1ª FUTGAL: Muxía e Fisterra poñen os goles

Vermellos e verdes conseguiron as únicas vitorias costeiras nesta 6ª xornada da 1ª FUTGAL. O Fisterra fíxoo na casa no derbi ante a Esteirana, mentres que o Muxía sumaba a súa primeira vitoria da temporada, pero é que o equipo de Pataca aínda non coñece a derrota (o único equipo da categoría xunto ao líder Bertamiráns e ao Cacheiras), sumando 5 empates e a vitoria de onte.
Pola súa parte, Castriz e Camariñas sufrían sendas derrotas en campos complicados.
Cacheiras - Castriz (3-1)
- Castriz: Íker, Fabián, Anxo, Brais, Marcos Mouro, Carlos Rieiro, Iván Pastoriza, Adrián García, Josiño, Chapela e Juanjo. Tamén: Coke, Feal, Gesto, Fabio Barbeira e Fabio Blanco.
- Goles: 1-0, m.11: Vaamonde; 1-1, m.32: Chapela cun tiro dende lonxe; 2-1, m.44: Vaamonde; 3-1, m.73: Sandro Romero tras un mal despexe.
Derrota xusta para un Castriz que leva ofrecendo dúas caras distintas cada semana. Sen haber moita diferencia no campo, o cadro local soubo levar o partido ao seu xogo directo, ben armado atrás, non permtiron apenas ocasións para os xalleiros. Iso acompañado de 3 erros individuais dos costeiros resume o partido.
Adiantábase os locais pero á media hora Chapea empataba deixando aí os mellores minutos dos de Miguel Chouza. Pero fixo moitísimo dano aí, ao fío do descanso, o 2-1, tras un cambio de xogo ás costas do lateral.
Na segunda acumuláronse as présas, e o equipo non combinou con claridade ante un equipo moi intenso e ben colocado.
Muxía - Queixas (3-1)
- Muxía: Iván Bouzón, Mateo, Michael, Manu Martínez, Carlos Costa, Brais, Mauro, Iago, Manu Nogueira, Fran Moreira e Róber. Tamén: Alex, Congui, Víctor Alcaina, Antelo e Fabián.
- Goles: 1-0, m.20: Mauro; 1-1, m.35: Hugo Méndez; 2-1, m.60: Fran Moreira de penalti; 3-1, m.95: Carlos Antelo.
Dominou case todo o encontro o equipo de Pataca que suma de maneira xusta a primeira vitoria do ano. Xa avisaron nun gran comezo de partido con 3 boas ocasións antes de que Mauro Romaní abrise o marcador. Pero os visitantes empataban e tiñan 10 bos minutos antes do descanso.
Á saída dos vestiarios os de Cerceda mandaban un balón ao longueiro, pero a partir de aí os muxiáns se fixeron donos do partido. Fran Moreira metían en vantaxe ao cuarto de hora da segunda, e o partido estivo aberto, pero dominado polos corviños, ata o descontísimo.
Fisterra - Esteirana (4-0)
- Fisterra: Joselu, Mateo, Isma, Colombia, Dani, Junior, Maikel Mouzo, Miguel, Juan, Guille e Isaac Fábregas. Tamén: Adrián, Martín Canosa, Mario, Luisete, Beltrán e Pablo Velay.
- Esteirana: Guille, Pablo, Simón, Code, Damián; Hugo, Adrián Louro, Pachi, Aitor, Anxo e Róber Pladur. Tamén: Raúl, Toni, Uxío, Antón, Anxo Caamaño, e Godo.
- Goles: 1-0, m.6: Isaac Fábregas de penalti; 2-0, m.45+2: Isaac Fábregas; 3-0, m.58: Junior; 4-0, m.86: Guille.
Vitoria contundente dun Fisterra que recuperaba efectivos importantes. En fronte unha Esteirana que volveu sufrir as pantasmas das primeiras xornadas. Comezaba o partido e se ben Róber Pladur avisaba na área local, moi pronto o Fisterra apretaba con saques de bandas laterais directos que facían moito dano a un equipo moi baixiño como o esteirán. Nunha desas, penalti sobre Junior e gol de Isaac. A esteirana tentaba facer dano ás costas da defensa fisterrá coas incorporacións dos seus puntas e extremos, e mesmo chegaron a pedir un penalti, pero pouco antes do descanso facía Isaac o segundo gol.
Na segunda Adán metía Toni na media punta para intentar crear máis perigo entre liñas, pero o equipo non collía aire, ante un cadro de Leo Picallo moito máis intenso, moi ordenado en defensa e saíndo á contra. Así chegaba o terceiro de Junior á hora de xogo que xa sentenciaba o partido, e case co final Guille facia o cuarto cerrando o partido.
Boimorto - Camariñas (4-1)
- Camariñas: Jorge, Víctor, Borja, Soule, Pablo Suárez, David (Asier), Adam (Moriño), Javi, Anxo (Joseba), Mario e Djibril.
- Goles: 1-0, m.22: Borja Casal de cabeza; 2-0, m.53: Iván Calvo; 3-0, m.67: Manuel Casal; 3-1, m.71: Mario; 4-1, m.91: Samuel Canda.
Comezou ben o partido o equipo de Cabrejo, tendo o balón, combinando ben e avisando cunha xogada de Mario, que cede a Djibril pero o seu tiro dá no lateral da rede. Pero nunha das primeiras chegadas dos locais, chegaba o 1-0 nun centro lateral e remate de cabeza. Foron minutos aí de ida e volta, sen demasiadas ocasións ata o descanso.
Comezaron moi ben de novo os camariñáns, cunha boa ocasión nun tiro de Víctor que dá no longueiro e bota na raia. E repetíase o guión pouco despois cun novo centro lateral ao 2 pau para facer de cabeza o segundo.
O Boimorto paraba o xogo e levaba o choque ao seu terreo, pero o cadro camariñán quería xogar, e cando máis preto estaba o 2-1, un mal despexe pega nun dianteiro local quedando o rebote para facer o terceiro.
Así e todo non se viron abaixo, e recurtaron, tendo mesmo o segundo nunha clarísima de Djibril dentro da área que controla moi ben co peito pero seu tiro moi duro foi moi centrado e parou o porteiro co peito. Os locais buscaban as perdas de tempo e parar o partido, ata que chegou o cuarto, que puxo un resultado demasiado abultado para o visto no campo.
Todas crónicas da 1ª FUTGAL
- X.5: Dous fermosos derbis.
- X.4: Empate de respecto.
- X.3: Probando o duro sabor da 1ª.
- X.2: O Camariñas pon pé na 1ª cunha remontada espectacular.
- X.1: Sensacións dispares nun comezo bronco.
Máis info
- Todos os resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com.