Fisterra, escenario do primeiro filme sobre Castelao
Arrincaba o 2 de setembro a rodaxe da primeira película arredor da figura de Castelao. A produtora Zenit TV e Retrincos A.I.E (coa participación da TVG) filman “Antes de Nós”, e fano tamén en Fisterra. Estes mércores e xoves o equipo de gravación despregou un completo set en Fisterra.
A longametraxe está dirixida por Ángeles Huerta (O corpo aberto, Esquece Monelos...) e o guión de Pepe Coira. Xoán Fórneas fai de Castelao arredor dun elenco formado por Cris Iglesias (Virxinia Pereira), Nancho Novo (Sobral, o canteiro), Xoel Fernández (Cándido), Miquel Insua (Viturro), Sergio Zearreta (Cubeiro), Isabel Vallejo (Xaquina) e Adrián Ríos (Moure), entre outros.
Ademais de Fisterra, a rodaxe prolongarase durante todo o mes de setembro con localizacións como Rianxo ou Pontevedra, lugares escollidos pola relevancia na vida de Alfonso Rodríguez Castelao, e en Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Silleda, Catoira ou Negreira onde se reproducirán os escenarios nos que viviu o protagonista.
Sinopse de Antes de Nós
Antes de Nós non é unha biografía convencional, senón que busca entender como era Castelao, profundizando nas súas emocións e as circunstancias históricas que deron forma á figura que todos coñecemos hoxe en día. Para iso, a película céntrase en dous episodios cruciais da vida de Castelao: o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe do 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller Virxinia, tras a tráxica perda do seu único fillo Chuchiño, á edade de catorce anos. Esta obra levaranos a descubrir quen era Castelao antes de ser o Castelao que todos coñecemos; como era Galicia antes da “xeración Nós”, e o matrimonio de Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.
Rodaxe en Mar de Fóra
Curiosamente a vila do Cristo tamén foi escenario para a gravación serie alemana durante a pasada fin de semana. O equipo xermano usou o pavillón como centro de operacións, e estivo por Mar de Fóra (invadindo con tractores o sistema dunar protexido).