“Un Entroido que vale un Imperio”

11:10 09/03/11

Os que non se disfrazaron foron os membros da corporación, que aludiron austeridade para non gastar. A que si se disfrazou foi Mónica Góñez, que trouxo unha gorra para recoller cartos para a fianza do alcalde... 5 comparsas foron as que actuaron e cada unha, ao seu estilo, tiveron moito que dicir. Finalmente o premio foi para "Os Prejaseiros sen Fronteiras", que repiten o título do 2009. A preparación e o mimo co que artellaron a posta en escea e as súas pícaras letras, fíxoos auténticos merecedores do galardón. Fermosa era a estampa de toda a familia prejaseira, xa rematado o certame, compartindo o título a modo pasarrúas por toda a vila. Pero non quedaron atrás os da Galería, que non puideron repetir o título do ano pasado. E iso que a súa proposta de programa de tv "Fisterra Directo" estaba perfectamente coordinada, cunhas cabareteiras que quitaban o hipo. E que dicir dos Rombos, que vestidos de Boliwood ampliaron as súas críticas a ZP. Dende o interior, dende Dumbría, "Buxantes Calidade" demostraron que Fisterra lles é propia e ata se disfrazaron de mariscos. E se Os Rombos demostraron que hai relevo, ver aos veteranos e pioneiros da Casa do Mar explica o por que de todo esto: como un neto non se vai contaxiar vendo bailar sen vergoña algunha a esas avoas tan marchosas?
Dous novos Partidos Políticos
A retranca, a pura retranca, é a protagonista do entroido fisterrán. Pero un apunte quedou claro: o descontento coa vida política municipal (e estatal) é patente, ata o punto de crear dous novos partidos e un novo candidato a alcalde, como foi Nicolás Payaso, do Partido Payaso dos Prejaseiros. Pero tamén a Galería presentarase co CNP (Centolas, Nécoras e Percebes), i que disque están "ata o carallo desa manada de chupóns", así de claro. Da política local, ademais de facer continuas alusión á vida orquesteira da vila nos últimos meses, lembraron os retrasos históricos. Que se a gardería, que se a Casa do Mar, que se o porto de Sardiñeiro... E iso que todos os proxectos están aprobados... só queda sentarse e esperar. O Goberno tamén levou as súas, e iso que a nova norma dos 110 nas autopistas chegou demasiado tarde como entrar nos guións. A jubilasión, o tabaco ou os despliegues policiais foron temas recurridos. A televisión foi a condutora das actuacións. A Galería falou da actualidade en "Fisterra Directo", con conexións en directo criticando os despliegues policiais, as cagadas de can, a gardería ou o ritmo de traballo dos funcionarios do Concello. Ata tiveron tempo de poñer ao alcalde diante da máquina da verdade, pero sempre está a familia polo medio para evitar preguntas peliagudas.Tamén Os Rombos trouxeron o seu Sálvame particular, e prestaron máis atención ás "vellas jarreando polos peregrinos" que á Operación de moda. Pero a chegada dos Prejaseiros fixo que toda a praza rompera a rir. As Mucha e Nucha (abaixo en vídeo) estiveron simplemente espectaculares. Pero é que o Papa, e "La Roja" fixeron de teloneros para que o alcalde rematase cantando na Panorama. Mención especial merecen os dumbrieses de Buxantes Calidade. Dende o nadal preparando uns traxes espectaculares cheos de mariscos en plan "Jack Sparrow". 40 cativos bailando aocompás dunha estrella do escenario. César Ferrío demostrou, unha vez máis, que é capaz de comerse a praza. Desta volta apareceu de Lady Traba, que lle valeu un premio á Raíña do Entroido máis afiado da Costa da Morte. Para lembrar quedará o divertido debate "Operación Protesta" entre Lady Traba, Pepe Marcote e Modesto Fraga, con recado incluído a Xan Garía e á Fitur.
Veremos de que volven o ano que vén... I é que hai uns anos viñeran de Thriller de Michael Jackson e xa sabes o seu final; hai outros tantos disfrazáranse de orquesta e mira que propio para este ano...
Concurso de Comparsas
- 1º - Prejaseiros sen Fronteiras.
- 2º - A Galería.
- 3º - Os Rombos.
- 4º - Buxantes Calidade.
- 5º - A Casa do Mar.
As Mucha e Nucha dos Prejaseiros
A entrevista do alcalde coa Galería
Lady Traba de Buxantes Calidade no Entroido de Fisterra 2011
Os Rombos
Novas relacionadas
- O Entroido xa comezou a ferver en Fisterra.
- Os coles da Costa quentan motores para o Entroido.
- O house fisterrán ao asalto.
- O Entroido de Fisterra poderá batir todas as marcas.
Máis novas
- Entroido 2010: Fisterra, Único Final do Entroido.
- Entroido de Fisterra 2009: Fisterra decide os Oscars da Costa da Morte.
- Entroido de Fisterra 2008: Puro teatro!.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Fotos de Xusto Gómez.
