.000€, dentro dun plan de obras de emerxencia que teñen como obxectivo reparar os efectos do tren de borrascas que afectou á costa a comezos de 2026, e recuperar a capacidade de resposta do litoral fronte aos efectos do cambio climático.

A especial intensidade e continuidade destes temporais provocou danos relevantes ao longo do litoral, con importantes mobilizacións de area, perda de anchura nas praias e afeccións a infraestruturas e elementos naturais. “Cando os episodios son extraordinarios, a area desprázase cara ao mar en cuestión de horas e pode tardar semanas, meses ou mesmo anos en regresar”, explicaron.

No caso da praia do Ézaro, as obras consistirán na reposición de area para recuperar a anchura do areal, e na adecuación do encauzamento de area, co obxectivo de mellorar o comportamento da praia fronte a futuros episodios de temporal e reducir o risco de novos danos.

O Ezaro convertiuse nunha boleira
A praia do Ézaro convertiuse nunha boleira

O Ministerio impulsa outras actuacións prioritarias nos puntos máis afectados da costa coruñesa como Cee, Corcubión, Cedeira ou Porto do Son.

Comentarios