Venres. 19.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Todos suman

Pesco lévase un balón ante Pladur no Soneira SD - Volantes de Baño FC. Foto: www.diariodeportivo.gal
Pesco lévase un balón ante Pladur no Soneira SD - Volantes de Baño FC. Foto: www.diariodeportivo.gal
1ª Galicia: Todos suman

Xornada prolífera para os nosos equipos da Primeira Galicia, posto que todos eles sacaron algo positivo aínda que nos tres empates que se deron este pasado domingo, os nosos equipos non saíron demasiado contentos coas actuacións arbitrais, ao considerar que non os beneficiaron nin o máis mínimo.

Na única vitoria da xornada, o Baio fixo unha remontada de tolos logo de perder 3-0 aos dezasete minutos ante un O Pino que se viu sorprendido por un conxunto baiés desatado a raíz do seu primeiro gol.

SD Agolada 1 – 1 Mazaricos CF

Agolada-Mazaricos

Mazaricos CF: Dani Varela, Cutu, Borja, Mario, Barbeira (Carreira m.79), Estéfano, Viturro, Pose, Piki (José m.90), Pereiro, Joseph (Ricardo m.64).

Goles: 1-0 m.38: Brais; 1-1 m.76: Barbeira.

Expulsións: O mazaricán Viturro no minuto 42 e ao local Cristian no 89.

Máximo respecto entre os dous conxuntos durante o treito inicial e moito fútbol directo, o que fixo que as ocasións se fixesen de rogar e non sería ata pasada a media hora cando o capitán visitante tería unha dobre ocasión que primeiro desbarataría Rubén Nogueira e que en segunda instancia logo de que Pereiro rematase de novo, Viturro introduciría o balón na portería pero o dianteiro amarelo estaría en fóra de xogo e o colexiado anularía o gol.

11 inicial do Mazaricos en Agolada

Tras isto, nunha acción na que os mazaricáns reclamarían unha posible falta, Brais aproveitaría que o colexiado non sinalaría nada para adiantar aos locais.

No treito final, un novo revés en forma dunha polémica expulsión de Viturro poñería as cousas aínda máis costa arriba para o Mazaricos.

Despois do paso por vestiarios, os amarelos tratarían de empatar o encontro e lograrían facelo no minuto 76, por medio de Barbeira.

A raíz do empate, o Agolada quixo a vitoria e teríaa nun remate que acabaría rexeitando o longueiro da portería defendida por Dani Varela, polo que o partido remataría co empate a un.

Soneira SD 3 – 3 Volantes de Baño FC

Kevin e Pladur loitando por un balón no Soneira-Volantes

Soneira SD: Javi Souto, Brais (Javi m.46), Darío (Leilán m.54), Mayor, Agra, De La Sierra (Taibo m.60), Richi, Vía (Diego Lois m.70), Pichi, Basti e Pladur.

Volantes de Baño FC: Alberte, Godo (Rubén m.86), Rachón (Flavio m.88), Jano, Kevin, Charles (Xián m.86), Óliver, Thiago (Abel m.68), Pri, Pesco e Berto.

Goles: 0-1 m.20: Berto; 0-2 m.42: Thiago; 1-2 m.47: Kevin en propia porta; 2-2 m.55: Javi; 3-2 m.81: Pladur; 3-3 m.89: Pesco (p).

Expulsións: O bañés Pri no minuto 48 e tamén ao delegado do Volantes de Baño, Óscar Romero, no minuto 60.

Encontro para a polémica o que se puido ver no derbi costeiro do Municipal de Vimianzo e o cal comezou cunha presión alta sobre a saída de balón dun Soneira que non estivo cómodo en ningún momento e que vería como Berto adiantaba aos bañeses nunha acción na que os irmandiños reclamarían unha posible falta no principio da xogada.

Tras isto, a tónica do encontro continuaba coa mesma dinámica, aínda que Agra por dúas veces e Vía avisaban das súas intencións pero as súas ocasións quedaríanse en nada, nun partido no que comezaba a coller protagonismo a actuación arbitral

No tramo final desta primeira metade, Thiago aumentaba a vantaxe dos bañeses logo dun erro na saída de balón dos locais.

Nada máis voltar dos vestiarios, un temperán gol do Soneira que chegaría nunha acción desafortunada para os visitantes, xa que sería Kevin o que metería o balón na súa propia portería, metía de cheo no encontro aos vimianceses.

As xogadas polémicas non cesaban e nun rifirrafe de Pichi con Álex Pri, este último acabaría expulsado por dirixirlle unhas palabras fóra de tono ao xogador vimiancés, despois de que este lle dese un golpe ao futbolista do Volantes, unha determinación arbitral que molestou e moito aos bañeses.

Tras isto, Alberte detería un penalti lanzado por Pladur, pero pouco despois, nada puido facer xa que Javi faría un auténtico golazo para devolver as táboas ao marcador.

A dinámica arbitral non cambiaría e os cartóns seguíanse acumulando no bando visitante, e desta volta sería o seu delegado quen vería un cartón vermello máis que inxusto.

Ata o tramo final non volvería a haber movemento nas áreas e no minuto 81, Pladur adiantaba ao Soneira por primeira vez no encontro ao materializar unha contra levada por Basti.

Tras isto, Pesco tería o empate nunha boa xogada persoal pero o gardameta local mandaría a córner pero pouco despois nun protestado penalti sobre Berto, non perdoaría e faría o empate a tres.

No desconto, Alberte, o pau e un defensa evitarían que Javi, Mayor e Pladur visen portería e que o marcador se movese, para que ambos equipos sumasen un punto cada un.

Praíña SC 1 – 1 CF Dumbría

CF Dumbría: Anxo, David (Pablo Landeira m.87), Canario, Pablo Paz, Gusa (Berto m.64), Xacobe (Iago m.75), Sergio, Mataso, Yuyo (Xabi m.70), Cespón e Marcote.

11 inicial do Dumbría ante o Praíña

Goles: 1-0 m.32: Marcos; 1-1 m.33: Marcote.

Expulsión: O local Román no minuto 43.

Nos primeiros vinte minutos, o Praíña estivo bastante mellor ca o Dumbría e terían unha boa ocasión que acabaría desbaratando Anxo, aínda que os costeiros tamén terían a súa nas botas de Marcote que se quedaría en nada.

No minuto 32, Marcos fixo un auténtico golazo para adiantar ao Praíña pero pouco lle duraría a alegría aos locais, xa que Marcote materializaría unha boa xogada dos dumbrieses.

De aí ao remate da primeira metade, o Dumbría foi superior e daría sensación de perigo aínda que sen crear claras ocasións de gol.

E antes de poñer rumbo aos vestiarios, os locais quedarían cun home menos pola expulsión de Román.

Na segunda metade, o Dumbría estivo ben e chegaría á área rival con bastante frecuencia, a máis clara nunha dobre ocasión na que non acertaría nin Yuyo nin Marcote.

Antes do pitido final, os dumbrieses reclamarían un penalti sobre o propio Marcote que o colexiado non sinalaría, polo que habería reparto de puntos no Juan Amado.

SD O Pino 3 – 4 CD Baio

O Pino-Baio

CD Baio: Diego Mallo, Norberto, MC, Santiso (David m.89), Porti (Braian m.12), Rubio (Mario m.78), Carlos (Sergio m.20), Peke, Javi Suárez, Yago e Martín Gemelo.

Goles: 1-0 m.5: Fernando; 2-0 m.14: Jhony; 3-0 m.17: Jhony; 3-1 m.37: Norberto; 3-2 m.44: MC; 3-3 m.65: Yago; 3-4 m.78: MC.

Comezo para esquecer dun Baio que vería como pasado o cuarto de hora de partido, O Pino xa vencía por 3-0 grazas aos goles de Fernando e de Jhony por partida dobre deixando así as cousas moi costa arriba para uns branquiazuis que a pesares deste duro golpe, non se virían abaixo e tratarían de reaccionar, cousa que lograrían a partir do 3-1, obra de Norberto, que supuxo un punto de inflexión no encontro.

No minuto 44, MC poñería o 3-2 e daríalle un maior empuxe aos baieses.

Na reanudación, o Baio seguiría levando a voz cantante do partido coma no treito final da primeira parte, e os goles de Yago e MC pecharían a remontada dos branquiazuis para lograr unha importantísima vitoria.

Comentarios