Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A veciñanza da Anchoa: “Queremos solucións, pasos de peóns”

Mobilizacion na Anchoa pola seguridade vial
A veciñanza da Anchoa: “Queremos solucións, pasos de peóns”

Ao ritmo de berros como “Queremos xa, seguridade vial” ou “queremos solucións, pasos de peóns” e pancartas “non máis mortes”, “Máis seguridade para cruzar con tranquilidade” ou “veciños en guerra”, a veciñanza da Anchoa saíu á rúa por segunda vez esta semana. Unha veciñanza farta de xogarse a vida para mercar o pan ou ir á farmacia, que pide unha “fácil solución, pasos de peóns”.

Así o esixiron cortando esta tarde a estrada autonómica dende diantes de Talleres Sambad ata a curva do 107, co lema “Non máis mortes na Anchoa”.

O Manifesto lido por Aida Martínez agradeceu o compromiso da veciñanza para pelexar pola seguridade da zona. Aida lembrou o portazo recibido hai xa uns anos, cando as administracións lles aseguraban que había que cambiar o PXOM e consolidalo como solo urbano para poder pedir pasos de peóns e rebaixar a velocidade máxima. Desa volta calaron e esperaron, “pero o atropelo do domingo de Pepe do Mouro xa foi a gota que rebousou o vaso, e vímonos na necesidade de volver á carga e movernos”.

Máis xenreira teñen agora cando dende o Concello e algún técnico independente lles ratifica que a zona si é urbana, que non poden usar esa excusa. “Así que teremos que seguir avanzando por aí e contrastar todo isto”. Non queren culpables, “o único que queremos son solucións, non podemos seguir así ano tras ano, outra vez ás portas do verán, cunha poboación cuatriplicada, cun incremento do tráfico rodado máis que significativo, que fan que só cruzar para facer a compra sexa unha acción de risco. Moitas veces esperando 15 minutos”, denuncian.

”Esta recta é a única entrada e saída de Fisterra, un pobo que recibe milleiros de visitantes no verán”, sinalan lembrando que non só piden os pasos de peóns porque son peóns, senón porque “tamén somos condutores e a niguén lle gusta verse implicado nun atropelo”.

Agradecemento á famiia

Valorou o agradecemento da familia do finado, que se prestou a colaborar nas reivindicacións. Ao fin e ao cabo, é un asunto que afecta a toda a veciñanza. “Non podemos imaxinarnos o duro que pode ser perder un ser querido e saír á rúa en sinal de apoio ás veciños e pedindo unha solución que, para Pepe desgraciadamente chegou demasiado tarde”. Un aplauso para a familia e para Pepe retumbou na zona.

Lembraron tamén o resto de finados provocados por esta estrada sen sentido, ou aquelas persoas que acabaron sendo dependentes.

“Petaremos nas portas que sexa necesario, e se hai que dar algunha patada tamén a daremos”, avisan.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios