Venres. 04.10.2024
El tiempo

Fisterra rendeu homenaxe a Don Emerito na presentación da súa Antoloxía

Presentacion do libro de Don Emerito-Biblioteca Fisterrania
Fotos de Víctor Hugo
Fisterra rendeu homenaxe a Don Emerito na presentación da súa Antoloxía

Quedou pequena a Praza da Constitución de Fisterra para a presentación do libro que recolle toda a obra de Desiderio Paz Figueroa, Don Emerito. Centos de persoas quixeron homenaxear a un dos grandes referentes da historia da vila do Cristo, e non se perderon a Antoloxía coordinada por Modesto Fraga no marco do proxecto da “Biblioteca da Fisterranía”.

”Desiderio Paz Figueroa. Don Emerito” é o terceiro volume desta colección, e completa así a “recuperación do legado da Santísima Trindade das Letras da fisterranía”, como recoñece o propio Fraga, tralas escolmas xa realizadas de Francisco Esmorís Recamán e Ramón Marcote.

E Don Emerito era moi querido na vila do Cristo. Corcubionés de nacemento pero fisterrán de corazón, a presentación do libro converteuse nunha homenaxe popular á súa figura. “O pobo de Fisterra saíu moi emocionado desta xusta homenaxe a quen tanto fixo por este municipio”, conta Modesto.

Alcalde de Corcubion alcaldesa de Fisterra e Modesto Fraga na presentacion da antoloxia de Don Emerito da Biblitoeca da Fisterrania
O Alcalde de Corcubión, a alcaldesa de Fisterra, Modesto Fraga e Rosario Domínguez na presentación. Foto: VH

No acto de presentación, ademais do propio Modesto, interviron a alcaldesa de Fisterra Aurea Domínguez Sisto, o alcalde de Corcubión, e mais a afillada de Don Emerito, Rosario Domínguez Rivera. Tamén participaron no evento o poeta Roberto Traba Velay, a señora Lola Ruíz, que cantou durante moitos anos no Coro con don Emerito, e as bailarinas da Danza dos paus.

Praza da Constitucion de Fisterra nun evento literario da Biblioteca da Fisterrania
O evento literiario encheu de cultura a Praza da Constitución. Foto: VH

Don Emerito

Don Emerito chegou a Fisterra en 1909 para ocupar a praza de médico titular da localidade e, desde momento, pasou a converterse no grande impulsor de todas as actividades sociais e culturais celebradas no municipio. Estudou Medicina en Santiago de Compostela e foi amigo de Castelao, con quen compartiu formación académica.

Como poeta, Don Emerito escribiu moitos poemas ao longo da súa vida, publicando algúns deles nas revista "Nerio" e "Alborada", entre outras. Asemade exerceu como correspondente de varios xornais, como "El Ideal Gallego" ou "La Noche".

En 1914 creou a comparsa "Los Astrónomos" e, tres anos despois, "Los Diablos", de grande éxito, que o converteron unanimemente no "Pai do entroido fisterrán”.

En 1924 funda a Banda de Música da localidade, formada por rapaces autodidactas sen apenas formación, integrada por mariñeiros, labregos e pequenos comerciantes. Dirixía a banda de música cun papel de xornal, a modo de batuta improvisada. A súa andadura chegará ata 1950, cando se disolverá pola sangría provocada pola emigración e a posguerra. Este ano cúmprense 100 anos da súa creación.

Ademais, nos anos vinte pon en marcha unha Escola de Teatro afeccionado formada por alumnos do municipio, chegando a representar ducias de obras clásicas de Calderón de la Barca, Lope de Vega e outros.

No ámbito relixioso, foi o director do Coro de Santa María das Areas e de Hijas de María durante máis de cincuenta anos, e é autor dalgunhas das composicións máis emotivas da Semana Santa de Fisterra, declarada de Interese Turístico. É o caso das pezas "Ha muerto el Redentor", "Por qué en la Cruz", "A la Víctima Pascual", do "Miserere" ou da popular "Danza dos paus", que o sábado se interpretou de novo no acto de presentación do libro a modo de homenaxe ao seu creador.

Fundador do Centro Cultural e Recreativo "Casino", da Confraría de Pescadores e da Sociedad Protectora Hijos de Finisterre, faleceu en 1968 en Vilagarcía de Arousa.

NOVAS SOBRE A BIBLIOTECA DA FISTERRANÍA

Comentarios