Unha merecida homenaxe a Manín, “a figura máis icónica da historia do Fútbol da Costa”
Facía falta unha homenaxe así a unha das grandes lendas da historia do Fütbol da Costa. José López Marcote recibía este pasado sábado no Hotel Ancora unha homenaxe do mundo do fútbol da Costa da Morte. “Maní” para Fisterra e “Manín” para o resto da comarca, pasa por ser a figura máis icónica da historia do noso admirado Fútbol da Costa. E así o demostraron xentes da casa e xentes do mundo do fútbol de toda a comarca.
Se hai un poeta do fútbol en Fisterra, ese é Bebeto. Foi Gabriel Riveiro o mestre de cerimonias armando esta homenaxe sorpresa ao fisterrán. Fixo un paralelismo na presentación entre Rianxo e Fisterra, comparando os Castelao, Dieste e Manuel Antonio cos Manín, Miculita e outros centos de grandes xogadores que nacen nas casas da vila do Cristo. “En Fisterra, o fútbol é cultura e poesía, e o mellor poeta de Fisterra é Manín”, sentenciou.
Xentes de toda a comarca que demostraron o recpecto e cariño, tanto no deportivo como no persoal, que lle teñen dende Noia, Corcubion, Cabana, Xallas, Vimianzo, Baio, Lira... E por suposto na súa casa. "A pouco máis pode aspirar unha persoa que recibir o respecto, a admiración e o cariño que toda a Costa da Morte lle ten a Manin", sinalou antes dun gran aplauso Bebeto.
Un dos grandes protagonistas tamén foi Miculita, curmán e amigo inseparable de Manín. Outro amigo eterno, Manolín, tremendamente emocionado lanzou o seu respecto cunha sentida carta.
Xose María Lema Suarez lembrou ese feito de que Manín é a figura máis simbólica do noso fútbol, e xentes de Muros, Baio, Lira ou Noia trouxeron varios detalles e os meirandes parabéns.
Non fallou o eterno contador de chistes, e despois de entrar visiblemente emocionado, contou unhas desas anécdotas que quedan para a historia do noso deporte.
Esta era a pequena homenaxe que lle rendéramos en 2021 con QPCTV: