20 familias participan no novo programa de compostaxe caseira en Fisterra
Xa hai 20 familias inscritas para este programa. O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do municipio de Fisterra, ter un pequeno xardín ou horta e estar disposto e motivado a formar parte deste proxecto educativo e formativo.
Concellos como Carballo (pioneiro), Camariñas, Ponteceso, Cee… levan anos promovendo a compostaxe caseira. Un programa que reincide na redución de residuos e permite ademais xerar un fantástico compost para as nosas hortas.
Outro dos Concellos que aposta firme e decididamente por mellorar o modelo de xestión dos residuos no municipio é o Concello de Fisterra que vén de poñer en marcha o III Programa de Compostaxe doméstica.
Fíxoo cunha xuntanza informativa ás 20 familias que participan no programa. As familias recibirán de parte do Concello un composteiro de 400 litros e contarán durante a vixencia do programa (uns 8 meses) co asesoramento técnico persoalizado a domicilio por parte dos técnicos de Amigos da Terra, co fin de facer un seguemento riguroso do proceso e garantir a redución de residuos e a obtención dun compost de calidade.
Dende o Concello consideran que coa compostaxe reducirase nun 50% a cantidade de residuos enviados ó contedor xenérico, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un producto de calidade para os solos galegos.