Surfeando o temporal
Xa vimos o impacto do primeiro temporal de mar da tempada. E se moitos dos veciños da zona, cando sabemos que vén mar de fondo, sacamos a cámara de fotos, outros, bravos, sacan a cámara. Así nolo conta o compañeiro das ondas de Nemiña, o muxián Felipe Sar, que acompañaba estes días a un grupo de grandes surfeiros internacionais.
Xentes que xa coñecen ben a Costa da Morte, que xa estiveron o ano pasado por estas datas detrás da chamada “Tremosa”. Esta fin de semana, os especialistas Jerome Sahyoun (Marrocos) e Axi Muniain (País Vasco), o explorador de oceanos, e todo o seu equipo escolleron buscando superar novos límites os “tubos mutantes” da Costa da Morte ás xigantes sesións de Nazaré (Portugal). Son eles os que primeiro as descubriron e os primeiros en surfealas.
E non escolleron mal desta volta tampouco, pois as boias da bisbarra rexistraron ondas de máis de 9 metros de altura, corroborando a sona internacional das perigosas ondas das Costa da Morte. A costa entre Malpica e Fisterra ten zonas ideas para grandes desafíos.
Con eles sempre viaxan un fantástico equipo de reporteiros audiovisuais, para que quede constancia das fazañas. Desta volta, con Jerome e Axi estiveron Bastien Bonnarme e Eric Chauche, dos que vos deixamos aquí un par de fantásticas imaxes.
Estaremos atentos ao youtube, para ver cando chegan eses vídeos!!
Un inverno produtivo para os locais
Se ben as nosas ondas atraen a ducias de surfistas de todas partes, os nosos amantes das ondas tamén están tendo un bo inverno. Moitos xa disfrutan das ondas de Corme, de Malpica, Mar de Fóra ou mesmo de Estorde, como o mesmo Felipe Sar nos conta, a pesar de estar en plena ría. Do mesmo xeito, confírmanos a presencia dunha boa onda na Langosteira, na esquina máis pegada á vila, unha onda que ata hai pouco era un segredo, pero neste mundo, todo se sabe.
Novas temporais
- 13-12-14: Superando o primeiro temporal de mar.
- 23-10-14: A do Vilán, a onda máis alta da historia.
- 07-01-14: O mar de fondo deixou estampas impresionantes na Costa da Morte.
Novas surfeiras
- 05-11-14: Malpica queda sen oficina e presidente da Federación Galega pero fica co surf.
- 09-09-14: As praias de Soesto e Laxe volveron colocar a Costa no centro do surf galego.
- 04-11-13: A Tremosa, a gran e temida onda da Costa da Morte.
- As perigosas ondas das Costa da Morte collen sona internacional.
- A bordo do longboard polos Camiños sen fin da Costa da Morte.
- A Costa da Morte afiánzase no panorama surfeiro do país.
- De quen son as ondas da Costa da Morte?.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).