Venres. 03.05.2024
El tiempo

Modesto Fraga tamén dimite como responsable local do BNG de Fisterra

Modesto Fraga tamén dimite como responsable local do BNG de Fisterra
O voceiro do BNG de Fisterra Modesto Fraga - Foto- Xusto Fisterra

Dimitía do seu cargo de responsable comarcal o pasado mes de novembro. E a pasada mañá do venres 3 de maio de 2013, Modesto Fraga facía efectiva a súa renuncia aos cargos de concelleiro e portavoz municipal do BNG no concello de Fisterra. "Foron tres anos de intenso traballo, con alegrías e decepcións. Quédome, así e todo, co recordo imborrable dos compañeiros e compañeiras que me acompañaron na candidatura electoral que volveu ilusionar Fisterra como nunca antes", apunta Modesto.

Queda Fisterra, concello e comarca, sen un dos políticos que conseguíu o mellor resultado do BNG nas municipais co 23%, demostrando que "hai outra forma de facer política e que non todos os políticos son iguais". Modesto agradeceu a confianza dos votantes e o traballo dos seus compañeiros, aos que lle incide en que "seguiremos singrando o camiño..."

Carta de demisión de Modesto Fraga: "Aos compañeiros e compañeiras do BNG de Fisterra

Prezados/as compañeiros/as:

Como sabedes, desde hai varios meses estou residindo no concello de Arteixo por motivos laborais e persoais e, como consecuencia disto, dun tempo a esta parte a miña actividade política foi minguando de maneira considerable. Certamente, cando o lugar de traballo -que, neste caso, tamén o é de residencia- está a máis de cen quilómetros do municipio no que por vontade democrática dos veciños e veciñas desenvolvemos a nosa actividade política resulta moi complicado poder compaxinar, con equilibrio, as obrigas profesionais e as responsabilidades de tipo político.

Por outra banda, o rumbo actualmente emprendido polo o BNG non é aquel co que eu me ilusionei e polo que loitei ao longo destes anos, razón pola que o lóxico é que quen aposte por esas coordenadas o faga de maneira decidida e quen discrepe dese horizonte se aparte con dignidade.

Por conseguinte, unha vez meditada en profundidade esta situación e logo de falalo coas persoas do meu entorno máis próximo, cheguei á conclusión de que o máis coherente e responsable pola miña parte é presentar a dimisión como portavoz e concelleiro do BNG na corporación municipal de Fisterra.

Despois de dous anos de intenso traballo político no noso municipio no que participamos de xeito activo en todo momento, tanto á hora de presentar iniciativas a nivel institucional (Mocións, instancias, rogos, etc) como á hora de colaborar cos distintos axentes sociais en numerosas demandas e reivindicacións cidadás chega o momento de reflexionar e facer balance. Un balance que, ao meu modesto entender, non pode ser outro que altamente positivo e construtivo. Sen ir máis lonxe, aí están as nosas xestións en materia social, educativa e cultural ou, mesmamente, a nosa defensa a prol dos sectores produtivos de Fisterra, como a pesca, o turismo ou o marisqueo. En definitiva, en todos aqueles aspectos relacionados coa actividade pública e en virtude das nosas competencias en materia de control e fiscalización do goberno municipal.

Evidentemente, queda moito camiño por percorrer e infinidade de demandas que conseguir para o noso concello, mais é de xustiza recoñecer que, no que levamos de lexislatura, o traballo desenvolvido polo noso grupo municipal está a ser debidamente valorado pola nosa veciñanza.

Finalmente, quero agradecer aos compañeiros e compañeiras o apoio recibido ao longo destes anos de concelleiro e, polo mesmo, pedir desculpas se, en virtude das miñas actuacións políticas, errei nalgún momento. Desexo, de todo corazón, que os acertos equilibren a balanza e, en todo caso, que saibades desculpar os erros cometidos.

  • Modesto Fraga Moure. Concelleiro do BNG Fisterra.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios