A Federación deu a coñecer o plan competicional da Liga da Costa e da Terceira
Nunha reunión celebrada na sede de Baio, a Real Federación Galega de Fútbol deu este xoves a coñecer o plan competicional que se instaurará este ano na Liga da Costa e en Terceira Rexional. Un plan que se viña acordando cos equipos e que se porá en marcha o vindeiro 24 de outubro.
Como era de esperar, a Liga da Costa tamén seguirá o formato de dous subgrupos de nove equipos, para facilitar así as arcas dos clubs con menos viaxes e, en teoría, máis próximas. Non obstante, a complicada xeografía da Costa da Morte, fai que a división deixe a “norteños” como Camariñas ou Muxía emparellados cos puntos máis ao sur da bisbarra. Así, no subgrupo A competirán os xa citados Muxía e Camariñas xunto a Muros, Esteirana, Monte Louro, Outes, Lira, Cee e Baiñas. Mentres que no B estarán Malpica, Cerqueda, Buño, San Lorenzo, Cabana, Nantón, Coristanco, Sporting Zas e Castriz.
Nese formato competirán entre o 24 de outubro e o 8 de marzo como se se tratase dunha liga normal, onde os tres primeiros de cada subgrupo acadarán un posto no derradeiro grupo de ascenso, mentres que o resto xogarán pola permanencia. No grupo do ascenso, só un levará o ansiado premio tras seis xornadas nas que cada equipo xogará unicamente a ida e volta contra os tres rivais do outro grupo. Iso si, comezarán este novo reto (dende o 27 de marzo ao 8 de maio) cunha puntuación determinada pola súa posición na primeira metade de competición. Así, os primeiros de cada subgrupo comezarán con catro puntos, os segundos con dous e os terceiros con un.
Para lograr a permanencia, a federación decidiu dividir a segunda fase en outros tres grupos de catro equipos, dos que descenderá o último clasificado en cada un deles. Non obstante, os equipos comezarán tamén cuns puntos determinados segundo a súa clasificación, pero terán que xogar a ida e volta contra todos os do seu grupo, mesmo se xa coincidiran.
Haberá dous ascensos de Terceira Rexional
No caso da Terceira, haberá un só grupo de dez equipos que, tras a primeira fase, se dividirá en dous para que ascenda o primeiro clasificado en cada un deles. Eses subgrupos comezarán o 6 de marzo e contarán con dez xornadas e cunha puntuación inicial que deixará ao primeiro e segundo da primeira fase con seis puntos, ao terceiro e cuarto con catro, ao quinto e sexto con tres, ao sétimo e oitavo con dous e, finalmente aos dous últimos da primeira fase con un só punto.