1ª FUTGAL: O Camariñas pon pé na 1ª cunha remontada espectacular
- Muxía e Fisterra selan táboas nun domingo de Barca.

Tremenda remontada do Camariñas, que demostra xa dende o primeiro (ou segundo) día, que non está de paso por esta 1ª FUTGAL. Ademais, Muxía e Fisterra selaron táboas nun duro domingo de Barca, mentres Castriz e Esteirana sumaron duras derrotas.
Bertamiráns - Esteirana (2-0)
- Esteirana: Guillermes; Damián, Godo, Anxo, Tobío, Code, Antón, Pablo Rama, Kevin Rial, Toni e Raúl. Tamén: Hugo, Uxío Fari, Pablo Fdez., Pachi, Samu León.
- Goles: 1-0, m.35: Pablo Bibang; 2-0, m.94: Roi Signorini.
Partido para esquecer da familia da Esteirana que se atopou cun Bertamiráns con moita máis intensidade, que vencía cada duelo e que non permitía o xogo combinativo que lle gusta ao cadro de Adán Vara. Os locais avisaron un par de veces, e acabaron marcando a 10 do descanso tras un córner a favor dos esteiráns.
Na segunda intentaron algo máis os visitantes, pero seguían faltos de intensidade e de acerto nas combinacións. Xa co equipo envorcado no desconto, os locais marcaron o segundo para pechar un partido para esquecer.
Castriz - Tordoia (0-2)
- Castriz: Coke, Fabián, Anxo, Fabio, Carlos Rieiro, Marcos Mouro, Adrián García, Chapela, Josiño, Iván Pastoriza e Juanjo. Tamén: Íker, Alberto Mata, Óscar Feal, Gesto, Fabio Barbeira e Rodo.
- Goles: 0-1, m.34: Hugo Cancela; 0-2, m.36: Alberto Fraga.
Mal partido do Castriz, despois dunha derrota ante o Club do Mar no que o cadro de Miguel Chouza deixou grandes sensacións. Pero onte, a pesar de comezar moi ben, e de ser un choque máis típico de 0-0 que de vitoria visitante, os xalleiros non mereceron nada. Tiveron dúas ocasións claras ao comezo os de Chouza, pero o choque foi indo cara o terreo que quería o Tordoia, de máis pegada, máis bronco, máis balóns directos… Adiantáronse os visitantes nun bo balón dende a frontal, e de aí ao descanso os locais sufriron moito, encaixando o segundo.
Na segunda melloraron algo, pero non estaban finos os locais, que non puideron meterlle o dente aos visitantes.
Racing San Lorenzo - Camariñas (2-3)
- Camariñas: Jorge, Víctor, Borja, Oliver( Moriño), Pablo Suárez, David, Joseba (Anxo), Javi, Soule, Adam (Nuno) e Djibril.
- Goles: 1-0, m.29: David; 2-0, m.55: Pablo Otero; 2-1, m.60: Djibril de penalti cometido sobre Javi; 2-2, m.61: Djibril a pase de Javi; 2-3, m.89: Anxo aproveita o rexeite dunha falta de Javi que pega no longueiro.
Primeira vitoria en liga dos de Juan Cabrejo e Faus tras unha remontada épica nun campo histórico como o de Santa Isabel. Os camariñáns saían esperando atrás para buscar transicións rápidas, e así chegaban as primeiras ocasións. Pero nun córner á media hora se adiantaron os locais.
Saían algo máis afiados na segunda os costeiros, coa idea de apretar máis arriba, pero os composteláns ampliaban a renda cun tiro dende fóra da área.
Non afectou ese golpe e o equipo fíxose dono do partido, comezando a crear ocasións claras. Pronto aparecía Javi, a figura do partido, para provocar un penalti e para dar un pase de gol para que Djibril empatase o partido en apenas 2 minutos.
Coa inercia, o equipo non se viu atrás e seguiu empurrando. Xa nos minutos finais, un falta que saca Javi dende lonxe e moi escorada, peta no longueiro e Anxo aproveita o rexeite para facer o 2-3, co que se chegou o final do partido, para delirio da afección azulona que se desprazou a Compostela na primeira saída do ano.

Muxía - Fisterra (0-0)
- Muxía: Iván Bouzón, Mateo, Alex, Antón, Brais, Carlos Costa, Mauro, Víctor Alcaina, Manu Nogueira, Rober, Fran Moreira. Tamén: Noé, Congui, Carlos Antelo, Fabián, Iago Muíño e Manu Martínez.
- Fisterra: Joselu, Mateo, Isma, Colombia, Dani, Miguel, Gabri, Martín, Guille, Juan e Isaac Fábregas. Tamén: Adrián Suárez, Lois, Beltrán, Luisete, Alex Canosa, Pablo e Ángel.
Partido igualado, con moito respecto e moita mocidade sobre o campo. O Muxía comezaba dominando o balón e avisando nun par de ocasións a Joselu, mentres o Fisterra facía dano en xogadas a balón parado. Na última xogada da primera metade era expulsado Joselu, tendo que entrar Adrián Suárez, que o ano pasado defendeu a camisola vermella.
Na seggunda, cun máis, levou o mando o cadro de Pataca, pero os de Leo aguantaron ben, non permitiron que os muxiáns superasen lliñas e mesmo tiveron un par de chegadas de Guille que salvou Bouzón e outra de Isaac que saíu fóra.
Ao final, xusto reparto de puntos.
Todas crónicas da 1ª FUTGAL
Máis info
- Todos os resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com.