A TVG retransmitirá a final da Copa da Costa
Menudo finalón da Copa da Costa 2017 espera. Este domingo 25 de xuño, 18:30h da tarde, no San Paio de Refoxos de Cee, Fisterra e Dumbría disputarán unha final soñada. Seguro que máis que 2.000 persoas ateigan o campo ceés para vibrar cos seus equipos. Pero é que ademais os que non poidan asistir poderán seguir o partido dende as súas casas.
E non só a través das nosas redes sociais onde actualizaremos os resultados en directo. Ou a través da retransmisión da Radio Nordés - Cadena Ser. Senón tamén a través da web da TVG, www.crtvg.es, que emitirá en directo o partido. Ademais, na franxa nocturna emitirán o choque en diferido pola TVG2. Un feito histórico para o noso fútbol.
Dende logo unha gran nova para a comarca, ver como o fútbol galego se fixa na nosa comarca. Comprobámolo na Gala coa presencia activa da FGF. E volverémolo facer coa presencia da televisión na final da Copa da Costa.
A emisora galega levará un sistema de retransmisión a través de internet, non por satélite. Un sistema co que xa teñen retransmitido 200 eventos deportivos este ano, como ducias de partidos da 3ª División. Precisamente Noé, todo un ‘Ejemplo de fisterranía’ será un dos comentaristas da retransmisión. Xa a semana pasada ao remate do En Xogo recalcaban os profesionais que o vindeiro domingo habería que estar moi pendentes do que aconteza na final da Copa da Costa, i é que poucos eventos deportivos xuntan 2.000 persoas a día de hoxe en Galicia.
Novas relacionadas
- ‘Ejemplo de fisterranía’.
- A Primeira Dama da Copa… e a que manda.
- Copa da Costa: O novo capo contra a ‘Vecchia Signora’.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).