A esquerda que goberna toda a Costa
16:58 15/06/17
Esteirán, xove, superior no físico, zurdo e cunha Copa ao lombo que está a deixar boquiaberta a toda a bisbarra; de momento non é o relato do José Luis Vara do século XXI, pero si de Raúl Lestón, un lateral neófito nese posto convertido en imprescindible no Dumbría e en obxecto de desexo de moitos clubes de superior categoría
Raúl, durante un dos famosos selfies gañadores do Dumbría
Hai dúas factorías en Esteiro que producen en masa. Unha fai conservas e ten conexión directa con Carballo. A outra fai futbolistas para enmarcar, e moitos deles tamén pasan pola comarca de Bergantiños para incrementar a calidade do producto. Curiosamente, ningún desta última clase é calvo. A última década o orgullo esteirán ten unha exportación excelsa que apenas da tempo a sustituir na idolatría global. Entre Kike (Noia, Riveira, Soneira), Róber Pladur (Conxo, Noia, Xallas) e agora Raúl (segundo curso no Dumbría) hai dez anos de diferencia e cada un parece ter implementado as virtudes do anterior.
En Raúl Lestón Martínez (Esteiro, 1997) hai cousas da zurda de Kike e da potencia da Róber, pero sobre todo un pulmón que parece sacado do malo dunha película de Terminator. Pode que desa mestura de cualidades xurdira o gol do empate do pasado domingo en Ponteceso: a potencia que lle permite ao lateral ser un dianteiro máis no minuto 94 e a clase para enganchar un zurdazo inapelable que salvaba ao seu Dumbría da derrota no Pinguel. "Levamos un par de encontros algo baixos, pero tamén hai que lembrar que estivemos toda a liga pelexando polo ascenso, e seguramente chegamos algo cansos; en Ponteceso nós tivemos as nosas ocasións e tamén erros que custaron goles", lembra o futbolista, que ademais recoñece que co tanto se lle puxo a mente en branco: "No momento non pensei en nada, só vin que era gol e nin o creía".
A pesares de ter 20 anos recién cumpridos, a poucos colle por sorpresa o rendemento dun rapaz que xa foi abandeirado da mellor Esteirana de base dos últimos tempos, e tamén referente na canteira do Bergantiños. Nos dous casos, e debido á súa superioridade física, o seu rol era moito máis achegado ao área rival. O pasado curso, e aínda convertido nun 'rookie' niso do fútbol Sénior, debutou en Preferente facéndose dono do lateral dun Dumbría con permanencia imposible e con vistas postas no futuro. E ningunha palabra se axusta mellor a un xogador con potencialidade incalculable. Para moitos o mellor lateral da Costa, na humildade amosa ter outra das súas virtudes. "O tempo dirá, pero aínda teño moitas cousas que aprender e mellorar, xa que non levo moitos anos nese posto, pero con esforzo e sacrificio todo pode pasar", comenta un home capaz de asomar a cabeza entre nomes de postín como Adrián, Aarón ou Diego Cespón. "Aí hai moito bo xogador, e estar entre os mellores motívache para seguir pelexando e destacar", apunta.
O Dumbría campión de Primeira pasará á historia da entidade polos números e pola superioridade amosada na carreira de fondo, pero tamén por ser o equipo dos selfies simpáticos ou dos 'tigres' de Tolo, factores adicionais que para Raúl contaron e moito no título. "A chave do éxito é que o vestiario é unha piña, e se hai que tirar do carro tiramos todos; despois temos xogadores moi bos na dianteira, na media e na defensa, e todo iso fai que sexa máis sinxelo acadar os obxectivos", puntualiza o esteirán, que tamén o relata desde a súa experiencia persoal: "En Dumbría integreime bastante rápido no grupo, xa que son uns compañeiros que todo futbolista querería ter no vestiario; a directiva tamén tratoume moi ben desde o primeiro día e sigue igual, estou moi ledo neste clube". Colectivamente, tamén fala de fame de títulos insaciable. "O doblete faime e fai moita ilusión, e máis se nos metemos na final e ganamos; sería a primeira a nivel persoal e o primeiro doblete; o vestiario está tan ilusionado coma min de acadalo", di.
Con vinte anos, proxección, calidade, físico, experiencia, fame e formación, Raúl cumple tamén tódolos puntos habituais para ser carne de oxeador e de Sub 23 de Terceira División a moito curto prazo. O seu camiño xa o marcaron outros en tempadas anteriores, pero unha vez máis é a prudencia a que marca o seu discurso. "Non sei, alí hai xente de moito nivel, pero mellorando e traballando día a día a oportunidade chegará", sentencia. Seguro que algún xa lle ten contado a historia dun esteirán que xogou unha final de Copa da Costa, que era zurdo, que naquela final estaba xente do Deportivo… e que acabou por levar o dez en Riazor durante anos.