Denuncian que as trabas administrativas perxudican máis aos mergulladores de Fisterra que a toxina
Facíamos públicas nestas liñas o pasado mes as protestas dos mergulladores de Fisterra pedindo o levantamento da veda do longueirón. Pois segundo denuncia o BNG, a veda pola toxina segue presente e os mergulladores na casa, pero a sensación é que os mariscadores están sendo máis perxudicadosp polas trabas administrativas que polas mareas vermellas.
Denuncia o grupo que apoiará o cambio goberno en Fisterra que “a metodoloxía de detección de toxina podería estar obrigando a pechar máis tempo do realmente necesario. O actual modo no que a Xunta toma as mostras de toxina prexudica moito aos mariscadores de longueirón que traballan en Fisterra. Os recortes da Xunta tamén afectaron ao funcionamento do laboratorio de control de toxinas, e as súas consecuencias son asumidas polos profesionais do mar”.
Por iso pedirán no Parlamento que se corrixa a metodoloxía e a forma de comunicar os avisos, pois consideran que “non poden estar condicionados a un horario de oficina”. “Cando entran as biotoxinas é preciso seguir facendo mostraxes e análises, sexa sábado, domingo ou festivo. No momento de aparecer a toxina non se pode admitir que se peche o venres e ata o luns non se volva a tomar decisións. O servizo nestas circunstancias debe garantir continuidade”, sinala.
O BNG sostén que “o número de días de peche, que padeceu o sector nos últimos meses, ben podería terse reducido moi considerablemente de ampliarse os puntos de análise e tipo de mostras. Na práctica, non é tanto un problema de detección de toxina, senón a maneira na que se traballa para detectala, poucas mostras para zonas moi amplas, en base a condicionantes económicos de escasa relevancia”.
A opinión dun experto
Toman as verbas da valoración feita polo biólogo Martiño Nercellas a petición dunha representación do sector e o BNG de Fisterra. Así, o biólogo indica que “a metodoloxía de recollida de mostras para a detección de presenza ou ausencia de toxina nestas augas está pouco compartimentada, pois unha soa mostra, que agora é o habitual, para unha área tan ampla, réstalle fiabilidade, e o lóxico sería manter unha rede de puntos de análise que reflectira as circunstancias concretas de cada unha das áreas de produción. Para toda esta zona de produción, o esforzo de mostraxe está por debaixo do número de escenarios previsibles que poden ter lugar, non é acorde á importancia económica do recurso, e é menor que noutras áreas de produción do litoral galego. Concretamente, o problema para os bancos marisqueiros de Fisterra, principalmente de solénidos (navalla e longueirón), é que os indicadores que se fixan para manter aberto ou pechada a actividade extractiva determínanse, en case a totalidade de casos, na análise en mexillón de rocha recollida nun só punto, polo xeral en augas de Lira ou na ría de Corcubión. O seno de Corcubión, entre Punta dos Remedios e o Cabo de Fisterra, incluíndo as augas da ría de Corcubión, é o suficientemente amplo, e exposto a unha dinámica cambiante de actividade fotosintética das algas, por tipo de correntes, luz e temperaturas, polo que o que pode resultar para un compartimento, coma pode ser as augas de Carnota, pode diferir do que resulte noutras, por exemplo en augas da Langosteira. Neste sentido, o recomendable para a zona V sería diferenciar subáreas para a toma de mostras, en función das áreas de produción así catalogadas: a GAL-07.1 (centrándose as mostras en augas de Lira e Carnota; a GAL-07.2 (con toma de mostras na enseada de Fisterra:Langosteira-Estorde); e as GAL 07.3-1 e 2, e a GAL 07.4 ( ría de Corcubión). Así como incrementar as especies de referencia que son controladas, sobre todo en atención á importancia económica que nesta zona ten a extracción de solénidos, tendo máis lóxica empregar coma referencia exclusiva exemplares infaunais (navalla ou longueirón) que o mexillón de rocha. Deste modo proporcionaríase unha detección máis precisa das biotoxinas para o recurso en cada unha das áreas de produción e consecuentemente os criterios de aviso dos peches”.
Novas relacionadas
- 04-05-16: Os mergulladores de Fisterra esixen o levantamento da veda.
- “O maior problema que temos é que veña navalla de fóra”.
- Festa Longueirón 2014: Unha fin de semana de piratas, praias e acordeóns.
- Longueirón 2010: Os Piratas das Crebas tomaron a XIX Festa do Longueirón de Fisterra.
Máis novas
- Degustando á Costa da Morte no Forum Gastronómic.
- Bluscus ou un empurrón ao Turismo Mariñeiro en Galicia.
- Experiencias de venda online de marisco da Costa da Morte.
- Pódese vender marisco pola rede?.
- Este Nadal, sabes o que comes?.
Fonte
- Lorena Martínez Canosa, Redacción de QPC ([email protected]).