Xoves. 28.03.2024
El tiempo

ASOAR-ARMEGA segue levando o mar ás Escolas

ASOAR-ARMEGA segue levando o mar ás Escolas

A Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia, ASOAR-ARMEGA, continua co desenvolvemento do proxecto de educación ambiental “Aprendendo do Mar”. Un proxecto que deu os seus primeiros pasos no ano 2010 no C.E.I.P. “Praia de Quenxe" e no C.E.I.P. Santa Eulalia de Dumbría, e co que se pretende achegar aos máis cativos a cultura mariñeira, ademais de afondar no consumo de peixe e marisco autóctono e sobre a importancia de coidar e protexer o medio mariño para que as especies proliferen e sigamos a ter abundancia e diversidade de especies mariñas nas nosas rías.

Nesta ocasión, trasladouse a actividade a Fisterra realizándoa en dous centros educativos deste Concello, no mes de abril no C.E.I.P. “Mar de Fóra” e en maio no Colexio “Nosa Sra. do Carmen”.
O primeiro paso foi montar en cada un dos centros unha exposición con artes de pesca tradicional, incluíndo algunhas moi antigas que xa se atopan en desuso. Con elas os alumnos participaron en diferentes actividades didácticas para coñecer como se usan, que se pescan con elas...

3 visitas de pesca e marisqueo

Posteriormente, os técnicos de ASOAR-ARMEGA acompañados do Presidente e Secretario da entidade, dous traballadores do mar con moitos anos de experiencia, achegáronse aos centros para realizar cos alumnos uns talleres e sesións divulgativas acerca da pesca e do marisqueo. En cada centro realizáronse tres visitas posto que se dividen ós alumnos por grupos de diferentes idades para así poder adaptar o contido das actividades dependendo dos seus coñecementos e intereses.

En cada unha destas xornadas preténdese dar a coñecer como é unha xornada de pesca e outra de marisqueo, amosándolles o mar como un medio de vida, como se empregan as diferentes artes e aparellos, as especies que se capturan, onde habitan, explicándolles as peculiaridades dos ecosistemas e a fraxilidade dos mesmos.

Introdución ás gastronomía do mar

Ademáis preténdese introducir o interese dos nenos polo consumo de peixe e marisco autóctono e facerlle comprender por que é tan importante este consumo, que nestas idades resulta de moi difícil aplicación. A Asoar amosoullela a importancia nutricional dos produtos mariños, sobre todos daqueles que posúen unha menor valoración culinaria e de mercado, como poidan ser algas, anémonas e outras especies que non teñen calado comercial, e que sí teñen altos valores nutricionais.

A sostibilidade como norma xeral

Ademais nas xornadas tamén se traballa para que se interioricen hábitos de vida sostibles dende idades temperás, abórdase a problemática que ocasionan os residuos que se atopan nos fondos mariños e nas zonas costeiras, facendo especial fincapé na importancia de manter limpos os fondos mariños e o litoral. O uso responsable e sostible do mar, que é a base da economía de moitas familias, é fundamental.

A vida do mar

O broche final destas xornadas consiste en amosarlles algunhas das especies vivas (estrelas de mar, gorgonias, ourizos, polbo...), este momento é moi agardado polos cativos xa que desta forma pódenos ver de preto e mesmo tocar as especies vivas.

Valoración da ASOAR

Desde ASOAR agradecemos a colaboración e o interese amosado desde os centros escolares, e destacamos, no caso destes dous centros, a participación activa dos alumnos, e o interese amosado. A pesar de que, sendo Fisterra unha vila mariñeira, moitos dos nenos coñecían os aparellos e artes de pesca e o seu uso. Pero amosaron unha grande expectación no desenrolo das charlas e dos talleres, nas que se lles falou de un montón de curiosidades sobre as diferentes artes e as especies mariñas, algúns deles aprenderon a preparar unha nasa con carnada para o seu largado ou a utilizar unha raña.

Durante as sesións os nenos poideron percibir a través de vídeos e fotografías como se realizan as distintas tarefas de pesca, segundo a arte ou aparello a utilizar, fixeron gran cantidade de preguntas e valoracións sobre as especies mariñas que habitan as nosas costas, e amosaron a súa preocupación pola contaminación e como está afectando aos nosos ecosistemas, incluso facendo valoracións sobre a xestión incorrecta dos residuos que se está levando a cabo nos nosos concellos.

Novas de Divulgación e dignificación no mar da ASOAR

Máis novas

Fonte

  • Nota de prensa da Asoar-Armega.
Comentarios