Xoves. 28.03.2024
El tiempo

"O maior problema que temos é que veña navalla de fóra"

"O maior problema que temos é que veña navalla de fóra"
Guillermo Traba, natural de Fisterra, coñece moi ben cada recuncho da Costa da Morte. Dende moi pequeno aproveitaba os seus veráns na praia para coller longueirón porque foi o que lle viu facer á súa familia. Hoxe é un rana profesional que extrae longueirón mediante a técnica do buceo en apnea. O equipo de QPC tivemos a oportunidade de pasar un día con el para comprobar de primeria man a dureza do seu traballo.
  • ¿Cal é a diferenza entre o longueirón e a navalla?
O primeiro é a cuncha; xa que a navalla curva un pouquiño mentras que o longueirón é totalmente recto.
  • ¿Distínguense no sabor?
Sí, é mellor o longueirón porque a navalla é máis dulzona e un pouco máis dura. Ainda que no sabor infúe a area; é dicir, o pasto que teña.
  • ¿Pódese coller navalla en calquera época do ano?
Se che deixa o mar, vas todo o ano. Ir ou non depende das condicións do mar.
  • ¿Cantos quilos podes coller ao día?
Quince quilos.
  • ¿En canto tempo colles os quince quilos?
Depende de cómo estean xurdidos. Se colles 10 pezas de cada baixada e están xurdidos, en hora e media cóllelo tope.
  • ¿Cantos metros descendes?
Varía en cada praia. Aquí, na Langosteira, o máximo que hai son seis metros e se che cadra a marea chea podes ter ata oito. En Talón podes ter ata 14 metros de profundidade. Onde máis fondo hai é en Carnota e na ría de Cee.
  • ¿Canto tempo estás en cada inmersión?
Depende do buzo e do fondo; ainda que eu aguanto moito. Se estás a seis metros fas apneas de 30 ou 40 segundos, por culpa de que estás baixando continuamente. Se están en sitios máis fondos  xa se fan apneas máis grandes para aguantar máis; respiras máis arriba e aguantas ata un minuto e medio. Teño aguantado en Carnota, que son 12 ou 15 metros de profundidade, ata dous minutos no fondo.
  • Un dos maiores riscos dun buzo é a rotura de tímpano, ¿que técnicas hai que empregar para non lesionarse?
É fundamental compensar os oídos, houbo moitos ranas que danñaron o oído porque non compensaban. Ó baixar tes que ir soprando polo nariz pola presión. En menos de tres metros non che pide compensar.
  • ¿Como é o teu traxe?
Eu sempre andiven cun traxe de neopreno de sete milímetros, pero agora non sei se é polo cambio climático ou é pola idade, que  preciso un de nove milítimetros xa que a auga está moi fría. Nunca tiven frío no mar, pero agora nótoo tanto que ata perdo os tentos.
  • ¿Que levas nas mans?
Uns guantes de goma e por riba levo os de neopreno cortados nas punteiras para que me tapen o resto da man e así aguantar o frío máis tempo.
  • Contasnos que nas mellores épocas, en Fisterra chegou a haber 200 ranas. ¿Cantos sodes agora?
Na zona quinta, que é esta zona, somos uns cincuenta buzos.
  • ¿Cal é o lugar onde hai máis longueirón?
Onde eu máis longueirón vin de toda Galicia foi na nosa praia, na da Langosteira.
  • ¿Vícheste algunha vez ante un perigo?
Vinme, vinme que me deu apendicite collendo longueirón. Estiven 17 días no hospital e meu irmá Juan víñame dicir que estaba perdendo unha mina, que descubrirán unha croa grande. Eu adobecía por ir.
  • ¿Imaxínaste outro traballo que non estea relacionado co mar?
Non, non me dou sen o mar. Eu cando me retire de traballar no fondo do mar farei como meu pai: ir a pescar.
  • Ademais da temperatura da auga, ¿notas algún cambio máis?
Sí, na area. Antes na praia había unha pedra que lle chamaban As Pías que eu, cando era maís novo e había vendaval e choiva, cambiábame debaixo desa pedra. Agora non se ve porque está tapada pola area. Tamén notei o cambio da cuncha. Esta praia ten moita cuncha; o mar amontonou a cuncha e á media hora xa teño que cambiar o guante que mos rompe todos ademais de fastidiarche os dedos porque hai tanta cuncha que non eres capaz de cravar os dedos na area. O temporal non desfai esa cuncha.
  • ¿Cal é o maior problema co que vos atopades hoxe en día?
O maior problema para nós é que deixen vir a navalla de fóra. En Galicia sobra navalla e longueirón para suministrar a todos os restaurantes e a todos os mercados e hipermercados. O maior problema que temos é ese; que veña producto de fóra. Dá igual que sexa navalla, longueirón, ameixa, berberecho… Hai compañeiros da profesión que queren abandoar porque chega tanto producto holandés que devalúa o noso. As grandes superficies compran 1500 quilos da navalla holandesa a 1,50€, e nós non podemos deixarlla a menos de 5,50€ ou a 5€ e vanlle a ganar o mesmo. O outro día fun facela compra a un hipermercado da zona, e xusto ese día na lonxa retiramos longueirón porque non o quixemos vender a menos de cinco euros. Pareina e leveina para a miña casa para o conxelador para consumo noso. Ó pasar pola pescadería do hipermercado fixeime nas navallas e marcaban a 5,50€, era da holandesa. Quedoume moi mal corpo… ata cheguei á casa enfadado ó vender alí a navalla holandesa e a nosa tela que parar na lonxa porque a pagaban moi pouco. Enfadeime coa impotencia, coa rabia. Ao igual que cando pasas pola conservas e vés que son navallas de Chile, de Jamaica,… e a un prezo altísimo. 180 gramos de carne de navalla chilena en conserva custa case tres euros.
  • ¿E a como pagan as conserveiras a nosa navalla?
Aquí volve a repertise o problema. Hai praias nas que só se sacan navallas ou longueiróns grandes que son ideais para as conservas, pero as fábricas non cha mercan. Non a compran porque lles chegan navallas procedentes de Dinamarca, de Holanda  ou Escocia moito máis grandes e pagaban por elas un prezo moito menor do que nos pagaban a nós. Mentras a nós nos daban uns 10 euros por quilo, esas mercábanas a 6 ou 7 euros. A solución foi que nos deixaron de coller a navalla de aquí e sustituírona pola foránea. Disto xa fai uns 13 anos. Empezou a aparecer a navalla grande de fóra e as fábricas preferíana porque lle viña a metade de prezo.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios