Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con… Miguel Chouza

Oscar leis e Miguel Chouza
Oscar leis e Miguel Chouza un día de partido
O Interrogatorio de Leis con… Miguel Chouza

Levaba unhas semanas coa idea de que por este espazo pasase alguén para darnos unha visión do noso fútbol costeiro dende fóra, ao final demoslle unha volta mais e apostamos por alguén que nunca estivese dentro del pero que agora si forme parte da familia costeira.

Despois de varias tempadas connosco, pode achegarnos ambas visións, dende fóra no seu día e dende dentro hoxe, tamén aproveitaremos para coñecelo un pouco máis, xa que o personaxe en cuestión manexase en distintas facetas e en diferentes ámbitos, pero antes, permítanme destacar unha desas facetas, máis concretamente a laboral, brigadista, loitando cada ano contra a lacra dos incendios que arrasan os nosos montes, dende aquí o meu enorme agradecemento por un traballo nada doado e lamentablemente moi necesario. Agora si, imos saber algo máis de Miguel Chouza Fidalgo.

banner alvaro fdc 580x90

O Partido

1º tempo

  • Óscar Leis: Para os que aínda non te coñecen, como te definirías?

Miguel Chouza: Dígoche o mesmo que responden todos cando lle fan esta pregunta: “son un tipo normal”. O que se ve desde fóra é defecto do animal, non podo cambialo. Supoño que se me verá como unha persoa alegre, inquieta (mentalmente eh), tolerante e altruísta, pero tamén moi terco, moi disperso e, segundo a miña muller, moi manipulador jajaja.

  • Ó.L.: Despois de varias tempadas na zona do Barbanza desempeñando diferentes funcións (analista, adestrador, 2o adestrador, coordinador, etc.) como se concreta a teu fichaxe polo Castriz?

Pois mira, ese verán tiña decidido apartarme do fútbol un tempiño. Viña dunha tempada esgotadora a nivel físico e, sobre todo, mental. Cubrir a baixa de Anxo Casalderrey como adestrador do Puebla en Preferente foi moi difícil por diversos motivos, e a iso sumábaselle adestrar ó equipo xuvenil das Escolas de fútbol de Boiro en días distintos, co cal tiña adestramentos tódolos días da semana, viaxando ó Barbanza desde Ames ou Santa Comba. Ese ano fixen máis quilómetros que o sombreiro de Willly Fog.

Cousas da vida, onde parabamos a tomar café no choio era o Cataliño, o bar do Presidente do Castriz. Xa ían empezar as pretempadas e o adestrador que tiñan apalabrado tivo que renunciar por problemas persoais, un coñecido en común púxonos en contacto, quedamos para falar e foi todo moi ben, Pince é unha persoa moi franca e directa, e iso é algo que aprecio moito nun dirixente. Ó final a cabra tira ó monte e tódalas escusas que me poñía a min mesmo para non adestrar quedaban anuladas no Castriz: estaba cerca do traballo e da casa... eran só dúas sesións á semana... tiña menos presión (ou iso pensaba daquela jajaja)…
O que máis me custou foi anuncialo. Lembro que o Presi me chamaba tódolos días para poder comunicarlle ó equipo e ós afeccionados a miña fichaxe e eu dáballe largas.
Despedirme do Puebla fíxoseme moi difícil, todo eran peticións para que non o deixase, e eu sentía que estaba decepcionando a xente á que lle teño moito aprecio, como o propio Casalderrey, Javi Santos o noso compañeiro no corpo técnico, Nelson Barreiro o Presidente ou Jose Escurís o Vicepresidente, por non falar dos xogadores. Si despois aínda encima fichaba por outro equipo ós poucos días de deixalo alá... de feito cando se anunciou que ía para o Castriz houbo algúns da Puebla que dixeron que xa o tiña feito con eles antes de irme jajaja.

Miguel Chouza no Puebla
Miguel Chouza no Puebla
  • Ó.L.: Cal foi a túa primeira impresión nada máis entrar no club?

Teño que recoñecer que agardaba outra cousa do Castriz e rompeume os esquemas por completo. Eu ía coa idea dun club de 2ª Autonómica estilo Barbanza ou Santiago, que era o que coñecía, pero non tiña nada que ver, nin nas cousas positivas nin nas negativas. En varios aspectos era un club superior, por exemplo, ao Puebla de Preferente, como en instalacións, masa social ou en atención ós xogadores e corpo técnico. Tamén coñecín cousas de antes como que algún futbolista cobrase por xogar sen ter sequera que ir a adestrar.

  • Ó.L.: Que che transmitía o Fútbol da Costa visto desde a distancia?

Indo co Puebla a Zas, Baio ou a Verdillo, sempre me chamaba a atención os afeccionados que eran capaces de levar ao campo e o ambiente de festa que se vivía.
Xa dentro do xogo, había algo que facía distintos a tódolos equipos da Costa, e era o seu orgullo e a súa competitividade. Lembro perfectamente un partido que fomos xogar contra o San Lorenzo que xa estaba descendido matematicamente, no que íamos gañando 0-5 e aínda así pelexaban cada balón como si fose o último.

  • Ó.L.: E visto dende dentro?

Desde dentro puiden comprobar que aquelo non era cuestión de estar nunha categoría ou outra, tódolos clubs da Costa están cortados por ese patrón. Cando me preguntan os meus coñecidos polo Fútbol da Costa, sempre lles digo o mesmo: “acórdaste do fútbol que íamos ver nós de pequenos e que logo puidemos xogar e desfrutar? Pois aquí sigue sendo ese mesmo fútbol, mentras que nos outros lados perdeuse”.

  • Ó.L.: Que é o que máis che sorprendeu do noso fútbol?

Dentro do campo, o que che comentaba antes, esa especie de orgullo por non ser superado polo rival. Aquí na Costa hai futbolistas que aínda sen apuntarlle moito, son capaces de competir a un nivel superior ó das súas capacidades técnicas, tácticas e físicas, gracias á súa fortaleza psicolóxica.

E fóra do campo, a cadea xerárquica de moitos clubs, que non atende ó que pasa no resto do fútbol afeccionado. A secuencia lóxica en calquera lado é directiva - corpo técnico - xogadores. Na Costa, sen embargo, hai disfuncións deste modelo e de repente tópaste con xogadores que mandan máis que calquera directivo, ou aparece un tipiño que non ten nada que ver co club pero mete cartos e fai o que quere.

Tamén é incrible a difusión que se lle da a todo o que facemos. Non me quero esquecer de ninguén, pero a verdade é que a labor de Ubaldo, Parri, Dulce, Ferreiro, Lema ou Rupper é impagable. Incluso a túa jajaja sabes o que apreciei a iniciativa de retransmitir os partidos en directo, unha mágoa enorme que non puidese ser sostible, era unha idea que merecía ser apoiada por todos nós e polas institucións.

  • Ó.L.: O castriz de Miguel Chouza xoga moi ben ao fútbol, algo que conseguistes en moi pouco tempo pandemia incluida, onde está o teito do voso equipo?

Primeiro de todo, graciñas polo piropo, vindo dun home de fútbol coma ti e encima rival, agradécese moito.
O máis importante é o grupo de xogadores que se conseguiu xuntar. Eu só trato de servirlles de guía, marcar o camiño que creo mellor para eles e procurar que non dean pasos en falso. Non hai secreto aquí, traballar moito dentro e fóra do campo para que os rapaces saquen o mellor de si e desfruten do traxecto.
Insístolles moito en que non deben ter ningunha presión, que isto é fútbol afeccionado e todos os que formamos parte del estamos para pasalo ben. Pero ó mesmo tempo quero que sexan responsables, que vexan que para que eles xoguen hai moito traballo de moita xente por detrás, entre os que me inclúo, e o seu propio traballo de adestramentos semana tras semana, sacrificando tempo da familia, dos amigos e doutras afeccións. Despois gañarase ou non, pero non poden botar por terra todos eses esforzos.

E o plantel actual ten, a maiores, a responsabilidade de formar parte, posiblemente, do mellor Castriz que houbo nunca, e é unha oportunidade que non deben deixar escapar, porque si hai algo bonito no fútbol da Costa é ese respecto ó legado que deixan as personas que formaron parte del. Ser recordados como o Castriz que gañou a Liga da Costa ou a Copa da Costa, é algo que merece ser loitado. De feito dígolles sempre que este grupo de xogadores, adestre quen os adestre, si se mantén xunto, teñen unha ventana de oportunidade, como mínimo de 5 ou 6 aniños, na que van poder pelear de seguido entre os mellores equipos da Costa.

  • Ó.L.: Mágoa non ter categorías inferiores… Coñecéndote, seguro que está na túa cabeza medrar nese sentido. Cres que é posible?

Coñécesme ben, jajaja. Sabes que a cabeza non me para e sempre lle estou dando voltas a mil ideas. Habería que ver dúas cousas: unha, si o concello de Santa Comba e a súa zona de influencia ten capacidade para abastecer as bases de dous clubs; e dúas, si o propio Castriz ten capacidade para absorber esa carga de traballo. Solo faltaría que polo noso ego ou interese acabasemos prexudicando ós rapaces e rapazas. O Xallas estao a facer moi ben no fútbol formativo, si o Castriz non sirve para complementar e potenciar ese traballo, non ten sentido ningún meternos aí. Pero si a nosa labor pode ser útil, eu persoalmente tírome de cabeza sen dubidalo, tamén co fútbol feminino.

Sigo a Borja de Laxe desde fai tempo, paréceme unha persoa interesantísima dentro do fútbol da Costa e do fútbol galego. Persoalmente, e sen que ninguén me dese vela nese enterro, creo que foron inxustos con el, pero alégrame ver que lle serviu para mellorar a nivel persoal e teño gañas de velo de volta nos banquillos.
Estou dacordo con el en practicamente tódalas cousas que dixo con respecto ó fútbol formativo. O que faría eu nese aspecto daría para unha encíclica jaja así que mellor che deixo unha sola idea.

Hai unha forza invisible da natureza humana que é a do péndulo, cando vimos dun punto, esforzámonos, aínda sen darnos conta, por chegar ó extremo contrario. O término medio non existe. Esta “lei” traducida ó fútbol implica que pasasemos de adestrar cun mikasa para 20 rapaces nun campo de terra co pai de Manolito medio peneque facendo filas eternas para disparar unha vez a porta, a adestrar con tres nike para cada rapaz nun campo de céspede sintético de última xeración, cun adestrador Uefa Pro Turbo hipermotivado facendo tarefas que non entende nin el.
Póñoche un exemplo, eu non considero útiles os quencementos físicos, de feito no fútbol é no único deporte no que se quence a esa intensidade, así que sempre lle plantexo ós rapaces tarefas para quentar o cerebriño, variando condicións e tratando de sorprendelos. O outro día ocurréuseme facerlles unha posesión sen petos... e miña nai querida a que se liou jajaja algo tan simple como iso, que antes nós tiñamos completamente interiorizado, agora convértese nun obstáculo case insalvable para os xogadores. Tempo atrás xogábase cunha maior capacidade de visión periférica, antes de dar o pase sabíase “de memoria” onde estaban os compañeiros, pensábase antes de decidir, agora os xogadores fóronse acostumando a levantar a cabeza e mirar as opcións de pase que teñen, é dicir, pensan despois de decidir. E isto que é só un detalle, pasa con todo. En vez de aproveitar os recursos que temos para procurar o ben do xogador, usámolos para o noso beneficio, que me sexa cómodo e que me quede chula a sesión de adestramento a ver si pasa por aí o Coordinador e para o ano me dá o Cadete F.

2º tempo

banner O Moncho 300x250

  • Ó.L.: Nas redes sociais coñecíache como @cochomono. Cal é a orixe dese alcume?

jajaja Pois é un adxectivo pexorativo. Non sei cal podería ser o seu sinónimo, pero ven a significar algo así como unha persoa antisocial, o típico que cando veñen visitas á casa se pecha na habitación. É unha palabra que usaban na familia da miña muller e que sempre me gustou moito. Un caso clarísimo de apropiación cultural.

  • Ó.L.: As túas aventuras en twitter Depor foron moi populares, chegando a pechar a túa conta. Cambiarias algo desa etapa?

Seguro que de saber as consecuencias de cada chío actuaría de maneira distinta centos de veces, pero a verdade é que na vida en xeral nunca me paro a pensar si cambiaría algo do pasado, porque para ben ou para mal, xa non ten solución. Recoméndolle a todo o mundo que faga o mesmo, é moi san a nivel mental.
Twitter Depor foi evolucionando, a miña conta tiña un propósito, nun contexto de desinformación interesada con respecto ó Deportivo, dar unha versión distinta á dos medios de comunicación. Ó final cando alguén ten un discurso forte e claro, sempre vai xerar debate, con xente a favor e con xente en contra, o que máis nos gusta neste país é posicionarnos.
Lamentablemente, o que leva pasado no Deportivo nos últimos 8 anos é un interminable Día da Marmota. Repetiuse o ciclo tres veces, vai pola cuarta... e as que virán!! O malo do meu rol era ser o Grinch do deportivismo, a ninguén lle gusta que lle dean malas noticias, preferimos vivir nun mundo feliz aínda que non exista máis que na nosa cabeza. Por iso cada vez que se iniciaba un ciclo e eu daba a miña opinión, recibía moitísimo “hate” como din agora os rapaces. Co paso do tempo ía tornando cara a dúbida e finalmente acababa maioritaramente no piropo, no “este xa nos avisou, canta razón tiña”. Pero iniciábase un novo ciclo e voltaba a ser o malo da película jajaja. Eu, como teño unha estúpida vocación de buscar o ben común, de servizo cara os demáis, aguantaba a tempestade porque sentía que o meu discurso podía ser útil para o deportivismo, pero chegou un punto no que daba absolutamente igual o que opinasemos os deportistas, agora o Deportivo “nos lo robaron en los fuciños”, así que xa non tiña sentido perder o tempo en Twitter, por iso borrei a miña conta.

  • Ó.L.: Non contento con ser adestrador, analista, coordinador... postulastete á presidencia do Dépor, que che motivou a asumir tal reto?

Pois basicamente debeuse ó menosprezo dos candidatos oficiais ós afeccionados. Non había nin o máis mínimo proxecto, nin ningunha idea, porque en realidade dáballes absolutamente igual, a súa única teima era convencer ó banco e ós dous accionistas principais por aquel entón. A miña foi unha candidatura-protesta. Como che volvo a repetir, en vez de quedarme tranquiliño na casa, absurdamente intento pelexar polo ben común e métome en cada fregado de carallo jajaja.

Miguel Chouza para presi do Depor
Miguel Chouza presentando a súa candidatura para presi do Dépor
  • Ó.L.: É coñecida a túa boa relación con Augusto Cesar Lendoiro. A súa faceta como presidente é de sobra coñecida, pero como son as distancias curtas con el?

Lendoiro nas distancias curtas sorprendería incluso ós seus haters. De feito mira que lle vin coincidir con xente, e nunca a ninguén lle oín unha soa mala palabra cara el. Sempre lle digo que ese é o maior recoñecemento que pode ter, xa que calle non lle van poñer que todos sabemos que o Deportivo gañou os títulos sen Presidente jajaja.
É un home de estado, dos de antes. Ó principio podes pensar que é unha pose pero en realidade el é así, sempre tranquilo e respectuoso. Cando alguén lle fala mal dun sucesor seu, sempre se pon na súa pel e da unha posible versión dos feitos para exculpalo na medida do posible.
É moi bo conversador, escoita atentamente e non se cerra nas súas ideas. A grande pena que teño é que non se aproveite todo ese coñecemento. Cada conversa con el é un máster deportivo, hai xente pagando miles de euros aprendendo moitísimo menos do que poderían aprender tan só tomando un café con Lendoiro.
Mira todo o que conseguiu, non só no Deportivo, si non no Liceo ou no Ural, como ben sabe o noso amigo Kike Pampín. Si houbera un Premio Nobel á xestión deportiva, levaría o seu nome. Estes dias foi ó Mundial de Qatar invitado persoalmente polo Presidente da FIFA e o tipiño cóntacho como si o invitase a sogra a comer o cocido o domingo.

  • Ó.L.: Tamén é coñecida a división entre os que están a favor del e os que non. Wstá claro de que lado estás, sen tentar dar ou quitar razóns pola miña parte, non sería recomendable pechar esa guerra en beneficio do Dépor?

A desgracia do Deportivo é que agora xa dá absolutamente igual pechar esa guerra. De feito xa non a hai ninguén que vexa ó dono do Deportivo como unha extensión dos últimos Presidentes. Para a maioría do deportivismo os malos seguen sendo ou Lendoiro ou calquera dos seus sucesores. Chegouse a un consenso perxudicial para o club. A experiencia demostrounos unha e outra vez que o camiño actual é o erróneo, pero agora xa non hai forma de dar marcha atrás. A cousa estaba clara, ou viñan todos ó noso rego ou non habería patacas para ninguén. E agora andamos a facer tortillas francesas.

  • Ó.L.: Como diria Angel Acebes: existen dúas liñas de investigación, pódese dicir que no teu caso tamén hai 2 versións, por unha banda cochomono e por outra Miguel Chouza, cal prefires?

jajaja vaia exemplo me pos tamén... En realidade é a mesma cousa, só que nas redes sociais só se ve unha parte de nós e pode dar lugar a prexuízos inxustos. Eu, por exemplo, evito na medida do posible os conflictos, son situacións que me incomodan moito, e en cambio si me seguías en Twitter podía dar a imaxe de alguén conflictivo. Entendo que coa palabra é como máis lonxe se chega, e debatendo non teño ningún filtro, pero ter unha opinión que non sexa popular e defendela con firmeza pode confundirse facilmente con soberbia.

A prórroga

  • Ó.L.: Se non fago esta pregunta estoupo… Como pode ser que unha persoa que, laboralmente se dedica a loitar contra os lumes incendiase tanto Twitter?

jajaja. Vóltoche a dicir que o último que buscaba cos meus chíos era provocar polémica ou molestar a alguén. De feito sería o último que querería, sempre lle decía ós que me criticaban que non me lesen si lles incomodaba, pero na sociedade actual hai un problema enorme de intolerancia, non basta con non estar dacordo, hai que ridiculizar e tratar de anular ós que non pensan coma un.

No meu caso eu sei que fun moi moi crítico con Tino Fernández, Paco Zas ou Fernando Vidal, e seguro que pasei límites que non debería, pero tamén é certo que unha vez que deixaron de ser presidentes do Deportivo, nunca máis me acordei deles para mal. De feito dígoche ahora que preferiría mil veces a calquera deles ó enxendro de club que hai agora. Tino, por exemplo, tiña todo na súa man para ser un gran presidente, tiña carisma, personalidade e capacidade de xestión, pero equivocouse de pleno poñendo a figura de Lendoiro coma inimigo a bater, nin el nin ninguén podería gañar esa batalla. Cada día que pasaba frustrábase máis e enrocábase sen saída. E como soe pasar neses casos, en vez de escoltar ós de fóra, cada vez foi pechando máis o seu círculo onde ninguén lle ía dicir a verdade, só o que el quixera escoitar. E Fernando Vidal tamén o podería facer ben, pero pagou unha peaxe tan grande para chegar á presidencia, que toda a súa xestión estivo hipotecada desde o principio. Creo que nunca puido facer o que realmente querería por medo a que o botasen e ó final acabáronno botando igual.

  • Ó.L.: A Parrilla do castriz descansa algún día?

Nin a parrilla nin o parrilleiro Manolo de Camariñas. De verdade que é un escándalo o ben que nos tratan a nós e tamén ós equipos visitantes. Aquí non se concibe ir adestrar un só día sen que haxa pinchos e cañas despois. Así estou jajaja.

  • Ó.L.: Sabes que fostes o adestrador que acabou coa carreira de Brais Sendón?

Voume poñer serio jajaja, teu primo é unha das mellores persoas que me puido deixar o fútbol, unha amistade para sempre, sen dúbida. Un futbolista moi bo que lamentablemente non puiden adestrar ó seu mellor nivel. Acordóuselle poñerse en forma agora de vello jaja mira que lle insisto para que volte a xogar.
O contexto dos meus inicios do Castriz era moi desfavorable para el, e encima tiña problemiñas persoais, pero aínda así tivo un compañeirismo e unha profesionalidade de 10 durante toda a tempada.

Vouche contar unha anécdota que o define á perfección. Antes do parón pola pandemia, tiñamos ó equipo en cadro, indo a xogar 11 xustos varios partidos cando aínda non conseguiremos a permanencia matemática. Pois ben, tocábanos ir a Verdillo para xogar contra o San Lorenzo e éramos 10, intentando convencer a algún xogador que deixara o equipo para que nos botase unha man. Cando se enterou disto Brais, que levaba un tempo lesionado, chamoume e díxome: “míster, dame este partido de titular, vouche devolver a confianza que puxeches en min”. E mira que ía ser unha guerra, o partido menos indicado para o seu xogo e encima estando lesionado, co campo embarrado e co San Lorenzo que daquela xogaba un fútbol super directo, pero aínda así subiuse ó carro. Nin que decir ten que fixo, moi probablemente, a mellor actuación persoal que vin eu nun partido de fútbol, e mira que levo vistos uns pouquiños…

  • Ó.L.: Esa barba xa pide fouciño, un título do Castriz propiciaría un cambio de look?

Coordinador, adestrador, periodista e agora asesor persoal de imaxe jajaja non paras. Os rapaces bromean moito con eso, pero saben que si se lles ocurre facelo quedan sin poder ter fillos.

  • Ó.L.: Os que visitamos recentemente o campo de fútbol do Castriz percibimos un ambiente á vez futbolístico e familiar, que se agradece sinceramente. Descríbenos como é Castriz por dentro e que parte de “culpa” ten Miguel Chouza?

Ti o sabes mellor, que es unha enciclopedia andante do Fútbol da Costa, a imaxe que proxectaba o Castriz cara fóra era moi negativa, aínda sendo inxusto moitas veces. Pola miña forma de ser, necesito un contexto de traballo totalmente distinto, de confraternización cos rivais, cos árbitros e con todo o mundo. E teño que agradecerlle enormemente a Pince o cambio que lle esta dando nese sentido ó Castriz, axudado por tres xogadores que fan un traballo espectacular: Alex Mourelle, Alberto Mata e David Gerpe. Entre todos esforzámonos por facer de San Pedro un lugar acolledor, por exemplo fai nada xogamos un amistoso contra o Coristanco entre semana, e despois convidámolos ós pinchos. Ver ós futbolistas dos dous equipos falando mezclados entre si, foi unha satisfación persoal enorme. Así é como concibo eu o fútbol afeccionado, os dos distintos clubs, no fondo somos moito máis compañeiros que rivais.

Penaltis

  • Ó.L.: Dime os teus preferid@s:

- 1º Un/ha porteiro/a: Manolo, dos veteranos do Castriz..
- 2º Un/ha defensa: Rafa Picos, o capitán do Puebla, que non é defensa pero sempre que falamos recórdame que o poñía ata de central..
- 3º Un/ha centrocampista: Brais Sendón..
- 4º Un dianteiro/a: Espi..
- 5º Un adestrador/a: Vouche decir dous: Diego Lobelos e Óscar Leis.

O Interrogatorio de Leis

Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra

Comentarios