As Xornadas Formativas de QPC e a RFGF afondaron na dimensión humana e social do Fútbol da Costa
O Fútbol da Costa viviu este luns en Zas a primeira das dúas Xornadas Formativas organizadas por QPC e o Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol. Coa colaboración do Concello zaseiro, as Xornadas sobre a Xestión de equipos de Fútbol Base en contornas rurais serviron de punto de encontro para adestradores e directivos da nosa comarca (con presenza dunhas 40 persoas9, e abriron a un telón que se pechará o vindeiro luns 2 de marzo cunhas xornadas palarelas enfocadas á eclosión do Fútbol Feminino da Costa da morte.
Foi Alberto Pose, a principal cabeza pensante das Xornadas, o que abríu o evento, dando a benvida e resaltando o papel aglutinador de QPC, a importancia da colaboración entre entidades e resaltando o protagonismo dos nosos adestradores.
Continuou a presentación o alcalde de Zas. Un Lolo Muíño sempre fachendoso do seu pasado como porteiro histórico do CD Baio, e sempre reivindicando o papel de epicentro de Zas para o fútbol da Costa.
Manuel García, presidente do Comité Galego de Adestradores da RFGF; e un sempre disposto Iván Cancela presidente do Comité de Entrenadores da Real Federación Española de Fútbol, lembraron cando se loitaba por ter un adestrador titulado nos clubs, e como a día de hoxe esa figura é fundamental nos organigramas das nosas directivas.
Así puxeron en marcha unhas xornadas técnicas, ofrecidas integramente ofrecidas en galego, que afondaron, ademais da parte técnica e táctica, a dimensión humana e social do noso deporte de base.
Huelvis e a importancia da etapa cadete: “Adestramos persoas, non só futbolistas”

O xalleiro José Manuel Vázquez “Huelvis” (adestrador do Dumbría CF Cadete e profesor da Escola Galega de Adestradores) trouxo unha interesante ponencia, máis humana, sobre ”A importancia da etapa cadete no crecemento futbolístico e persoal en entornos rurais”. Afondou sobre a relevancia desta etapa de consolidación da personalidade dentro dun colectivo como un equipo que vive a rapazada de 14, 15 e 16 anos. “Adestramos persoas, non só futbolistas”, apurou en varias ocasións.
Por diante das clásicas problemáticas que vivimos na comarca (desprazamentos longos, emigración urbana…) quixo destacar as vantaxes da contorna rural na que vivimos, focalizadas sobre todo nese sentimento de pertenza e identidade das nosas vilas, dos nosos equipos, unha idea que saíu en varias das charlas.
En clave de desenvolvemento persoal e profesional, quixo compartir as experiencias vitais de varias persoas que pasaron polas súas mans e que a día de hoxe triunfan nos seus eidos: Sergio Pereira, 2º adestrador do Atlético Arteixo; Dario Capelo de chicalovers e Domi do Moncho Burguer, que destacaron a labor dos "profesores"/adestradores para formar as “persoas” que son eses pequenos deportistas.
Miguel Alonso, moito máis técnico e incisivo

Espectacular a ponencia de Miguel Alonso. O “adestrador de adestradores”, que foi FSI de equipos como Olympique de Marseille, Valencia CF, CD Mirandés, SD Huesca, CD Leganés ou Moaña (ex xogador do Celta tamén), comezou falando de demogracía. Recoñeceu que a meirande parte dos xogadores profesionais saen de cidades grandes ou moi grandes, pero tamén deu conta de que “un de 4 xogadores que chegan ao profesionais en Galicia proceden de entornos rurais, en lugares de entre 1.000 e 20.000 habitantes”. ”O que facedes no fútbol da Costa é fundamental, traballando e formando para que os Depor ou Celta nos "rouben" xogadores”, resaltou, dando datos dos xogadores procedentes de zonas rurais que xogan nos dous equipos galegos. “Dende lugares como Moaña ou a Costa da Morte nutrimos aos grandes”, destacou.
Pouco a pouco foi debullando unha charla máis técnica sobre as tarefas, destacando a idea de que “ter o título non é suficiente”, senón que hai que seguir traballando e formándose constantemente. De contado lanzou un desafío aos adestradores presentes sobre as tarefas diarias poñendo como guía que “un adestramento ten que ser un conto, unha historia con sentido”.
Conversa pola AP9
Da man do noso Óscar Leis (adestrador do Lira e membro da familia Óscar Leis), a xornada continuou cunha conversa co propio Miguel Alonso e con Óscar Gilsanz (lenda viva do Betanzos tras 14 anos como xogador e outros moitos como adestrador, ex adestrador do RC Deportivo, Fabril, Depor Xuvenil co que foi Campión da Copa de Campións; Laracha; Racing Villalbés; Betanzos).
De Moaña a Betanzos, atravesando a AP9, reflexionaron sobre as súas etapas iniciáticas nos banquiños e a súa evolución. “O sabor dunha vitoria en xuvenís, na Liga da Costa ou no Dépor de 2ª División é a mesma”, destacou o betanceiro.
Falou tamén da importancia de formar persoas na base, e contou como a dúa de hoxe, hai dous xogadores do Dépor campión de campións de xuvenís en 2022, que xa deixou o fútbol sen contar aínda con 23 anos. “Hai algún ao que hai que dicirlle que máis que futbolista profesional, vai acabar pillando moza, traballando en Inditex e xogando no Laracha”, resumía cando trataba con xogadores daque Xuvenil que sabía que tiñan poucas posibilidades de gañarse a vida como futbolistas.
Fixeron unha interesante reflexión sobre o modelo de fútbol base sentado no Celta e no Dépor nas últimas décadas, onde cada vez se xoga menos na rúa, e aínda menos onde máis chove.
A mesa dos da casa
Xa para pechar, a mesa redonda dos da casa, dirixida de novo maxistralmente por Óscar Leis, tratou de reflexar algunhas boas prácticas vividas nalgún dos nosos equipos e compartir das dificultades.
Comezou Manuel Varela (actual membro da Secretaría técnica e delegado do primeiro equipo da SD Compostela; ex coordinador de Fútbol Base do At. Arteixo; e culpable do primeiro crecemento integral da SD Sofán na pasada década) debullando a historia de superación do carballés, que naceu da realidade de masificación das aulas do centro do lugar. Foi explicando os pasos sobre os o club foi crecendo dende a lama do Carral, antes de que as infraestruturas de adaptasen ás necesidades sociais que xa creaba o club, baseados nas “tres patas principais do banco: os nenos; as instalacións e os formadores, claves para o futuro non só do club e dos equipos, se non de toda a sociedade, que o deporte fai moito ben nas sociedades”.
Recolleu o fío Marco López “Cantudo” (actual coordinador Fútbol Base S.D. Sofán; ex 2º adestrador da Selección Galega Uefa Rexions con Iván Galega coa que se proclamaron Campións de España en 2020 e Campións de Europa en 2023; ex adestrador de base e 2º no sénior no SD Sofán; e ex adestrador do SD San Lorenzo en 1ª FUTGAL e do CSD Arzúa en Preferente) (foi el un dos que instou a familia de QPC a facer unhas xornadas coma esta), que está actualmente consolidando o traballo dos Manuel Varela e Barca na base do Sofán, recoñecendo que xa están rexeitando nenos por falta de infraestruturas.
Do norte ao sur, Leis vertebrou a bisbarra ata Outes, para falar con Carlos Romero (Secretario, adestrador e coordinador do Outes FC e técnico municipal de Deportes no Concello de Outes dende hai 27 anos). Contou precisamente como foi ese momento no que o Concello se decatou da necesidade de favorecer a creación dun club, e a importancia do deporte formativo e da labor social que podería facer.
Así, a través do fútbol, o Concello e coa colaboración da Deputación, foron tirando de outros clubs, e agora hai 10 clubs de diferentes disciplinas facendo moi ben na sociedade da Serra.
Si que deixou claro que “as realidades sociais ten que definir o teu proxecto. O 90 por cento dos nenos son de Outes, non tería sentido ntentar crear un proxecto comarcal nun concello como o noso”. Pero tamén debullou algunhas dificultades concretas: “O problema é cando o Conxo ou o Bertamiráns che saca 4 xogadores dunha tacada, e non polo deportivo, senón porque podes quedar sen equipo nesa categoría e a ver como llo explicas ás familias”.
Si que falou do proxecto de Dumbría Diego Lobelos. O actual entrenador do Baio, ex adestrador dos equipos sénior do CF Lira, Muxía CF, SD Fisterra; e na base das Escolas Deportivas Prodemar, do CF Dumbría DH Cadete, Bergantiños FC e Escolas Luis Calvo, foi un dos poucos adestradores que logrou competir cun equipo da comarca nunha Liga Autonómica cando levou ao equipo cadete do Dumbría a División de Honra. Nomeou a José Manuel Pequeño ("cando falaba había que escoitalo, sempre se aprendía algo", referiuse ao ex alcalde dumbriés), por segunda vez na noite (xa o fixo Huelvis) que quixo competir por riba dos localismos, que conseguiu xerar un proxecto que permitiu que rapaces da comarca puideran competir co Celta e o Dépor dende o centro da Costa da Morte, algo impensable anos antes, cando os nenos, e as familias, tiñan que desprazarse centos de km diariamente.
Destacaron aí tamén a aposta pola centralización da vida deportiva, social, e mesmo formativa nun punto como o Conco, un centro dos máis vivos da comarca.
Falouse tamén da importancia de que o fútbol normativo ten que tomar máis medidas para protexer o talento por diante do físico, e puxeron o foco na importancia da “continuidade”, tanto de persoas, como de ideas e mesmo de investimentos, para que o traballo de base sexa produtivo, e consiga xerar esa idea de identidade.
A xornada rematou cunha reflexión importante. Leis rematou recordando a necesidade de fomentar unha Escolas de familias a través de charlas cos pais e nais. ”Hoxe tes un neno que non xoga e xa tes a familia enriba”, lembrou Cantudo, lembrando a importancia de formar ás familias a comportarse no campo.
Este vindeiro luns, en Fisterra
E xa temos a cabeza nas xornadas do vindeiro luns 2 de marzo, que se desenvolverán dende as 19:00h no Salón de Actos do Concello de Fisterra con nomes como Alberto Rodríguez, Fran Toba e Ana Mouzo, Fran Figueroa, Rubén Souto, Eloy García Fateira ou Eva Carril.

