Martes. 30.04.2024
El tiempo

Vive o Camiño chega ao seu fin co espectáculo "Dous no Camiño" e un concerto de Caxade en Fisterra

Vive o Camiño chega ao seu fin co espectáculo "Dous no Camiño" e un concerto de Caxade en Fisterra
vive-camino Dumbría, Muxía e Fisterra serán as seguintes parada do programa "Vive o Camiño" "Dous no Camiño" - un espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco coa dirección de Avelino González e texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala - pasará mañá xoves por Dumbría (ás 20 horas) e o venres ás 18:30 pola plaza do Cabo da Vila de Muxía para rematar, finalmente, en Fisterra, na Praza da Constitución, o domingo 1 de outubro ás 18:30 horas, coa actuación de Dous no Camiño e un espectacular concerto de Caxade que servirá como broche de ouro. A programación de Vive o Camiño, iniciativa de promoción e dinamización do Camiño Inglés e Camiño Fisterra-Muxía, encheu de música e teatro as rúas e prazas dos 27 concellos que forman parte de dous itinerarios xacobeos na provincia da Coruña nestas semanas. Arrincou en agosto co Camiño Inglés e continuou ao longo do mes de setembro polo Camiño Fisterra-Muxía. "Dous no Camiño" é un espectáculo no que dous peregrinos descobren as paraxes do Camiño Inglés, ao seu paso por cada unha das vilas. Ademais, e na mesma liña de "Dous no Camiño", Fran Rei e Isabel Risco levarán a cabo unha animación, de creación e dirección propia, tanto nos concellos como nas contornas dalgúns albergues, onde interactuarán coa cidadanía e as persoas que peregrinan en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron. Camiño Fisterra-Muxía no 2017 O Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta que contén todas as iniciativas e intervencións previstas coa vista posta no Xacobeo 2021, dedica 2017 ao Camiño Inglés e ao de Fisterra-Muxía. En paralelo ás infraestruturas e o mantemento, trabállase en eidos como a promoción e as actividades de divulgación para os escolares, ademais de programas culturais como Vive o Camiño. En conxunto, estase a superar os 1,4 millóns de euros neste exercicio. Este programa cultural quere servir como vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre as persoas que están a realizar a ruta como a poboación galega. As funcións e concertos, con entrada de balde, de Vive o Camiño servirán para pór en valor o Camiño Inglés e o Fisterra-Muxía. Fonte

Comentarios