O BNG de Fisterra propón construír o novo centro de saúde nos terreos municipais de San Roque
Segue buscando espazos o Concello de Fisterra para dúas obras fundamentais: a estación de bus e o Centro de Saúde.
Hoxe o BNG de Fisterra fai unha proposta para o novo Centro de Saúde da localidade, sinalando que debe ser construído nos terreos municipais da zona de San Roque, rexeitando así a proposta reformar o edificio no que actualmente se ofrecen os servizos médicos. Os nacionalistas levan anos insistindo na necesidade de facer un novo centro sanitario no municipio, e lembraron que nas antigas normas subsidiarias xa se contemplaba en San Roque unha parcela para servizos sociais e culturais, cuestión que foi confirmada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que actualmente está en vigor en Fisterra.
A voceira do grupo nacionalista en Fisterra, Tereixa Fernández, indicou que agarda que "o Goberno galego acometa o proxecto á maior brevidade posíbel", e avanzou que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta, a través do deputado Oscar Insua, para que se habilite unha partida económica que permita construír o centro médico. Ademais, advertiu que “non queremos chapuzas, como xa sucedeu con outras propostas, e cremos que o novo edificio incluso podería acoller outros servizos como un centro de día, que é moi necesario”.
Fernández manifestou que “levamos moitos anos reivindicando un novo centro de saúde decente, que fai moita falta, para que os pacientes deixen de usar un lugar que non é o axeitado e que non responde ás súas necesidades”.