Luns. 24.06.2019
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

A un paso da cima

Oscar Santos pitando o Castriz-Corme da Copa-Foto-Fin Lema
Oscar Santos pitando o Castriz-Corme da Copa-Foto-Fin Lema

A temporada xa tocou á súa fin no fútbol costeiro para moitos equipos, varios deles enfrascados nos debates sobre renovacións das xuntas directivas, adestradores, xogadores... Pero, para unha presada deles (dezaoito en total), quedan un ou dous pasos para coroar a cima e levarse, na súa respectiva categoría, a desexada Copa da Costa.

Quen máis preto o teñen son, ademais dos dous combinados femininos (Bergantiños e As Miúdas), que agardan a súa final, os dous equipos da categoría cadete que este mesmo domingo aspiran a erguer o título. A final da Copa da Costa Cadete será a partir das 11.30 horas no Xosé Luis Vara, onde os de Esteiro, ademais de anfitrións, serán aspirantes ao título. Enfronte, o Outes, que xa viu como se lle escapaba a liga por moi pouquiño diante do Concello de Zas e que quere poñer a guinda a unha moi boa temporada. O trío arbitral da final estará liderado por Bruno Méndez, auxiliado por Daniel Martínez e David Cancela.

O domingo pola mañá tamén coñeceremos os dous equipos que se clasifican para a primeira final copeira dos Veteranos organizada baixo paraugas da Federación. O Porteño, defensor do título, recibe na Grixa (10.00 horas, Juan Marcos Ríos) ao subcampión de liga, o San Román, e farao cunha moi boa vantaxe, pois conseguiu vencer a domicilio no partido de ida por 0-2 (hai que resaltar que o San Román, nestas dúas semanas, está a compatibilizar a Copa coa disputa do Campionato Galego). E a outra eliminatoria está aínda máis igualada. Na ida, o San Lorenzo venceu pola mínima (1-0) ao Ponteceso e, nunha competición na que non hai valor dobre dos goles fóra da casa, o resultado é totalmente aberto, aínda que os de Berdillo parten como favoritos. A volta será no Pinguel, a partir das 11.00 horas (dirixirá o encontro David Vázquez).

Volverá haber horario unificado nas semifinais da Copa da Costa senior, e ambos encontros de ida serán o domingo ás 18.00 horas. En Esteiro haberá trío arbitral neutral (do colexio de Vigo) para o Esteirana-Corme (Rubén Extremadura, auxiliado por José Alberto Lorenzo e David Veloso). Nas Redondas, o Cabana-Camariñas estará dirixido por Rubén Reborido, auxiliado por Juan Marcos Ríos e Carlos Señarís. Dúas eliminatorias de incerto prognóstico e que se abren á emoción até o último minuto.

No fútbol xuvenil tamén se xogan os partidos de ida das eliminatorias de semifinais na tarde do sábado. No Cunchido, a partir das 17.00 horas, enfróntanse Outes e Soneira (arbitra Miguel Ángel Vilas), e no Cairo, a partir das 18.00 horas, Corme e Sofán (Óscar Santos). 

E, finalmente, na categoría infantil, Fisterra e Xallas abren as semifinais o sábado, ás 11.00 horas, no Ara Solis, baixo a dirección de Lucas Vicente. Os Miúdos e Cee disputarán a outra eliminatoria.

E durante toda a fin de semana o fútbol base tomará os campos de fútbol da Costa da Morte, orfos de competición oficial pero desexosos de ver á rapazada máis nova demostrar o seu bo facer. Haberá torneos de fútbol sete ou fútbol oito nas Eiroas, na Fontenla, en Lombáns, no Carral, e tamén se disputará o sábado unha nova edición da Vidú Cup, que traerá a Xaviña os mellores equipos sub15 de Galiza e norte de Portugal.  

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais teñen os horarios e os resultados en directo das fases de Ascenso e as Copas da Costa en www.copadacosta.com

Comentarios