Fisterra invita ao Papa a visitar a fin da terra
Xa o intentou, e case o consegue, Xosé Manuel Barros de Mar de Fábula co Papa Francisco. Agora é o alcalde de Fisterra, Luís Insua, o que lanzou unha invitación formal para traer ao Santo Pai León XIV, o actual papa estadounidense/peruano, á fin da terra.
Insua, achegouse ata o Arzobispado de Santiago de Compostela para intentar conseguir que, con motivo da súa previsible visita á Catedral de Santiago de Compostela, durante o ano 2027, Ano Santo Xacobeo, o Papa se achegue a Fisterra.
Motivos non lle faltan para facelo, dada a vinculación secular do Concello fisterrán coa tradición Xacobea, recollida no Códice Calixtino, ademais de ser o Km. 0 da ruta Xacobea Santiago Fisterra-Muxía. O rexedor lembra ademais ascartas emitidas no século XV ao papa Martín V sobre os peregrinos que viñan a Santa María de Fisterra, ou a propia Bula papal de Benedicto XIII, tamén no mesmo século, ofrecendo indulxencias aos cristiáns que visitasen a Igrexa parroquial de Santa María de "Finibusterre”.



