1ª e 2ª FUTFEM: O Muxía mete medo

Terceira xornada nas 1ª e 2ª División feminina para os 6 equipos da bisbarra. O Xallas, tras dúas derrotas, estreou por fin o taboleiro de vitorias cunha rotunda vitoria ante o Burgo, e sae dos postos de descenso.
Xa na 2ª, o protagonismo lévao o Muxía, que mete medo coa súa goleada a un Milagrosa que viña de gañar os seus dous primeiros partidos. Tamén a Esteirana suma dúas vitorias en dous partidos, demostrando a súa boa adaptación á categoría.
Máis paseniño vai o Dumbria, que se deixaba dous puntos no desconto, e o Corme, que era goleado por un Tordoia que pasa por ser un dos candidatos ao título. Porén, brotes verdes por Cee, que despois de dúas derrotas saía vitorioso da súa visita á Coruña.
1ª Div. Fem., xornada 3
Xallas - O Burgo (4-1)
- Xallas: Rosío, Landi, Graci, Ahinoa, Andrea Otero, Sara, Espasandín, Isa, Sara, Noe, María Rial, Olalla. Tamén: Silvia, Paula Barcia, Valeria Iglesias.
- Goles: 1-0, m.18: Espasandín a pase de Olalla; 2-0, m.27: Olalla a centro de Espasandín; 2-1, m.40: Tania; 3-1, m.62: Olalla de fermosa falta; 4-1, m.69: Espasandín a pase de Noe.
Saían nerviosas as xogadoras xalleiras despois das dúas primeiras derrotas. Imprecisas e sen intensidade, tiña que aparecer Rosío para calmar as ansias do cadro visitante, sobre todo a balón parado.
Pouco a pouco ían conseguindo calmar o balón e nunha xogada traballada, Oli ve a Espasandín que entra de sgunda liña ao espazo, regatea á meta rival e entra co balón ata cruzar a liña de gol. Non tardaría en chegar o segundo, nun balón en profundidade que peitea Isa e Espasandín peléao e saca un bo centro dende o sector dereito que Oli empuxa a pracer.
Reaccionaban aí as do Burgo que despois de varios avisos recurtaba nun mal despexe que quedou tras unha xogada a balón parado pouco antes do descanso.
Non contemporizaron as de Eloy na segunda e saíron a sentenciar, chegando ao cuarto de hora a xogada chave: falta, e segundo cartón para unha visitante, e nesa mesma falta Oli saca a luva e cola o balón na rede. Pouco despois Espasandín sentenciaba noutra xogada rompendo dende segunda liña, neste caso a pase de Noe. De aí ao final aínda Oli e Valeria puideron ampliar a renda, pero quedaron na casa os 3 primeiros puntos históricos para o Xallas na 1ª Ulloa.
2ª Div. Fem., xornada 3
Dumbría - Unión Campestre (3-3)
- Dumbría: Liss, Carril, Adri, Mariña, Sabela, Claudia Cundíns, Paula Fandiño, Laura Montero, Carla, María e Alba. Tamén: Lucía, Yaiza, Yoli, Lara Villar, e Alicia.
- Goles: 1-0, m.1: María; 1-1, m.3: Adriana; 2-1, m.11: Carla; 2-2, m.30: Adriana; 3-2, m.54: María; 3-3, m.91: Paula Villar.
Estálle custando ao Dumbría sacar vitorias neste comezo de temporada, e este domingo se lle escaparon dous dos fuciños, tras poñerse ata 3 veces por diante. Comezaron moi enchufadas as de Santi Lira, marcando na primeira xornada. Pero de seguido, un erro na saída do balón regalaba o empate ás visitantes. Pero o partido estaba tolo, co Dumbría sempre un paso por diante, dominando e apretando, e era Carla a que facía o segundo. Pero non pasaba da media hora cando un novo regalo permitía ao Unión empatar de novo.
As dumbriesas tiveron aí varios mans a mans, que se atopaban unha e outra vez coa meta Lucía Tojo.
Comezaba a segunda e María de novo puña por diante outra vez ás costeiras. Houbo aí outras 4 ocasións para matar o partido, e a pesar de non ter concedido apenas ocasións durante todo o segundo tempo, un córner mal despexado no desconto permitía ao Campestre marcar o empate. Aínda tivo Paula Fandiño un balón ao longueiro na última xogada pero dous puntos voaron do Conco.
Cultural Maniños - Esteirana (1-4)
- Esteirana: Maruxa, Tobío, Sara Brión, Lara, Lidia Ramos, Alicia, Nuria, Melania, Marta Piñero, Rut e Bárbara. Tamén: Valentina.
- Goles: 0-1, m.5: Bárbara; 1-1, m.36: Lara; 1-2, m.57: Rut; 1-3, m.59: Bárbara; 1-4, m.81: Rut.
Visitaban as esteirás Maniños con notables baixas pero cunha idea clara para poder competir con garantías. As de Fran Figueroa impuxeron o seu ritmo e dominaron a primeira metade, meténdose moi pronto por diante cunha enchufadísima Bárbara, pero un despiste permitía ás de Fene empatar pasada a media hora de xogo.
Na segunda, a entrada de Valentina, que debutaba oficialmente en liga, aportou profundidade e presión en campo rival ás blaugranas, e pronto rubricaron a vitoria con doblete da parella goleadora por excelencia do fútbol costeiro: Rut e Bárbara. Mel dende lonxe puido ampliar a renda pero topou co longueiro.
Tordoia - Corme (9-2)
- Corme: Lucía. Sakia (Carla Vázquez), Laura, Ana, Aurora, Zeltia, Ana, Olalla, Cris, Natalia e Claudia (Salomé).
- Goles: Claudia e Zeltia polo Corme.
Partido moi malo das cormelás que á media hora xa caía por 4-1. Non foi acertado o plan de Rubén Souto, e o Tordoia, claro candidato ao título (líder xunto co Muxía) superaba en todos os aspectos ás bergantiñás. Con todo, o resultado foi algo esaxerado tralo visto no campo da Rega, e non hai tanta distancia entre os dous equipos.
Muxía - Milagrosa (9-2)
- Muxía: Vero, Ana Toba, Andrea Piroja, María, Raquel, Elsi, Laura Doce, Eva Lago, Patri Romaní, Barca e Eva. Tamén: Sheila, Nerea Pazos, Paula, Nerea Barrientos, Karen.
- Goles: 1-0, m.9: Laura Doce de gol olímpico; 2-0, m.15: Barca; 3-0, m.18: Eva Lema; 4-0, m.24: Patri Romaní; 5-0, m.32: Eva Lema; 5-1, m.44: Ana Seguín; 6-1, m.45: Eva; 6-2, m.46: María Pérez; 7-2, m.61: Eva Lema; 8-2, m.81: Nerea Barrientos; 9-2, m.86: Laura Doce.
Espectacular está este Muxía neste comezo de temporada cun equipo no que Laura Doce, Eva Lago e Eva Lema elevan moito a calidade que xa demostraron estes anos as Elsi, Patri e Barca. As Noe Iglesias non deron tregua a un rival que viña de gañar os dous primeiros partidos e á media hora xa levaban 5 goles.
As locais saíron a por todas, e Eva xa avisaba con varios mans a mans antes de que un golazo olimpico de Lau Doce abrise o marcador. As Corviñas levaban o peso do partido en todo momento, ampliando a renda e controlando con calma o balón e os tempos do partido.
Na segunda parte, a tónica foi moi similar. Neste tempo, o Milagrosa quedou a medio campo esperando un erro local para saír ao contraataque e na primeira xogada marcan o segundo, pero non se puixeron nerviosas as costeiras, que seguiron dominando, chegando e marcando ata o poderoso 9-2.
Victoria CF C - Cee (2-3)
- Cee: Valeria, Lurs, Cfris, Ramos, Nerea, Aroa, Sabela, Laura Blanco, Naiara Vázquez, Nayara Casais, Sharay Caamaño. Tamén: Saray Duarte, Noemi, Martínez, Gala, Cari.
- Goles: 0-1, m.6: Nerea; 0-2, m.14: Nerea; 1-2, m.25: Martina; 2-2, m.60: Julia; 2-3, m.95: Nerea.
Gran vitoria do Cee na súa visita ao campo de San Pedro de Visma, na Coruña. Nerea foi a gran protagonista, xogando de central ou de dianteira, pasa por ser a capi e a alma do equipo. Dela foron os 3 goles, os dous primeiros ao comezo, cun Cee moi agresivo.
Co paso dos minutos as costeiras foron baixando o ritmo e o cadro local recurtaba tras unha perda na saída de balón.
Saía mellor o cadro herculino na segunda, e conseguia empatar aínda con media hora por diante. O cadro de Rafa foi reaccionando pouco a pouco e enfilaba mellor o treito final, chegando máis á porta contraria. Nos intres finais Nerea provocou un penalti, que foi fallado. Pero na seguinte xogada Nerea marcaría un golazo dende o borde a área na última xogada do partido, dando os tres puntos para o Cee.
