Un novo proxecto turístico levará a Fisterra polas Nubes


Xa vimos que os grupos que xestionan os fondos europeos na bisbarra veñen de cambiar de política. Antes favorecían o crecemento e a aparición das pequenas empresas. Pero dende este ano os proxectos van máis encamiñados a crear proxectos turísticos para os Concellos. Semellantes ao que coñecemos hoxe estanse a desenvolver noutros Concellos como Muxía, Malpica ou Vimianzo. Pero desta volta rematamos en Fisterra para coñecer a nova aposta do GAC.
"Fisterra dende a nube", que aparece no BOP da Deputación con un proxecto que se contratará a través dun procedemento negociado sen publicidade, conta cun orzamento duns 35.000€. "Fisterra dende a nube" pretende servir de revulsivo turístico sempre ca intención de crear alternativas económicas á actividade pesqueira.
Desta volta os protagonistas son os códigos QR, que xa sufriron algún fracaso que outro na bisbarra da man da Asociación Neria. A idea consiste en crear unha ruta auto guiada dende o centro da vila ata o Faro, que contará cunha serie de puntos de información aos que se accederá mediante os códigos QR, sendo o teléfono móbil a ferramenta necesaria para realizalo.
A maiores dos soportes nos que se sitúan os indicadores QR, preténdese utilizar a tecnoloxía NFC de radiofrecuencias. E tamén se procederá a instalación de 3 paneis de presentación da información a nivel xeral e situados ao comezo de cada unha das zonas máis importantes (Igrexa de Santa María da Areas e conxunto do Faro).
Veremos pois se este proxecto funciona para os milleiros de turistas que nos visitan, e valoremos tamén se a política dos entes que xestionan os fondos europeos de investir en proxectos turísticos municipais é o que máis necesita a bisbarra.
Novas relacionadas
- 2,5 millóns de euros a través do Plan Leader entraron na Costa dende o 2007.
- Os hostaleiros de Vimianzo coñeceron a oferta de turismo gastronómico de Arousa.
- Unha viaxe en vídeo camiñando cara ó mar de Muxía.
- Malpica, o porto dos soños, o mar de Sisargas.
- Fisterra prantexa un outono de teatro.
- Agardando polos códigos Qr.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).