Os Bakin’Blues pecharán en Sardiñeiro a súa nova mini-xira con Boney Fields
21:00 25/09/15
O profesor no IES Fernando Blanco e cantante dos Bakin'Blues, con Bonie Fields
Énchenos de orgullo e satisfacción ver unha banda con raíces costeiras tocar cunha estrela mundial. Menudo espectáculo deron o ano pasado na Capitol os Bakin’Blues Band xunto conBoney Fields! Un show que fixeron moito máis especial na súa visita a Sardiñeiro, onde esta banda ten o seu centro de operacións desde a súa creación.
Este 2015, o músico natural de Chicago, un dos trompetistas máis recoñecidos da escena do blues actual, non quere perder o bo marisco costeiro e volverá pola Costa. Farao despois da mini-xira que realizará cos Bakin achegando a música popular afroamericana ata Galicia.
Fields formou parte da banda de James Cottom durante os oitenta, pero tamén tocou con bluesmen da talla de Junior Wells, Buddy Guy ou Luther Allison. Agora dende o seu primeiro encontro no 2010, Boney Fields e a Bakin Blues Band levan realizando varios de concertos xuntos dentro e fóra de Galicia (Sala Capitol, Festival de Blues de Burlada, etc). A complicidade entre o de Chicago e os galegos dá lugar, sen dúbidas, a un directo de blues dos máis potentes e divertidos.
Así, podedes velos o xoves 24 de setembro na Casa das Crechas de Santiago de Compostela, a partir das 22:00h, onde gravarán un directo ou na Pousada das Ánimas de Boiro o venres 25. Pero seguro que vos queda máis preto a Horta do Lestón, en Sardiñeiro, onde tocarán a partir das 22:30h do sábado 26 de setembro. Unha ocasión única.
Novas relacionadas
- Os Bakin´Blues, nominados aos Premios Martín Códax.
- Noite de San Xoán cos Bakin Blues no Ézaro.
- Artigos de Javi Turnes na Escarpadura.
- Entrevista con Javi Turnes: “Deixar a cultura en mans do estado é un erro”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).