Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Novo ataque contra o furtivismo na Costa da Morte

Novo ataque contra o furtivismo na Costa da Morte

O Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, incautou nos últimos días na Costa da Morte 173 útiles, entre os que se atopa un vehículo e comisou 132,8 quilos de diversas especies sobre todo ameixa, nécora e centola. Estas operacións realizáronse en Camariñas, Muxía e Fisterra.

Se ben é certo que estas operacións son positivas na loita contra o furtivismo o sector apunta que sería necesaria unha política moito máis restritiva.

En Camariñas

En Camariñas os axentes aprehenderon 60 nasas de nécora sen balizar e sen identificar e devolveron ao mar os 3 quilos de nécora e camarón que contiñan no seu interior. Malpica foi escenario doutra inspección que se saldou co comiso de 15 quilos de diversas especies e en Cabo Vilán requisáronse 45 pezas de rascos por balizamento incorrecto. Os inspectores devolveron todas as especies que había no seu interior ao mar, 15 quilos de xuliana, peixe lúa e sanmartiño.

En Muxía

En Muxía os Gardacostas incautaron un viveiro con preto de 5 quilos de nécora e santiaguiño. As dúas especies atópanse en veda, polo que foron devoltas ao mar. Outro operativo desenvolvido en Camelle saldouse coa incautación dun palangrillo e unha peza de betas e o comiso de 6 quilos de centola, tamén en veda. A metade estaba ovada e foi devolta ao mar.

En Fisterra

En Fisterra tivo lugar outra inspección que se saldou coa incautación dunha cacea de 4 pezas de betas de talla antirregulamentaria e de 49 nasas de ferro de polbo por ter unha boia sen identificar. O polbo que había no seu interior, 4 quilos, foi devolto ao mar. Ademais os axentes levantaron 2 actas de infracción a dúas embarcacións por levar máis palangrillos dos permitidos.

Cabe destacar unha operación de control de mergulladores furtivos á ameixa na praia de Langosteira, tamén en Fisterra, que se desenvolveu en colaboración con efectivos da Garda Civil de Corcubión Esta actuación saldouse coa incautación dun vehículo e co comiso de preto de 85 quilos de ameixa babosa e rubia.

No operativo, os axentes comisaron preto de 60 quilos de ameixa babosa e máis de 25 quilos de ameixa rubia, que foron devoltas ao mar na zona. Ademais, os axentes incautaron 3 equipos de mergullo compostos por botellas, aletas, chalecos, manómetros e cintos de chumbo e tamén se fixeron con 2 lanternas, unha brúxula, 2 capachos e 3 bolsas de rede.

Ademais os gardacostas denunciaron a 3 persoas ás que se lles levantaron as correspondentes actas de presunta infracción por realizar a inmersión en zona prohibida e sen autorización e por exercer a actividade sen balizamento e sen embarcación de apoio. A estas faltas engádese a de obstrucción dos labores de inspección e vixilancia, xa que as 3 persoas se deron á fuga ao constatar a presenza dos axentes.

A realización de operativos conxuntos coma este vén motivado polas denuncias e queixas existentes pola esquilmación reiterada do banco de ameixa existente na zona co fin de protexer o recurso.

Fonte

  • Nota de prensa da Consellería do Mar.

Comentarios