Complicada tesitura para o pleno de Fisterra

Este pasado venres tivo lugar o pleno de outubro no Concello de Fisterra. E nel douse boa conta da complicada tesitura á que se enfronta, outra media lexislatura máis, a vida política fisterrá. Despois da moción de censura, o PP queda no goberno con 5 edís, fronte aos 6 edís dunha oposición absolutamente desmembrada, formada por 2 edís do PSOE (do que o ex alcalde José Marcote viviu o seu último pleno), 2 de Alternativa, unha do BNG e outro edil non adscrito, Tito Traba, o edil saínte de Alternativa dos Veciños que deu co seu voto na moción de censura a alcaldía a Luís Insua hai apenas dous meses.
O feito de que o PP non incluíse a edil “díscolo” no goberno volve desestabilizar o taboleiro, como xa se demostrou nada máis comezar o pleno do venres: unha moción sobre unha Modificación de crédito para pagar facturas de 2023 e 2024 (case todas de Idades SL, polo servizo do SAF) na que votaron a favor AV, BNG e PSOE e o PP se abstiña, o edil Traba amosaba xa as súas armas votando en contra, e largando un rotundo: “Señor Luís, conimigo non conte para falcatruadas”.
Así, desenvolveuse un pleno algo tenso, no que cada votación tivo diferentes resultados.
Dedicacións
De seguido o PP propuña as dedicacións para o goberno municipal: unha dedicación parcial á alcaldía de Luís Insua por 1.700€; e outra dedicación parcial do 50% concelleira de Cultura, Patrimonio, Novas Tecnoloxias, Igualdade e Muller, Susana Rodríguez, de 1.100€.
A exrexedora Áurea Domínguez explicou o voto en contra dos dous edís da AV, criticando que “quen no pasado rexeitaron e puxeron paus nas rodas por permitirme unha dedicación, son agora os que reclaman para si as mesmas cousas”, calificando de “falta de ética” presentar estas dedicacións, e criticando tamén que “a media xornada é unha falta de respecto á cidadanía e unha hipocresía”. Xa aí se notou tensión sobre todo entre o actual alcalde e a ex rexedora.
Saíu a favor a proposta da alcaldía polo voto a favor do BNG, e á astención do PSOE, que entendía que “Fisterra necesita un alcalde ao 100%”, deixando no “aire populista” que deixa esa idea da dedicación parcial.
Traba volveu votar en contra, criticando que traese algo a RPT que as dedicacións, ao que o alcalde asegurou que ía estar lista antes de fin de ano. E volveu ser o único que votou en contra dunha moción para un aumento dunha partida para unha obra aproveitando para criticar ao arquitecto.
Plan de axuste económico-financieiro
De contado, votouse o Plan de axuste económico-financieiro para “sanear as contas de Fisterra”, segundo sinalou o alcalde, con novas achegas doutras administracións.
A ex alcaldesa explicou a abstención do seu grupo sinalando que este Plan é necesario agora pola “irresponsabilidade” dos edís do PP e do edil “tránsfuga” ao non votar a favor dun modificativo de crédito de medio millóns no 2024 para “manter o equilibrio orzamentario e manter os servizos municipais”. Puxo así a responsabilidade no grupo popular buscar solucións, momento no que volveu a saltar a tensión vocal entre
O Plan, calificado como “máscara ou un engañabobos” polo edil Traba, foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e as abstencións de AV, BNG e o propio Traba.
Despedida
O pleno rematou despedindo cun gran aplauso a José Marcote, que deixa o pleno despois de 18 anos formando parte da corporación.

Veremos como evoluciona a situación, que volve darse esa circunstancia estrana na política local, que xa temos vivido en casos como a Malpica de Cañizo, na que un só concelleiro independente sen apenas representación, ten a chave da democracia.