1ª FUTGAL: Sacando rédito sobre a bocina

Fran Moreira no Muxia-Melide-Foto-Marina Busto

Un pouco de todo nesta xornada 12 da 1ª FUTGAL para os nosos equipos. Grandes vitorias do Muxía, Camariñas e Fisterra, estas dúas últimas con remontadas incluídas. 3 puntazos para cada equipo que lle permiten meterse na 4ª praza aos de Juan Cabrejo, e saír dos postos de descenso aos fisterráns.

Ademais, o Castriz arrincou un punto do Carballal despois de ir perdendo boa parte do encotnro.

Preocupa a Esteirana, que non dá arrincado e segue afundida na táboa, se ben onte estivo metido no partido ata o m.85.

Muxía - Melide (1-0)

  • Muxía: Iván Bouzón, Mateo, Michael, Brais, Carlos Costa, Alex, Manu Martínez, Mauro, Antón, Víctor Alcaina e Fran Moreira. Tamén: Joel, Roberto, Javi, Fabián e Carlos.
  • Goles: 1-0, m.63: Fran Moreira.
Víctor Alcaina no Muxia-Melide-Foto-Marina Busto

Partido moi disputado, ante un dos rivais máis duros que pasou por Arliña e que provocaron que os de Pataca estivesen espesos en moitas fases do partido. Tocou resistir a primeira parte co vento en contra, na que Iván Bouzón realizaba dúas intervencións das que dan puntos. Xa na segunda estiveron os locais algo mellor e co vento a favor foron capaces de poñer ao Melide no seu campo. Foi nun córner cando Fran Moreira cazou o único tanto do partido, e de aí ao final, nadar e gardar a roupa, aguantando pero sen demasiados apuros.

Manu Martínez no Muxía-Melide-Foto-Marina Busto

Esteirana - Vizoño (1-4)

  • Esteirana: Guille, Sui, Godo, Aitor, Code, Anxo Olveira, Antón, Pablo Rama, Oli, Anxo Foghete, e Raúl. Tamén: Kevin, Adrián Louro, Pablo, Uxío, Pachi e Samu León.
  • Goles: 1-0, m.7: Anxo Foghete; 1-1, m.33: Alex Miranda; 1-2, m.61: Jesús Ois de penalti; 1-3, m.85: Alex Miranda; 1-4, m.90: Diatta.

Nova derrota do cadro esteirán. E iso que saíron moi ben os de Adán, con inicial de Anxo Foghete facéndolle unha picadiña, e mesmo puideron ampliar cunha falta ao longueiro de Pablo Rama, ademais doutras 4-5 ocasións para matar o partido. Pero na primeira chegada dos visitantes pasada a media hora, un córner mal defendido permite aos visitantes igualar a contenda.

O cadro visitante buscaban cambios de orientación do seu lateral esquerdo, pero tampouco conseguía dar dano.

Saíron a presionar arriba os esteiráns, buscando o balón, na segunda, pero non facían ben xa esa presión e ao cuarto de hora un penalti permitía adiantarse aos visitantes. Ese gol, no estado no que está o equipo, fixo moito dano, e comezaron a baixar a cabeza, o que unido ás lesións, e ao pouco fondo de armario (3 tocados e varios xuvenís que xogaran 90 minutos o sábado), provocou que o equipo se partise e e dese unha mala imaxe nos últimos 20 minutos.

Camariñas . Club do Mar (3-2)

  • Camariñas: Jorge, Víctor, Roi, Oliver, Pablo Suárez, David (Martín), Adam (Moriño), Javi (Anxo), Soule, Mario e Djibril.
  • Goles: 0-1, m.18: Aberto Díaz; 1-1, m.41: Djibril; 2-1, m.48: Djibril; 3-1, m.51: Djibril; 3-2, m.83: Tiago.

Grandísima remontada do cadro de Juan Cabrejo e Faus, nun choque comezou dominando e levando a iniciativa o cadro caionés, tendo un balón ao longueiro, e adiantándose nun saque de córner. Esperou aí o cadro camariñán, que comezaron a igualar o choque e a chegar más á súa portería. Tivo Mario unha boa xogada por bande que cede a Djibril pero o seu remate co porteiro batido era sacado un defensa na liña de gol. Eran bos momentos dos locais, que pedía un penalti sobre Soule pouco antes de que Djibril pescase un balón ás costas da defensa tras un despexe nun córner para empatar.

De enmarcar os 20 primeiros minutos do Camariñas, cun Mario diferencial, que aos 3 minutos colle un balón no medio campo, vaise de 3 xogadores para entrar na área e cederlle para que Djibril faga o 2-1. 5 minutos despois outra vez Mario colle un balón en tres cuartos de campo, para desfacerse do seu marcador e poñer o balón a Djibril para o 3-1. Aínda repetiron unha cuarta vez a mesma xogada os dous atacantes camariñáns pero o colexiado anulábao por fóra de xogo.

Non estaba sufrindo o equipo local, pero a 10 do final, nun balón colgado acertan a facer o segundo os visitantes tras varios rexeites. De aí ao final tampouco sufríu moito o equipo camariñan, que se coloca 4º na táboa.

Cómpre destacar a parella Mario-Djibril, e a labor do meta Jorge, que xogou con febre.

Fisterra - Arzúa (3-2)

  • Fisterra: Joselu, Isma, Colombia, Ángel, Dani, Maikel Mouzo, Quintela, Guille, Juan, Isaac e Adrián Makaay. Tamén: Guille, Beltrán, Noe e Yonatan.
  • Golers: 0-1, m.13: Brais Pedreira; 1-1, m.50: Isaac; 1-2, m.65: en propia; 2-2, m.77: Adrián Makaay de penalti; 3-2, m.90: Adrián Makaay de penalti.

Partido moi disputado por ambos lados, cun moi bo Arzúa, que se adiantaba no marcador bastante pronto. Creaba moito perigo sobre todo pola zona esquerda, aguantando ben o Fisterra ata chegar o descanso.

Tras a saída de vestuario, os de Leo Picallo arrincaron decididos a buscar o empate. Lográbano tras un remate de Isaac que saca o porteiro pero xa o balón entrara na portería. A partir dese momento o equipo comezou a crer e xeraron dúas ocasións clarísimas: unha de Guille que saca o porteiro, e outra de Maikel que lanza alto dende dentro do área pequena a porta baleira. E como as desgracias non veñen soas, o propio Maikel marca en propia porta deixando o partido moi costa arriba.

Pero non decaeron e seguiron coa misma intensidade os fisterráns, apretando, estando en área contraria e provocando 3 claros penaltis que transformaba Makaay para deixar os tres puntos no Ara Solis.
Salientar o Xuvenil Migue Quintela que tivo que xogar cunha lesión de nocello, feita o día anterior xogando cos xuvenís, pero ante a falta de efectivos, tivo que saír da partida, facendo un gran partido.

Boimorto - Castriz (2-2)

  • Castriz: Coke, Saúl, Fabio Barbeira, Brais, Alemán, Óscar Feal, Adrian García, Josiño, Chapela, Juanjo e Carlos Rieiro. Tamén: Íker, Fabián e Fabio Blanco.
  • Goles: 1-0, m.21: Borja Casal; 2-0, m.30: Borja Casal; 2-1, m.33: Josiño tras varios rexeites nunha falta lateral; 2-2, m.90: Alemán nun córner botado por Chapela.

Sacou un punto o Castriz no céspede natural, e pesado, Carballal, ante un dos candidatos ao ascenso. Os de Miguel Chouza chegaban con só 1 xogador de campo no banco, e sen adaptarse ao céspede. A primeira media hora foi de claro dominio local, ante un Castriz aínda sen entrar no partido. Xa co 2-0, un gol de Josiño tras varios rexeites cambiaba as tornas. Comezaron a entrarlle os nervios ao cadro local e parecía que os xalleiros se soltaban.

A segunda foi moi bonita, moi emocionante, con dous equipos dándoo o todo na lama, co choque totalmente roto e con ocasións nas dúas bandas. Puido caer o partido dos dous lados, pero desta volta, na última do partido, tocoulle a cara e Alemán marcou nun córner botado por Chapela para salvar un valioso e dificil punto.

A sensación de Chouza é que o equipo está dando un nivel moito máis alto do que di a clasificación.

Todas crónicas da 1ª FUTGAL

Máis info