Piden un plan de revitalización urbana para completar a peatonalización do centro de Fisterra
Parece que o proceso máis complicado xa pasou. Ese primeiro ano de proba que teñen que pasar todos os procesos de peatonalización. Por Fisterra levan dende 2011 a voltas. En verán de 2015 deron un paso adiante, e co apoio de moitos veciños, e o rexeitamento doutros, a Rúa Real e a praza da Constitución foron pechadas ao tráfico parcialmente.
Hoxe, ano e medio despois, eses veciños que apoiaron o proceso, queren analizar os resultados. Así a Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra solicita unha avaliación dos resultados da peatonalización parcial no casco antigo da vila, ao tempo que pide a posta en marcha dun plan de revitalización desa zona. Ademais, esixe a aprobación do PEPRI para que se pode acceder ás subvención de rehabilitación dos inmuebles desta emblemática parte de Fisterra.
A Asociación entende a intención de darlle “un uso máis humanizado para o encontro social e de lecer, así como a reactivación comercial e, con iso, promover a rehabilitación dos inmobles e evitar o abandono das casas antigas que terminan en estado ruinoso”. E precisamente para iso pide unha e unha valoración municipal “dos resultados obtidos nos seus aspectos positivos, así como tamén, nos negativos”.
Ademais, dacordo cos resultados desa avaliación “é imprescindible que se poña en marcha un plan de incentivos para a revitalización urbana, comercial, hosteleira e turística desta emblemática zona antiga do casco urbano de Fisterra, que complemente esta peatonalización parcial”. E para iso, a aprobación do PEPRI é indispensable.
Novas relacionadas
- Febreiro 2016: O gran Entroido “peatonal” de Fisterra.
- Xullo 2015: Os veciños de Fisterra tamén apostan pola peatonalización do casco histórico.
- Xullo 2015: José Marcote: “Non podemos facer de Fisterra un Lourdes”.
- Xuño 2015: A Rúa Real, a arteria peonil de Fisterra.
- 2011: Por unha Rúa Real peatonal en Fisterra.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).