Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Licitan as necesarias obras de ampliación e mellora do CEIP Mar de Fóra

Presentadas obras no CEIP Mar de Fora
Licitan as necesarias obras de ampliación e mellora do CEIP Mar de Fóra

Visita institucional recibía onte o CEIP Mar de Fora de Fisterra. A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, achegábase para anunciar a licitación dunha actuación que suporá un investimento de 951.000 euros para levar a cabo as obras de ampliación e diferentes melloras neste centro que terán un prazo de execución de 9 meses.

A finalidade do novo proxecto é, por unha banda, levar a cabo unha ampliación para contar cun espazo destinado a ximnasio. Para iso, proxéctase unha edificación en planta baixa, exenta do edificio principal, conectada ao edificio principal mediante unha pasarela cuberta que se conectará co soportal. A nova edificación dispoñerá duns materiais acordes coa contorna. Neste sentido, a cuberta integrarase coas cubertas actuais do centro e da contorna construída, en tella vermella, mediante un panel sándwich.

O corpo principal será o da pista deportiva, de maior altura polas súas necesidades programáticas, mentres que os corpos secundarios, dedicados a un despacho, outro a un cuarto de instalacións e un terceiro a un soportal de acceso, serán de menor altura e flanquearán ao corpo principal, para realizar a transición entre este e a contorna. O corpo de acceso tamén servirá para situar a entrada e realizar a transición coa pasarela cuberta.

A actuación tamén contempla no edificio principal a reforma dos vestiarios situados na planta baixa. Para iso, sumarase á superficie dos vestiarios existentes o espazo ocupado polo almacén e o ANPA, practicamente en desuso. Os novos vestiarios terán dúas zonas diferenciadas: un primeiro espazo con uso de aseo, que permita utilizalos como aseos nos tempos de recreo e un segundo espazo destinado ao vestiario en si, formado por zona de duchas  e zonas de bancos. Ademais, dotarase ao centro dun vestiario accesible, do que actualmente non dispón.

Ademais, levarase a cabo a substitución das carpinterías exteriores, a substitución da cuberta de policarbonato dos soportais e finalmente tamén se actuará sobre o peche da parcela que dá á rúa principal, dado o seu mal estado. Os balaústres de formigón substituiranse por un peche metálico con bastidor, que se ancorará aos machóns de formigón existentes. Substituirase tamén a porta principal de entrada ao centro por unha porta metálica con bastidor, similar ao peche.

Comentarios