O Pleno de Fisterra non se compromete co Salvamento Marítimo
Onte houbo pleno na vila do Cristo, na que saíron adiante 2 das 3 mocións presentadas pola oposición, todas de índole supramunicipal. Saíron adiante as mocións presentadas polo BNG para pedir modificación da inxusta “Lei Hipotecaria”, por unanimidade; e mais unha “Moción a prol dunha xestión ecolóxica do lixo”, coa abstención do PP, que pediu tempo para analizala.
Pero se cadra a máis importante era qa primeira (a máis controvertida e que suscitou un grande debate): a “Moción en defensa do servizo de salvamento marítimo”. I é que o asunto é grave, con serios recortes que ameazan a seguridade das xentes do mar. E xa o apuntaba a comprometida Asoar-Armega, "coa vida non mar non pode haber recortes".
Dende o BNG entenderon que nun lugar como Fisterra era necesaria que a totalidade da corporación esixise, con unanimidade, o mantemento e a gratuidade dos servizos de salvamento. Pero tras acalorado debate, a votación quedou empatada e decidiu o voto de “calidade” do alcalde para tumbar a Moción.
Rogos e preguntas
Denuncia o BNG que no capítulo de Rogos e Preguntas, o alcalde non respostou ás súas preguntas "polo Centro de Saúde, polo custe da viaxe a FITUR, pola situación do Museo da Pesca, polo PXOM, a canto van ascender os gastos da Volta Ciclista a España, pola oleada de roubos en dependencias de titularidade municipal, polos actos do Canaval e o Día de Rosalía de Castro, a aprobación dos Presupostos de 2013, a alarmante subida dos datos de paro en Fisterra (522 persoas desempregadas), a Comisión Heráldica ou a clasificación final no ano 2012 de Insuficiente que a Consellería de Sanidade lle outorgou á praia de Sardiñeiro", entre outros asuntos.
Rolda de prensa do BNG
Escolleu o BNG a Confraría de Pescadores de Fisterra para dar conta das iniciativas que a organización está a levar a cabo en relación co servizo de Salvamento Marítimo.
Na rolda de prensa interviron a deputada e Voceira de Pesca do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e o voceiro local Modesto Fraga, que non se deixa da primeira liña política.
Prado falou do conxunto de iniciativas emprendidas polo BNG (Proposición non de lei no Parlamento Galego, recollida de sinaturas, moción nos concellos, etc) e denunciou ademais que o servizo de salvamento marítimo se converta nun negocio en mans privadas e non nun servizo público ao servizo dos cidadáns. Pediu, por último, a rectificación das políticas privatizadoras da Xunta e esixiu que se dignifiquen os dereitos da xente do mar.
Pola súa banda, o portavoz municipal no concello de Fisterra, Modesto Fraga, que baseou a súa intervención na Moción en defensa do servizo de Salvamento Marítimo e Seguros no Mar que se debateu no pleno da corporación municipal e que foi rexeitada cos votos en contra do Partido popular de Fisterra (en realidade houbo empate e decidiu o voto de calidade do alcalde) lamentou que o PP siga coa súa política depredadora que o único que vai conseguir é levar á máis absoluta miseria a todos os sectores sociais e profesionais do país.
Novas relacionadas
- Coa vida non mar non pode haber recortes.
- A loita polas cotas da pesca artesanal chega ás rúas de Bruxelas.
- Un plan, dende a Costa da Morte, para recuperar a pesca artesanal en Europa.
- Nota de prensa do BNG de Fisterra.