xoves. 22.05.2025
El tiempo

IES Fin do Camiño álzase co premio á presentación máis rompedora da Liga Drone

IES Fin do Camino Liga Drone
IES Fin do Camiño álzase co premio á presentación máis rompedora da Liga Drone

Xa en novembro confirmaban a súa presenza na gran final. Pero a familia do IES Fin do Camiño non se conformaron con iso, e veñen de alzarse cun dos premios máis importantes da  IV Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG.

Participan na finalísima, 180 estudantes de 18 centros de toda Galicia, enfrontábanse a un reto real, nos que tiñan que deseñar, programar e poñer a voar un sistema sobre un dron para o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso. 

E ante máis de 1000 escolares que asistían como público, os fisterráns sorprenderon cunha presentación tremendamente rompedora, premiada como "a solución máis disruptiva". 

Foi o CPR Montecastelo, de Vigo, o equipo gañador do torneo por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo, habendo  outros 3 equipos cuxa labor foi recoñecida: o IES Eduardo Pondal, de Cangas, recibiu o premio ao mellor deseño; IES Carlos Casares (Vigo), conseguiu o premio á destreza en voo; e IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, o premio á mellor presentación.

Liga Drone

 Obxectivos

O certame trata de  contribuír á orientación profesional dos estudantes cara ás carreiras STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións", así como "difundir o coñecemento tecnolóxico de maneira amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela, utilizando novas fórmulas participativas na aula", "potenciando entre os novos valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo".

Proceso

Van meses en marcha do proxecto. Tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar unha solución dron para o transporte de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da organización. 

Nesta ocasión, os colexios participantes deberon ter en conta á hora de deseñar a súa solución a dificultade engadida de entregar diferentes tipos de medicinas a centros médicos (simulados) situados en distintas localizacións. É dicir, requiríase que cada punto de entrega recibise un tipo de medicina concreta e, para iso, o dron, que simulaba partir desde un hospital, debía depositar a medicina idónea en cada centro médico.

Trátase de dar solución a unha situación que pronto veremos na vida real: a loxística sanitaria mediante drons. Ademais, nesta edición, introducíronse dúas novidades técnicas na competición: por unha banda, o escenario no que se situaban os puntos de entrega estaba nun plano inclinado, o que requiriu dunha maior pericia por parte dos pilotos do dron, e, doutra banda, había un incentivo para voar máis alto, xa que as “medicinas” depositadas correctamente na parte superior outorgaban máis puntos.

Máis novas

Comentarios