Baio, Muxía e Castriz, os máis reforzados desta fin de semana de non xornada
- Todas as táboas actualizadas en www.futboldacosta.com.
Retrasábanse unha semana as xornadas das Ligas da Costa (a 1ª non tiña xornada marcada), para ir igualando o calendario. Aprovéitase así esta ponte de Entroido para xogar partidos adiados no seu día.
Non puido aproveitar o Sofán, que viu como outro partido era adiado, desta volta o choque ante o Fabril que se ía desputar esta tarde no Carral.
Preferente
- X.13: Boiro - Fisterra (2-2).
Na Preferente, con só 3 xornadas por diante, o Fisterra aproveita a tope a ponte, co empate colleitado este sábado ante o Boiro, e o choque ante o Laracha deste martes ás 18:15 en Ara Solis. Ten todas as posibilidades o cadro de Juan Porrúa de meterse entre os 5 primeiros, e o partido do martes é fundamental.
1ª Galicia
- X.9: Baio -Volantes (0-0).
- X.10: Negreira - Ponteceso (2-0).
- X.10: Soneira - Corme (1-3).
Só quedan 2 xornadas para o remate da Liga, e a cousa está que ferve na parte alta. Non puido o Ponteceso co Negreira que confirma a súa reacción afianza o seu liderato con 4 puntos xa sobre o Tordoia e 5 sobre o Mazaricos.
Precisamente nesa loita por ese podio está inserido o Baio na súa particular costa de febreiro-marzo. Queda a só 1 punto do Mazaricos tralo empate do sábado ante o Volantes e o partido pendente do día 9 ante o Corme, que vencía ao Soneira no choque de hoxe. Se vence o cadro baiés superaría ao cadro amarelo.
Liga da Costa
- X.14: Muxía - Muros (5-1).
- X.8: Camariñas - Esteirana (1-2).
- X.9: Zas - San Lorenzo (2-2).
- X.8: Castriz - Malpica (6-1).
Con 4 xornadas por diante, e segundo o Plan Competicional, o importante é meterse entre os 3 primeiros. E Muxía e Castriz saen moi reforzados desta fin de semana. Os de Diego Lobelos vivían un duelo directo ante o Muros, e a súa goleada permítelle superalo na táboa, aínda con 2 partidos menos. O Camariñas non podía co poderoso líder, que segue sumando partidos por vitorias e que aseguraba xa a primeira praza do grupo sur, aínda tendo pendente o Esteirana - Muxía para o martes ás 20:00h.
Polo Norte, o reforzado é o Castriz, que goleaba ao Malpica e vai escalando posicións a medida que vai recuperando partidos adiados. O cadro xalleiro queda a 2 puntos (e cun partido menos) dun San Lorenzo que non pasaba do empate ante un renovadísimo Zas. Importantísimo será o San Lorenzo-Castriz do 9 de marzo para dilucidar esa 3ª praza, sempre que Coristanco e Cabana non pinchen.
3ª Galicia
- X.14: Ameixenda - Corcubión (0-11).
- X.11: Camelle - Pereiriña (1-2).
Xa está o calendario actualizado na 3ª tras esta fin de semana con todos os equipos ao día. Cómpre lembrar que o Plan Competicional deixa esta primeira fase sen moito interese, unha vez que só serve para sumar puntos para a segunda fase, na que haberá dous grupos, pasando só os 2 primeiros.