ASFACOS informou sobre responsabilidades e riscos dos directivos de clubs do Fútbol da Costa en Santa Comba
O Edificio Multiusos de Santa Comba acolleu na tarde do luns 9 de marzo, unha nova charla formativa organizada pola Asociación de Fútbol Afeccionado da Costa (ASFACOS) coa colaboración do Concello de Santa Comba. Baixo o título "Responsabilidades e Riscos dos Directivos", a xornada espertou un grande interese no tecido deportivo da comarca, superando a trintena de asistentes, entre os que se atopaban representantes de numerosos clubs, membros da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e diversas autoridades e organismos afíns.

O acto, que forma parte do ciclo continuo "Obrigas dos Clubs" promovido por ASFACOS, foi inaugurado por J. Ricardo Serrano, tesoureiro da asociación, quen deu a benvida aos presentes e destacou a vital importancia de que os dirixentes deportivos estean debidamente formados e informados sobre as implicacións legais e patrimoniais que conleva a xestión dunha entidade deportiva na actualidade.
A parte central da xornada correu a cargo de dous expertos na materia. En primeiro lugar, Javier Rodríguez, representante da correduría Suevia Gestión de Riesgos y Seguros, quen centrou a súa exposición na importancia da prevención e na transferencia de riscos a través dos seguros, explicando as pólizas imprescindibles para protexer e salvagardar o patrimonio persoal das directivas e a viabilidade dos propios clubs.
A continuación interveu Marcos Gende, titular de Marcos Gende Abogados, profundou nas obrigas legais ás que se enfrontan os directivos, repasando o marco xurídico actual e as posibles responsabilidades que poden derivarse do día a día da xestión dun club.
Tras un espazo de diálogo onde os asistentes puideron resolver as súas dúbidas e expor casos prácticos, a exitosa xornada foi clausurada por Vinto Tajes, presidente de ASFACOS. Tajes agradeceu a implicación de todos os presentes, o apoio dos relatores e a colaboración do tecido asociativo e institucional por seguir traballando xuntos prol da profesionalización e seguridade do fútbol afeccionado na Costa.


