Sábado. 25.01.2020
El tiempo

A tartaruga fisterrá Parda volve ao mar

A tartaruga fisterrá Parda volve ao mar
A Tartaruga verde Parda foi rescatada en Fisterra e liberada dende Marin-Foto-CEMMA

O pasado xoves 13 de setembro uns mariñeiros de Fisterra detectaron un exemplar de tartaruga mariña moi preto da costa. Diante do risco de que o exemplar enmallara nos restos de aparellos abandonados no fondo, ou sofrira algún dano, recolleron ao exemplar e alertaron á Unidade Móbil da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA)

Tratábase dun exemplar xuvenil de tartaruga verde (Chelonia mydas) de 40 cm de lonxitude e 4,5 kg de peso, O réptil foi transladado á Unidade de Coidados Intensivos da SGHN de Ferrol onde foi diagnosticado o seu estado. Un diagnóstico positivo polo que os especialistas decidiron devolvelo ao mar na cara occidental da nosa costa, para garantir a súa viaxe cara as augas das Caraibas de onde procede.

Liberada dende as Rías Baixas

Para proceder á liberación contouse coa colaboración do arrastreiro Gonzacove. O embarque tivo lugar na madrugada do luns dende o porto de Marín, sendo liberada no mar maior ás 7:45 h da mañá de hoxe luns a 17 millas da costa para garantir a incorporación ás correntes que se dirixan cara ao sur.

Tartaruga verde en perigo de extinción

Esta especie de tartaruga é moi pouco frecuente nas augas europeas, sendo as que aparecen con maior frecuencia a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) e tartaruga común, (Caretta caretta), outras como a tartaruga verde (Chelonia mydas) son moitísimo menos frecuentes, un rexistro cada tres anos, e a tartaruga carei (Etermochelys imbricata) ou a tartaruga mariña pequena (Lepidochelys kempii) aínda son máis raras, un rexistro cada dez anos.

Esta especie atópase en perigo de extinción a nivel mundial, sendo moitas as ameazas sobre elas, principalmente os plásticos no mar que confunden co seu alimento: algas e medusas.

Se ben é máis habitual observalas en mares tropicais ou subtropicais, tamén son visitantes ocasionais das nosas costas. En Galicia foron rexistradas dende o ano 1990 un total de 9 exemplares, tan só o 2% de todas as tartarugas mariñas cunha media de 2 rexistros cada tres anos.

A Rede de Varamentos de Galicia

A posta en marcha da Rede de Varamentos de Galicia foi posible coa fundación no ano 1990 da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a única entidade que conta con autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dende 1999 a través de servizos e convenios. Ten rexistrados en Galicia dende o ano 1990 un total de 480 tartarugas mariñas.

A base de datos de varamentos leva contabilizados nestes máis de vinte anos, dende 1990 ao ano 2011, un total de 4500 exemplares varados en toda a costa de Galicia. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios