Venres. 26.04.2024
El tiempo

O BNG de Fisterra estrea portal web

O BNG de Fisterra estrea portal web
O BNG de Fisterra vén de estrear a súa páxina web na internet (www.bng-galiza.org/fisterra) co obxectivo de que os cidadáns e as cidadás interesados/as poidan accederen á información política que a formación nacionalista leva a cabo, tanto desde a acción do grupo municipal como a través dos órganos de dirección do partido. Unha web que aspira a ser unha ferramenta útil, tanto desde un punto de vista político como de servizo informativo aos fisterráns. Para o BNG de Fisterra o feito de contar con esta nova ferramenta de carácter informativo supón un "importante paso adiante na modernización da actividade política local e, ao mesmo tempo, vai permitir que os vecinos e veciñas da localidade poidan coñecer de primeira man as iniciativas que os representantes do BNG fisterrán impulsan a prol do noso municipio". Os contidos publicados até o de agora recollen información relacionada coa recente "campaña de recollida de sinaturas contra a nova Lei de Augas de Galicia, que o BNG de Fisterra levou a cabo en diversos locais do municipio, unha nota sobre a elección do candidato ás eleccións locais en representación da nosa formación, a carta de felicitación enviada á nova presidenta da Asociación de Empresarios de Fisterra e, finalmente, un pequeno artigo de opinión baseado nas numerosas informacións aprecidas estes días na prensa encol dos acontecementos que derivaron na recente “Operación Orquesta”". Sinalar, por último, que o responsable local de Galiza Nova en Fisterra, Xoán Silva Pazos, é o encargado do mantemento da recén inaugurada páxina web.

Novo local

Asemade, infórmase de que nos vindeiros días o BNG de Fisterra inaugurará o seu novo local nun acto público, aberto a toda a sociedade fisterrá.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios