Sábado. 27.04.2024
El tiempo

3 fisterráns furtivos son detidos con 23 quilos de pateiro tras unha persecución

3 fisterráns furtivos son detidos con 23 quilos de pateiro tras unha persecución

Axentes da Garda Civil adscritos ao Seprona de Corcubión denunciaron onte a tres veciños de Fisterra como supostos furtivos autores dunha infracción cometida no marco da Lei de Pesca de Galicia, ao ser sorprendidos capturando e comerciando con marisco vedado. Os gardas tamén comunicaron a un dos infractores outra denuncia por observar irregularidades na documentación dunha embarcación e por navegar con esta durante a noite sen ningún tipo de sinalización luminosa.

Os supostos furtivos levaban sendo observados na súa actividade uns dez días e fundamentalmente dedicábanse á captura nocturna dun marisco denominado Pateiro, que agora mesmo se atopa en veda. Ao parecer, unha vez capturado dirixíanse a terra e tras atracar no peirao fisterrán, os dous ocupantes da embarcación comercializábano en locais de restauración da localidade.

Huída e reincidencia na mesma noite

Unha vez montado o dispositivo, antonte, foron identificados tanto os dous individuos que extraían o marisco, como o camareiro do restaurante no que trataban de vendelo. Precisamente, no momento que se efectuaba a transacción, no interior do negocio, os gardas identificáronse como talles e os dous furtivos emprenderon a huída a fume de carozo, sendo alcanzado un deles nunha rúa adxacente ao local.

O outro conseguiu escapar cara ao bote que estaba atracado no peirao e saír cara a alta mar. Logo dun par de horas de espera, os axentes lograban identificalo no peirao tras baixar novamente da embarcación portando outros 14 quilos do mesmo marisco que trataba de vender no mesmo establecemento xa que foi identificado cando se dirixía cara alí.

En total, foron recuperados 23 quilos de Pateiro que os gardas devolveron ao mar, xa que se atopaba vivo, e os tres implicados foron denunciados polos feitos relatados anteriormente ante as autoridades competentes.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Garda Civil.

Comentarios