As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro”, estarán na final do Concurso Quero Cantar

22:22 13/11/18
Das dúas edicións realizadas ata agora do concurso Quero Cantar, temos na bisbarra uns gañadores. Este ano tivemos de novo un par de propostas en competición, deixando desta volta a rapazada de Laxe o protagonismo á fisterrá.
As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro" son un dos tres grupos que pasan á gran final do certame da terceira edición do certame musical da Deputación da Coruña. Un certame aberto para fomentar a creación infantil e xuvenil en galego, e que terá a súa gran cita este sábado 17 de novembro a partir das 18.00 horas no Teatro Colón da Coruña.
O blues da fin da terra terá como rivais na final Infantil a banda Cortegadaos, do concello de Cortegada, coa canción "Eu quero ser unha árbore"; e Os Calistos, de Teo, coa canción "A princesa azul", todas elas formadas por rapazada de ata 12 anos, coa colaboración dunha persoa adulta nalgúns casos.
Ademais, a gran invitada será a banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, que fará vibrar á toda a rapazada que acuda a ver a finalísima, cos seus xa míticos temas que saben todos os nenos do país.
Todas as bandas concursantes teñen xa asegurado un premio, que pode ser de 1500 euros e mais un videoclip para as primeiras clasificadas, 1000 euros para as segundas e 500 euros para as terceiras. Todas elas teñen dereito ademais á gravación en estudio da súa maqueta, para incluíren despois o tema no disco Quero Cantar 18 que se ha distribuír entre centros de ensino de toda Galicia.
As entradas para o evento son gratuítas e poden recollerse anticipadamente no quiosco da praza de Ourense, na Coruña; tamén na billeteira do propio teatro, unha hora antes do inicio do espectáculo, ou ben poden reservarse a través do enderezo electrónico querocantar@querocantar.gal.