Fisterra recupera os seus Cabezudos
10:56 03/11/15
Taller de cabezudos de Fisterra-Foto-Darío Gómez
Quen mellor que Viki Rivadulla para recuperar unha tradición artesá na vila do Cristo. Leva anos detrás da restauración dos Cabezudos da Barca de Muxía e estas semanas atendeu á chamada da Concelleira de Cultura de Fisterra, Teresa Fernández Martínez, para botar unha man por Fisterra.
Viki Rivadulla, á esquerda, imparte o Taller de cabezudos de Fisterra-Foto-Dario Gomez
Lembra Viki que en Fisterra tamén saían os cabezudos durante moitos anos, unha tradición ligada ás festas populares que se daba en moitas vilas galegas. Unha tradición que se foi perdendo cando o concepto verbena superaba ao de romaría. Pero son moitas as vilas que agora queren recuperalos, seguindo o mesmo impulso que levou a Roberto Traba e compañía a recuperar o polbo do entroido.
En Fisterra pensan en sacalos na Cabalgata de Reis, e aí están xa están en pleno proceso de traballo, con Viki Rivadulla como mestra do obradoiro. E o máis importante, vai ser a propia xente de Fisterra quen elabore os cabezudos, non van ser mercados por aí adiante.
Viki cóntanos que "o primeiro é facer uns deseños diferentes baseados na tradición fisterrá, con mariñeiros, peixeiras... lembrando cousas propias como a lenda da Orca Vella etc…"
"O xeito de fabricación non vai ser a forma "ortodoxa" de facelos modelando en barro e sacando moldes para facer logo en cartón pedra porque, por unha banda, o tempo ata o nadal é pouco e, por outra, teriamos que contar con que os participantes soubesen modelar ben e o obradoiro está pensado para que poida participar quen queira, sen ter que ter coñecementos artísticos ningúns. Deste xeito imos facelos, como se ve nas fotos, forrando globos con cartón falleiro e a partir de aí xa iremos poñendo os rasgos para definir as personaxes. Tamén imos facer as roupas. Moito traballo por diante en pouco tempo, pero coa disposición que lles vin, van quedar estupendos", cóntanos unha encantada Viki.
Foto-Darío Gómez
Foto-Darío Gómez
Novas relacionadas
- Os Cabezudos manteñen viva a auténtica Romaría da Barca.
- O Fisterra recuperou o Enterro do Polbo cun completo funeral.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).