mércores. 30.04.2025
El tiempo

O solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura

  • O 23 de xullo coinciden os momentos exactos do amencer nipón co da posta de sol na Costa da Morte 
Solpor dende o Semáforo
Solpor dende o Semáforo
O solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura

O vindeiro 23 de xullo, poñerase o sol en Fisterra aproximadamente ás 22:00h, xusto no mesmo momento no que sairá na localidade xaponesa de Nachikatsuura, no que serán xa ás 05:00h xa do día 24 en Xapón. Esta coincidencia, que só se produce 2 días ao ano, é o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará simultaneamente nos dous lados do mundo.

O Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.

 

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa, coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, que parte dun estudo seu. O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca que “queremos celebrar este vínculo que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia”. Unha unión “que vai máis aló”, apunta Regueira, “xa que compartimos moito máis que eses dous días nos que coinciden o solpor e o amencer: orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna”. Cuestións “que defendemos dende a Deputación como fitos irrenunciables e transversais, e que definen as nosas estratexias turísticas”.

 

Ademais, ambas localidades comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o vindeiro 23 de xullo en Fisterra celebrarase " a unión entre Fisterra e Nachikatsuura, Galiza e Xapón”, nun evento institucional no que se poderá visualizar nunha mesma pantalla, de xeito simultáneo, o sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.

Máis novas

Comentarios