1ª Galicia: Só Soneira e Esteirana rematan o ano con vitoria
Había partidos importantes para os nosos equipos na zona alta. Pero só o Soneira respondeu ben, e sumou unha grandísima vitoria, a súa 6ª seguida, ante todo un Flavia. Os soneiráns superan xa na táboa a un Xallas que caeu en Valga, o mesmo que lle pasou ao Dumbría ante o líder, o Ribeira.
En todo caso, os 3 están en disposición de disputar o ascenso, cando menos a promoción.
Na zona baixa, vitoria importante da Esteirana, que comezaba perdendo ante o pechacancelas, e que remata o ano con 5 puntos sobre un descenso que marca un Mazaricos que nada puido facer cun Negreira doutra liga. Preocupa algo a deriva do Baio, que remata o curso con 4 derrotas seguidas.
Mazaricos - Negreira (0-3)
- Mazaricos: Pablo, Oscarín, Borja, Pereiro, Josete, Ferreiro (Kevin), Losada, Sandelo (Danis), Marquiños, Molinos (Moreira).
- Goles: 0-1, m.5: Brais; 0-2, m.51: Jose Caamaño; 0-3, m.76: Christian.
Xa comezou con mal pé o partido para os de Mingui, cun gol encaixado nun córner, polo que o plan de facer o partido longo xa se veu abaixo nada máis comezar. O Negreira, con balón, fixo sufrir ao cadro local, con moito ritmo, e algunha boa chegada que salvou Pablo e que mantivo ao equipo no partido. Un par de contras foron a pouca bagaxe dos amarelos na segunda.
Formulaba Mingui manterse no partido ata o final, esperando que a volta de Kevin aos campos servirse de revulsivo. Pero o tempraneiro gol tamén na segunda, e a lesión de Sandelo fixeron que o cadro visitante tivese o partido máis que controlado. Ata unha pena máxima salvou Pablo.
Cordeiro - Xallas (2-0)
- Xallas: Iván Couto, Aitor, Caneda, Rubén Sande, Brais, Samuel, Fidi, Colón, Stefan, Capelo, Álex Blanco. Tamén: Íker, Carlos Rieiro, Adán e Juan de Celia.
- Goles: 1-0, m.78: Isaac; 2-0, m.85: Rubén.
Primeira metade condicionada polo vento, e co aire en contra costáballe aos de Adrián Vázquez.
Na segunda o partido estaba máis aberto, cun Xallas máis enriba, pero cun Cordeiro que sacaban boas transicións por fóra. Así transcorría a segunda, con chegadas nas dúas áreas, moi igualado, ata que que a falta de 10 minutos, nunha xogada os xalleiros pedían unha clara falta sobre Capelo, o colexiado non a sinalaba, balón en profundidade e 1-0 para os locais. Esa xogada descentrou totalmente aos verdes, que mesmo sufrían a expulsión de Stefan, tendo que saír o meta suplente Íker ao campo para acabar o choque, xa sen opcións.
Calo - Baio (3-0)
- Baio: Cristian, Aday, Pablo Rod., Peke, Mario, Iván García, Pablo Dom., Brian, Bieito, Santiso e Josiño. Tamén: Iago, Bruno, Iván Rod., Sergio e Ceide.
- Goles: 1-0, m.14: Jorge; 2-0, m.67: Mateo; 3-0, m.85: Adrián.
Non estivo en ningún momento o Baio en situación de disputar o partido. Unha vez máis, os de Félix foron inferiores a un rival intenso e coas ideas moi claras, ante un Baio que non se presentou en condicións de disputar un partido que a priori podia ser asequible para romper dinámica. "Decepcionante esta primeira parte do campeonato no que eu como primeiro responsable e xogadores non estivemos a altura dun club que o único que fai é facilitarnos as cousas no día a día”, recoñece o propio Félix.
Flavia - Soneira (0-2)
- Soneira: Coke, Darío, Aarón Fdez., Fabián, Pichi, Borja Gándara, Alex Figueiras, Cristian, Richi, Javito e Maki. Tamén: Javi Souto, Angel, Gesto, Brais Pereira e De la Sierra.
- Goles: 0-1, m.39: Maki; 0-2, m.41: Maki.
Foi superior nas dúas áreas, outra vez máis, o Soneira, a todo un Flavia. Os de Pedro Gómez foron capaces de xerar perigo na meta local dende o primeiro minuto, e apenas concederon unha ocasión en todo o partido. O choque decidíase ao fío do descanso, con dous goles de Maki (que se coloca entre os máximos goleadores con 8 tantos, un por debaixo do seu compañeiro Javito) que facían xustiza ao visto nun campo impracticable.
Na 2ª metade o Flavia buscou un xogo directo desde o comezo, pero a defensa soneirá estivo moi ben no xogo aéreo e nas segundas xogadas. Houbo contras para matar o partido pero non foron quen de rematar ó Flavia. Resultado xusto para sumar a 6ª vitoria consecutiva dun Soneira que pecha o ano de xeito espectacular, en postos de promoción.
Esteirana - Vista Alegre (3-1)
- Esteirana: MJ, Simón, Code, Damián, Godo, Tobío, Pachi, Adrián Louro, Alex Rama, Oli, Elías. Tamén: Samu, Adrián Abelleira, Alex Louro, Javi Romero e Raúl.
- Goles: 0-1, m.36: Pablo Martínez; 1-1, m.58: Simón de tiro moi lonxano; 2-1, m.64: Elías pica sobre o porteiro tras un pase de Pachi; 3-1, m.89: Adrián Louro despois dun balón ao pao de Alex.
Arrincou mal o cadro esteirán nun partido clave ante o pechacancelas. Pouco fútbol e poucas ocasións durante o primeiro tempo, sendo a máis clara, unha triple parada, tremenda, de MJ. Así e todo, o escollido como mellor porteiro da campaña pasada, non puido facer nada ante o gol dos visitantes que metía o medo no corpo antes do descanso.
Pero na segunda, deron un paso adiante os de Geno, dominaron o choque en todas as facetas, tendo moi boas ocasións, e os tantos foron chegando. O lateral Simón marcou dende lonxe; pouco despois Elías e finalmente Adri sentenciaban o choque e deixaban que o equipo descanse nunha cómida 11ª praza tras sumar 8 puntos nos últimos 4 partidos.
Ribeira - Dumbría (2-1)
- Dumbría: Anxo, Quintáns, Pablo Paz, Brais, Baba, Dani Chao, Lucas Toba, Raúl Añón, Capelo e Xabi Castro. Tamén: Carlos, Álex Sendón, Mario Insua, Sergio Cambeiro e Dani Martínez.
- Goles: 1-0, m.82: Aguado de penalti; 2-0, m.84: Aguado; 2-1, m.86: Estévez.
Non puido incarlle o dente o Dumbría a todo un líder. A pesar de que o tivo sobre as cordas, e estivo metido no partido ata o pitido final o cadro de Pablo Conde. Só unha pena máxima a falta de 8 minutos metía por diante aos ribeirenses, e malia encaixar dous tantos en 2 minutos, os dumbrieses reaccionaban, e se metían de novo no partido co gol de Estévez, que pecha o curso como máximo goleador da categoría con 13 tantos. Quedaban 5 máis o desconto pero o empate non deu chegado.