O TSXG confirma a pena de dous anos e medio de cárcere imposta ao xa ex secretario do Concello de Fisterra

En marzo era condenado pola Audiencia Provincial, e hoxe a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a condena de dous anos e medio de cárcere e tres anos de inhabilitación profesional imposta ao que foi secretario do Concello de Fisterra ata hai un mes por cometer un delito continuado de falsidade en documento oficial e outro de malversación de fondos públicos.
O TSXG considera probado que entre xaneiro de 2011 e decembro de 2012 o acusado "concibiu a idea de detraer cartos das arcas municipais, aproveitando as facultades de disposición inherentes ao seu cargo".
“Ningunha dúbida ofrece, á luz do relato histórico declarado probado polo xurado, que no caso axuizado concorren todos e cada un dos elementos que esixe o delito de malversación de fondos públicos”, salienta o TSXG, á vez que destaca que tamén “concorren os dous elementos que require a falsidade documental: unha imitación da verdade e que a falsificación se efectúe de tal xeito que sexa capaz de enganar”.