Venres. 26.04.2024
El tiempo

Condenados a 15 e a 13 anos de cárcere dous homes que roubaron e incendiaron unha casa en Fisterra en 2020

Audiencia Provincial da Coruna
Audiencia Provincial da Coruña
Condenados a 15 e a 13 anos de cárcere dous homes que roubaron e incendiaron unha casa en Fisterra en 2020

Aló polo 13 de setembro de 2020, dous individuos (un natural de Carballo) entraban nunha casa unifamiliar de Fisterra, conseguían roubar 2.022 euros en metálico, varios reloxes, unha cadea e un móbil, e antes de marchar provocaban un incendio nun vehículo situado no garaxe para intentar borrar as probas do delito.

Poucos días despois eran detidos pola Garda Civil e postos a disposición da Xustiza.

Tralo xuízo celebrado estes días (os acusados negaron todos os feitos argumentando que estaban alí “mirando as mareas”), a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a 15 anos e 3 meses de cárcere; e a 13 anos e medio de prisión, respectivamente, a cada un dos dous homes. O tribunal considerounos autores dun delito de incendio con perigo para a vida ou integridade física das persoas de menor entidade; dun delito de roubo con forza nas cousas; e dun delito de roubo con forza en casa habitada.

Os maxistrados consideran probado na sentenza que, tras fracturar a porta dun vehículo e apropiarse dun feixe de chaves, entre as que estaban as da vivenda, accederon ao interior da casa, e provocaron un incendio no seu interior. O lume, segundo consta na sentenza, xerou “un perigo para a vida e integridade física das persoas”.

Comentarios