Xoves. 18.04.2024
El tiempo

PREVIA ARBITRAL

Abril estelar

Imaxe arbitral dun Dumbria-San Roman de Veteranos-Foto-Vet Dumbria
Imaxe arbitral dun Dumbría-San Roman de Veteranos-Foto-Vet Dumbría
Abril estelar

Cambiamos de mes e abril tráenos, de agasallo, unha fin de semana de fútbol espectacular, con encontros ao máis altísimo nivel que nos deparan unha fin de semana das que xa facía tempo que non se vían: fases de ascenso, últimas xornadas de liga, partidos que decidirán títulos... Mágoa non poder estar en todos os campos. 

A Liga Galega Xuvenil decídese na Costa da Morte

Curiosa coincidencia que traerá á Costa da Morte o mellor das canteiras do país. A Liga Galega Xuvenil, que reparte dúas prazas de ascenso á Liga Nacional, ten o seu epicentro nesta xornada 29 (quedarán cinco máis por disputarse) na Costa da Morte, e do que aquí pase pode depender o remate da competición.

Na xornada matinal do sábado, nas Eiroas (12.00 horas, Bruno Méndez, Óscar Santos e Juan Marcos Ríos) mídense Bergantiños e Lalín, ou o que é o mesmo: terceiro contra primeiro. Duelo por todo o alto, cos locais a só un punto da segunda praza de ascenso, e os visitantes, que até hai nada parecían intocables (vinte vitorias e cinco empates nas vinte e sete primeiras xornadas), acumulan agora dúas semanas sen gañar, e o seu primeiro posto podería quedar a tiro de pedra dos seus perseguidores.

O terceiro en discordia nesta loita, segundo clasificado, O Val, visita O Conco para medirse ao Dumbría (16.30 horas, Pablo Rama, Carlos Señarís e Rai Reborido). Nada se xogan os locais, que poden disfrutar dun final de temporada plácido nunha campaña para enmarcar. Os visitantes, que chegan dende o Ferrol, a bo seguro farán parada e fonda en Carballo pola mañá para ver o duelo entre os seus rivais, duelo no que case calquera resultado lles é favorable: a vitoria local deixaríalles o liderado a tres puntos, en caso de gañar, e a vitoria visitante permitiríalles aspirar a deixar o terceiro clasificado a catro puntos e, polo tanto, o ascenso moi encarreirado. 

Comeza a fase de ascenso á Liga da Costa

Catro equipos (Castriz, Porteño, Outes e Camariñas) comezan esta fin de semana a viaxe para coller o último vagón de ascenso á Liga da Costa. Dúas eliminatorias terán que superar aqueles que aspiran a facerse co terceiro posto que dará dereito a xogar na Segunda a vindeira temporada, obxectivo que os catro equipos se marcaban ao inicio de ano.

O balón comezará a rodar, en ambas eliminatorias, ás 17 horas da tarde dominical, e en ambos casos con colexiado “costeiro”. No Hermanas Patiño, Juan Marcos Ríos (auxiliado por Sebastián Pérez e Lucas Vicente) dirixirá o duelo entre Camariñas e Castriz. No Cunchido, o duelo entre Outes e Porteño será dirixido por un colexiado adscrito á Delegación de Santiago pero con coñecidas raíces costeiras, Óscar Martínez (auxiliado por Bárbara Ana Álvarez e Alberto Álvarez).

A Liga da Costa encara partidos decisivos

Catro xornadas quedan para rematar a Liga da Costa, e o título está, agora mesmo, nun man a man entre Mazaricos e Corme. Tres puntos os separan (o Volantes de Baño ten aínda opcións matemáticas de tocar o liderado, pero bastante irreais), e a próxima semana teñen cita en Pino do Val.

Pero esta xornada non será plácida á espera do gran duelo. O líder, Mazaricos, ten que render visita a un dos campos máis difíciles da competición (Arliña, domingo, 17.00 horas, Óscar Santos) e enfrontarse a un Muxía que, sendo alternativa até hai apenas un mes, agora vive un final de temporada relaxado e para disfrutar do bo traballo feito. 

E á mesma hora, no Cairo, o Corme recibe ao Zas (Alberto Baña), equipo que tampouco lle poñerá as cousas sinxelas pois o equipo de Barca está metido de cheo na pelexa por evitar o descenso. 

Así, a que semella xornada de transición á espera do gran duelo, será unha xornada decisiva, pois non será o mesmo partido do Pino do Val se para entón a diferenza entre eles é de seis puntos (o que podería facer que o Mazaricos cantase o alirón no seu campo) ou de cero (agora mesmo, co gol average a favor dos do Cairo).

Última xornada no fútbol veterano

E, cando semellaba que a División de Honra do fútbol veterano ía chegar “á súa fin” a pasada xornada, a derrota do Sporting Zas en Castriz deixou todo aberto para unha última xornada, a da matinal deste domingo, na que aínda temos varias frontes de batalla.

Na División de Honra, todo está decidido por abaixo (descenden Nantón, Bértoa e A Piña), mentres que por arriba tres equipos pelexan polo título e polas dúas prazas que dan acceso á fase galega. 

O Sporting Zas, despois de deixar escapar o título en Castriz, ten unha segunda opción no campo das Bouzas (10.30 horas, Rubén Reborido) fronte ao Corcoesto. A vitoria dálles o título, a derrota podería incluso relegalos ao terceiro posto e deixalos fóra da fase galega.

O San Román parte na segunda posición, igualado co líder pero co gol average perdido, polo que deberá gañar o seu partido fronte ao Cabana (As Redondas, 10.00 horas, Manuel Espasandín) e, dada a proximidade entre campos, se iso, achegarse a ver como remata o encontro dos rivais. 

O terceiro en discordia é o San Lorenzo. O que durante tantas xornadas fóra líder comeza a xornada con dous puntos menos que ambos, polo que deberá esperar os seus pinchazos para aspirar ao título ou, cando menos, á segunda praza. En calquera caso, precisa irremediablemente gañar o seu partido fronte ao Nantón (As Pedreiras, 10.30 horas, Alberto Baña) para ter opcións. 

Na Primeira División, a semana pasada si deparou por sorpresa (xa que no segundo caso se precisaba unha combinación de resultados) os ascensos directos de Mazaricos e Razo. Xóganse  nesta última xornada (e ambos o farán como locais) o título. O líder recibe na Picota (11.00 horas, Luis Insua) ao Leiloio, en tanto o Razo (que necesita a derrota do líder) recibe ao Río Grande-Os Arcos (O Areal, 10.30 horas, David Castreje). 

De cara á pelexa polos postos do play off, tres prazas están xa confirmadas. Serán para Corme, Malpica e Sofán (podería moverse a orde, pero en todo caso estes tres equipos estarán na fase de ascenso). O cuarto posto agora mesmo é para o Leiloio, que ten un difícil compromiso na casa do líder. A derrota dos da Feira Nova abriría as portas ao Deportivo Carballo, que recibe ao Xornes (As Eiroas, 10.00 horas, David Cancela).

A curta liga cadete tamén se despide

A liga cadete da Costa da Morte, que tan só contou este ano con trece equipos, despide a competición regular tamén este domingo co título en xogo. As dúas prazas que dan acceso á fase de ascenso á Liga Galega están decididas (Concello de Zas e Outes), pero o inesperado tropezo do Outes a pasada xornada na súa visita ao Cerqueda deixou un empate na cabeza que se terá que resolver neste último partido.

Os dous partidos que deciden o título serán o domingo, ás 11.00 horas, e en ambos casos os aspirantes actuarán como locais. O Outes recibe no Cunchido á Esteirana, mentres que o Concello de Zas recibe en San Andrés (Óscar Santos) ao Cerqueda. Dous duelos de proximidade para despedir unha competición curta pero vibrante.

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en www.futgal.es

E saben que as táboas, cos horarios emais o carrusel dominical en directo en www.futboldacosta.com.

Comentarios