Martes. 25.06.2024
El tiempo

Modesto Fraga presenta o seu novo libro cheo de Fisterranía

Modesto Fraga presenta o seu novo libro cheo de Fisterranía
Libro Fisterra de Modesto Fraga

Despois de varios anos de investigacións e dedicación constante na elaboración, o vindeiro xoves 6 de marzo sae do prelo “Fisterra, a derradeira perla de occidente”, o novo libro do poeta fisterrán Modesto Fraga.

Un libro que naceu a raíz dunha encomenda que no ano 2008 me fixo a AELG cando me encargou a elaboración dunha guía turístico-cultural do municipio. Por diversos motivos, aquela iniciativa non se puido levar a cabo, así que Modesto decidiu “repensar o proxecto e apostar por un volume moito máis ambicioso no que se recollese a verdadeira esencia dese sentimento matricial que non é outro que a "Fisterranía": esa telúrica emoción, tan fonda e tan íntima, que sentimos todos os fisterráns e fisterrás”, explica.

”Así naceu a idea de escribir un libro destinado non só aos milleiros de visitantes que cada ano deciden vir coñecer este máxico confín atlántico senón tamén aos homes e mulleres que habitamos, desde tempos inmemoriais, o Promontorium Nerium do que tanto falaron os grandes xeógrafos grecolatinos Estrabón, Plinio ou Ptolomeo, entre outros”, cóntanos.

No libro hai un lugar destacado para as lendas, tradicións e costumes locais, para viaxar e gozar do noso inxente patrimonio material e inmaterial, para descubrir a nosa formidable toponimia, os apelidos máis frecuentes do municipio ou as características da fala fisterrá, cos seus principais trazos. Asemade, o volume detense especialmente nos distintos persoeiros que, ao longo da historia, contribuíron a enxalzar o patrimonio cultural do municipio, entre os que destacan Alejandro Finisterre, Desiderio Paz Figueroa, Francisco Esmorís Recamán, Casto María Ínsua, Celia Rivas, Ramón Marcote ou o crego-poeta Matías Escariz.

O libro contén, ademais, varios roteiros de interese que que todo visitante debe coñecer se aspira a poder dicir algún día que estivo en Fisterra, no Patrimonio Europeo, na "Fin do Camiño", no Promontorium Nerium”.

As fotos son da autoría de Iván Fraga, agás algunhas outras de grandes fotógrafos da nosa cultura que souberon captar coa súa arte creativa as excelencias paisaxísticas, humanas e lendarias de Fisterra, como Ramón Caamaño ou Manuel Ferrol, entre outros.

Está prevista unha presentación do libro no concello de Fisterra no transcurso da Semana Santa, da que se informará oportunamente.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios