Adrián Alcaina e Andrés, un día menos para volver o verde


Esta pasada xornada 16 da Liga da Costa deixaba un par de lesións que parecían importantes. O Ameixenda-Montelouro tivo que estar parado case media hora esperando pola ambulancia para que levase ao local Andrés, despois dun forte golpe no nocello que facía presaxiar o peor. Mentres, en Arliña, o muxián Adrián Alcaina sufría unha forte entrada por parte de Jorge Calvete que o obrigaba a saír do campo.
Hoxe queremos ver como evolucionan, pois parece que as tornas cambiaron ao chegar ao Hospital e o que parecía máis grave quedou en escordadura, e o que semellaba contusión rematou en fractura.
A mala temporada de Andrés
Por Cee, Andrés tivo que pasar unhas horas no hospital pero afortunadamente as novas non foron tan malas como esperaban Finalmente trátase dunha grave escordadura de nocello que deixa os ligamentos afectados, pero non hai rotura de oso. “Dentro do malo non foi o peor, pero ten para uns cantos meses”, valora dende Cee, onde tamén recoñecen que “ten un pouco de dolor pero polo de agora está ben”.
En todo caso, non está sendo esta a temporada de Andrés. Por horarios de traballo non puido debutar hasta a terceira xornada, fronte o Mazaricos no Pino de Val, onde só xogou 45 minutos ao ter que retirarse por unha pequena rotura de fibras. Logo de recuperarse, e tamén por horarios de traballo, non puido voltar a xogar ata o pasado domingo, cando tuvo que retirarse aos 6 minutos…
A mala sorte de Adrián
Por Muxía, Adrián Alcaiana, unha das revelacións destas últimas campañas, terá que estar apartado dos terreos polo menos entre 3 e 4 meses. “Vamos indo que é o importante, agora todo día que pasa é un día menos”, valora positivo mentres aproveita o tempo na Biblioteca.
Adrián cóntanos como foi o momento. “Despois da entrada (mui dura, por certo), saín do campo axudado polos meus compañeiros convencido de que se trataba de unha contusión no lado externo do pé. Despois de ducharme vin que tiña moito dolor e fomos a facer unha radiografía para diagnosticar fractura, unha fractura que en ningún momento pensei que fóra ter, a verdade. Unha vez no hospital o radiólogo xa me dixo que tiña fractura total do peroné cun pequeno desprazamento. Esperamos á trauma a cal me dixo que por uns escasos milímetros non me ía operar para poñerme unha placa. Foi un gran alivio a verdade, jajaaha”.
Agora, terá que aguantar a escaiola algo máis dun mes, e despois ir recuperando pouco a pouco. “Dixéronme 3-4 mesiños de descanso deportivo polo menos. Despois pouco a pouco, esto é fútbol, cousas que pasan. Tiven mala suerte que me tocou a min nun momento totalmente inesperado (ganando 3-0, no medio do campo e de espaldas a portería rival). Loxicamente esto jódeche e máis aínda tendo en conta a familia que temos formada no Muxía, cun grupo moi unido. E tamén polo bo momento de forma no que estaba tanto eu como o equipo. Agora toca axudar ao equipo de outra forma, animando aos meus compañeiros que teñen talento de sobra para que non se note a miña ausencia”.
Ánimo aos dous que xa queda menos para vervos de novo sobre o verde!