Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Kuka Sar: "Imos a por todas. En Fisterra existe un fastío político"

Kuka Sar: "Imos a por todas. En Fisterra existe un fastío político"
Kuka Sar candidato do BNG de Fisterra

Despois de 13 anos de goberno popular, o BNG chega a estas eleccións do 24 de maio de 2015 coa intención de mellorar a súa presencia no pleno, reducida a 2 edís. Despis dunha completa renovación no alto da lista, Kuka Sar lidera unha das alternativas a un alcalde imputado e acusado en numerosas ocasións de levar unha política caciquil.


  • QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?

Pois imos a por todas. En Fisterra existe un fastío político que se percibe nas rúas, nas aldeas, no porto. A xente está cansa disto. Teño a impresión de que o PP é moi consciente disto, e nos últimos tempos abandonouse totalmente, renunciando a acadar logros e cumprir promesas. Isto non só o dicimos no BNG, máis ben trasladamos ese sentir da xente coa que falamos, e neste último ano foi moita. Penso que é unha etapa final do PP, e que os tempos son chegados pra rexeneración. Todos en Fisterra teñen gañas de ter un Concello do que todo mundo fale, pra presumir, e sobre todo pra vivir nel con oportunidades de traballo e benestar. Dende o BNG tamén temos esa ilusión. Por iso o noso lema de revolución do cambio: medre o mar, produza a terra, avante polo cambio da nosa Fisterra. Acompañado do son da "vaca do Faro" que fai anos que non se escoita por non querer arranxala.


  • QPC: O BNG tivo durante esta lexislatura ata 3 cabezas de lista. Como explica esto á veciñanza fisterrá?

Vaia por diante o agradecemento a Modesto e Xermán, ambos partícipes de levar o relevo do BNG nos anteriores comicios, e que pasaron o testigo de continuar co relevo nas responsabilidades da organización. Das súas achegas e tempo foi posible a continuación miña, coma portavoz, dunha maneira que non decaera o traballo a facer dende o BNG, que en toda o mandato foi constante e abundante. Entre todos fixemos que o BNG fóra a oposición activa en tódolos plenos. Nos dous casos, as circunstancias persoais e na procura dunha estabilidade laboral foron determinantes para ter que botarse a un lado. Foron bos e xenerosos, e tiveron un fantástico facer, e son parte xa do libro do nacionalismo de Fisterra, que non está rematado.


  • QPC: Cales son os puntos fortes do seu equipo?

Cando fixemos a candidatura, a premisa foi facer equipo, o portavoz resultábanos un pouco máis circunstancial, no sentido que alguén tiña que ir a fronte. Tódolos meus compañeiros e compañeiras non dubidaron en que fora eu. A pesar de que eu mesmo indicara que podía ser considerado en Fisterra coma unha proposta de perfil baixo. Eles aupáronme facendo ver que quen mellor representaba, na organización, os valores de traballo, xenerosidade, humildade, sinceridade, transparencia, o sentir de fisterranía (coma dí Modesto no seu libro), de levar Fisterra a todas partes coma "Gransoleiro" e peixeiro, pois que era eu. Decíanme ti es a Fisterra, o que o presidente Mújica é a Uruguai. "El é Pepe, e ti es Kuka". Entón así resulta difícil renunciar. Agora, nestes días de porta a porta, nas aldeas, todos coñécenme pola figura do meu pai: Ti es o fillo de Manolo de Cachán, e todos recíbenme con máis cariño do que podería pensar. A verdade que vou ter que comezar a ter mellor estima de mín, estou sorprendido.

Somos esencialmente equipo, no que combinamos experiencia en corporacións anteriores, maís antigas e recentes. Xente implicada nos escasos movementos cultuirais cos que conta a vila, AMPAS, exmariscadoras, xente moza estudante e traballadora, e outros dun perfil técnico e bo coñecedor das administracións públicas. Con este equipo podemos dicir que hai partido!

Lista do BNG de Fisterra 2015
  • QPC: Cres que a imputación do alcalde, e denuncias por corrupción mermarán os resultados do PP?

Sinceiramente, xa nin nos molestamos nesa cuestión. Non é que non nos importe, pero é que nos anteriores comicios a cousa estaba fresca e o pobo depositoulles a confianza. Agora é distinto, o pobo está canso deles, pola súa falta de implicación e traballo. Iso explica a perdida de moitas cousas para Fisterra nun mandato. Que sexa a xustiza quen faga o traballo. Máis non creo que o novo xuíz de instrucción de Corcubión veña en plena campaña cos autos, en pezas separados de tódolos imputados, tal e como obrigou a Audiencia Provincial, e revente a campaña. Verémolos con tempo, máis adiante, tal vez cando nin importen, xa que forman parte dun procedemento moi tedioso. Dende logo os seus abogados fixeron un bo traballo demorando todo o posible o feito de que chegue o día do xuízo. Esas estratexias de defensa deberían estar prohibidas. Os novos autos de instrucción probablemente recollan os mesmos indicios delituosos que o anterior conxunto.


  • QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no seu concello?

As estatísticas son contundentes no negativo. Coñecelas, entendelas, e valoralas son a base para coñecer a que problema ten que facer fronte Fisterra. E diso foi no primeiro que nos preocupamos no BNG fai uns meses, cando comezamos a preparar as nosas propostas. Non vale actuar con iniciativas soltas e descoordinadas, ou superfluas, por moi atractivas que parezan a priori. Tampouco vale chegar e querer pavimentar camiños, por eiquí e por alí. Non. Os datos do paro son desconcertadores. Que Concello soporta entre 400 e 500 parados anuais cunha poboación activa de 1200. Somos dos peores índices da provincia. Pero o dato aínda é máis malo, cando vemos que a maior porcentaxe recae en mulleres que teñen máis de 35 anos. Que futuro laboral lles queda?. Sumando aínda na negatividade, o outro dato demoledor é o índice demográfico da poboación. Temos un índice de 45,5 anos de media da poboacón, dos máis envexecidos da provincia. Iso significa que en Fisterra existe unha importante poboación de maiores. Quen vaia ao rural pode velo. Aldeas so con xente maior, case autosuficiente, e con pouca axuda asistencial. Pero o terceiro dato, que en parte é resultado da suma dos outros dous, tamén é dos máis negativos. A renta por habitante, a renta no fogar, é dicir, do que se ingresa e gasta nunha familia fisterrán, sitúase nunha media lixeiramente por baixo dos 10.000 euros. A media na Galiza é de case 15.000 euros. Isto significa que moitos fogares de Fisterra teñen 5.000 euros ao ano menos que a media das familias galegas.

Quen vexa estes datos pronto cae na conta da urxente necesidade de redirixir boa parte das políticas locais en acadar recursos para promoción de emprego, e actuacións de dependencia e coidado e asistencia de servizos sociais dos nosos maiores, principalmente nas 23 aldeas coas que conta Fisterra (sen contar o entorno da vila e Sardiñeiro). E como? Temos que tirar dos elementos que marcan a diferenza de Fisterra con outros lugares: pesca, a calidade da pesca e marisqueo artesanal, e turismo, xa que somos os únicos que temos o cabo "do fin do mundo".


  • QPC: Cal é o proxecto do que fai bandeira e a que partida orzamentaria adicará máis cartos?

Gobernar pra nosa xente, para os nosos maiores, xa que lle debemos todo, e para a nosa xente moza, que non se vexa obrigado a marchar. Entón reforzaremos os servizos asistenciais e de dependencia, que acaparará máis que o cemento e asfalto. Iso moi seguro. Sacaremos talleres de emprego baixo a perspectiva de xerar tecido cooperativo dimensionado a pequena escala, pra que sexa dinámico e realista, relacionadas co marisqueo e novos produtos do mar (algas, anémonas, ..) e cos produtos do agro e da carne, das que algunha incentivaremos ou animaremos pra que se faga coa etiqueta ecolóxica.Tamén en formar a estes profesionais no funcionamento dos canais de comercialización. O modelo de taller de emprego actual está anticuado e faise con criterios populistas.


  • QPC: Tres propostas concretas, e importantes, do seu programa.

1. Recuperar o selo de patrimonio Europeo. É posible, o BNG fixó a consulta á Comisión Europea, por medio da nosa representante Ana Miranda, e abrirase un novo prazo. Temos que estar preparados. O noso propósito é copiar o modelo da entrada ao Parque Nacional de Ordesa, o que se fai en Torla. Quitaron o acceso de vehículos dos turistas, e quen queira subir a entrada de Ordesa, ten que facelo andando ou en autobueses lanzadeira de prezo simbólico pero que asegura a súa autoficiencia. Dende aquelas Torla experimentou un despegue económico que cambiou para sempre, para ben a vila. Por certo, que está impecable. Se fai falta levaremos unha representación dos axentes sociais e económicos de Fisterra para que comproben esta fórmula exitosa.

2. Exercer un liderazgo político na defensa dos intereses pesqueiros e marisqueiros do porto e da frota de Fisterra. Imos dala cara política pola nosa xente de mar. Non ser sumisos co goberno da Xunta e do Estado á hora de acatar as políticas pesqueiras. Sumámonos ao frente aberto pola pesca artesanal da Costa da Morte na defensa dos nosos intereses, fronte aos desguaces, as cuotas impostas ao que é unha pesca sustentable, pero tamén, por denunciar para poñerlle freo aos abusos da pesca do arrastre en augas interiores da Costa da Morte. O noso verxel do leito mariño, debe manterse inmaculado para a cría e produción, e non labralo con insistencia e repetición coa que se fai.

3. Fainos ilusión recuperar un servizo universal coma é contar cunha biblioteca municipal, e facelo no edificio que foi o fogar do Valente de Fisterra e que conecta coa figura do viaxeiro George Borrow. Xunto coa posta en valor do xacemento do Castro de Castromiñan, que en boca dos entendidos trátase dunha fortaleza de enorme interese de estudo para a arqueoloxía de Galiza. A súa escavación pode resultar un potente recurso turístico que complemente a importante oferta patrimonial coa que conta Fisterra.


  • QPC: Como potenciará a participación cidadá no Concello?

En primeiro lugar cambiar varias cousas relacionadas cos Plenos. As convocatorias fanse en horario e día que imposibilita asistencia do público. Iso acabouse, como se temos que facelos plenos en festivo.Queremos que a xente asista os Plenos. Das poucas veces que asistiu público, comprobamos que a aptitude dos membros do goberno local cambiaba radicalmente. De rirse nas nosas caras coas nosas propostas, a manter un rictus de seriedade diante dos veciños ao verse espoleados coas nosas mosións.

Proporcinaremos rexistros sonoros e de audio dos plenos, e veremos de incorporar unha tecnoloxía tan barata e cómoda coma son os vídeos en streaming pola páxina web do Concello, para dar os plenos. Pero para o rural será distinto, as parroquias deben, como entes recoñecidos no estatuto de Galiza, ter máis dinamismo, coa cal faremos asembleas veciñais parroquiais previas aos plenos. Xa que tampouco temos tantas parroquias, iso é posible.


  • QPC: Como analiza o traballo do alcalde nesta lexislatura?

A das promesas fracasadas e incumpridas sistematicamente. Eles prometeron por tres mandatos un centro médico, durante as campañas, e por tres veces o incumpriron. Agora voltan ofrecelo. Ofreceron por tres veces un contradique, que pasou dun fixo, a un flotante. Sospeitamos que e é o que non queren no porto de O Xufre na Illa de Arousa. Prometeron 8 millóns de inversión do Plan do Cabo de Cesar Portela, e non fixeron nada, agás agora en precampaña, a senda ao Faro por riba da propia estrada. Perdimos o Centro de Expedición da Lonxa, fundamental para a comercialización e non perder competitividade dos nosos produtos. Non lles importou nada, non moveron un dedo pra axudar a Confraría a conseguir o financiamento necesario para mantelo. Non lles importou nada perder o banco marisqueiro de coquina, en mandatos anteriores. Un marisco que gozaba de moita calidade recoñecida en alta cociña. Nesta lexislatura nin se molestaron en presionar á Consellería de Pesca. Nin se moveron polo xeito, nin se sumaron as reivindicacións da pesca artesanal, cando Fisterra conta con 77 embarcacións. Trece anos atrás eran case 100.

O da perdida do Selo de Patrimonio Europeo, iso xa non ten nome. Tentamos solucionar os problemas para que entrara a ambulancia ao fondo de Mallas, co cal só había que arranxar un camiño da antiga parcelaria, e nada, nin se molestaron. Non completaron a posta en marcha do dique de Sardiñeiro pra darlle utilidade e diversificar usos nel. Saben que a depuradora de Mar de Fora funciona deficentemente e que os verquidos fecais nas Pardas son continuos, e non hai maneira. O paseo de Sardiñeiro ou o da Langosteria dan pena, e eles din que é cousa do photoshop. Ou non son capaces de impedir os asentamentos de comunas nun espazo natural protexido da Rede Natura, e dos máis queridos dos Fisterráns, a praia de Mar de Fora. Entón, a onde imos así.


  • QPC: Poderíase falar de pactos se PSdG e BNG suman edís suficientes para formar goberno?

Imos tirar de tópicos e dicir que saímos a pedir os noso votos co propósito de gañar, e que despois xa se verá. Pero a lóxica é aplastante.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios