Martes. 16.04.2024
El tiempo

Como na casa en ningún lado

Trío arbitral cos capitáns do Dumbría e o Lalín
Trío arbitral cos capitáns do Dumbría e o Lalín
Como na casa en ningún lado

Vésperas do día do pai, esta fin de semana todos os colexiados costeiros pasarán estas datas preto das súas familias. Non haberá desprazamentos longos e todos poderán disfrutar esta fin de semana da mellor liga do mundo.

Tan só David Castreje dirixirá encontros fóra das nosas fronteiras. Será o domingo, ás 18.00 horas, na Grela 1, en partido correspondente á Primeira Galicia entre Victoria e Miño. Dous dos grandes da categoría, aínda que os visitantes quedaron xa en terra de ninguén e terán un final de temporada sen esixencias. Os locais, pola contra, xóganse o todo polo todo, situados agora mesmo a un só punto do liderado, en mans do Galicia Mugardos. David Castreje estará auxiliado nas bandas por José Ageitos e Iván Ferreiro. 

Haberá carrusel dominical

Como nos vellos tempos do fútbol radiado, haberá carrusel de fútbol senior na tarde do domingo, pois aí se concentrará a competición. Tan só se adianta ao sábado (O Rodeiro, 16.30 horas, Adrián Pérez) o Camelle-Castrelo no que os visitantes apurarán as súas opcións de play off.

Na Liga da Costa, a pelexa do título quedou reducida a un man a man entre Mazaricos e Corme, agora separados por tres puntos. Os do Pino do Val recibirán (16.30 horas, Adrián Pérez) a un Buño que vén de sumar dúas vitorias consecutivas e sacar un chisco a cabeza da zona de perigo. O Corme visita, precisamente, o campo de Xaviña, pero para medirse (17.00 horas, Juan Marcos Ríos) ao Cerqueda, que tamén acumula dúas vitorias e ten a salvación virtualmente asegurada. 

Por abaixo, o duelo da xornada será en San Andrés (17.00 horas, Marcos Ordóñez) entre Zas e Cee. Catro puntos os separan. Os visitantes marcan agora mesmo a zona de salvación (á espera dos posibles arrastres) e a súa vitoria no derbi supuxo un golpe de aire necesario tras moitos resultados adversos. O Zas, que viaxaba nunha posición cómoda, acumula xa cinco xornadas consecutivas perdendo e ve agora o pozo cada vez máis preto.

A Rocheira xa ten equipo de Segunda, e podería ter tamén este domingo campión da Terceira. O Coristanco recibe (17.30 horas, Óscar Santos) a un Camariñas (ao que, casualmente, se enfrontou o ano pasado a estas alturas de competición na Liga da Costa, nunha pelexa agónica pola salvación, que non se produciu para ningún de ambos) que aínda precisa un par de puntos para amarrar o seu posto de play off. 

A poucos quilómetros de alí (As Redondas, 16.30 horas, Óscar Rey) o Cabana recibe ao Corcubión co obxectivo de converterse tamén en equipo de Segunda. O descanzo do Castriz nesta xornada fai que, de gañar, os cabaneses quedasen con seis puntos de vantaxe con só dous partidos por disputarse. 

Os postos do play off de ascenso están practicamente perfilados, e a última batalla dos agora mesmo excluídos podería ser a que se viva nas Fontiñas (17.00 horas, Rai Reborido), onde o Nantón ten a derradeira bala para recurtar ao Porteño (e ao resto de clasificados). Se os locais non gañan quedan sen opcións.

Tamén pode haber ascensos no fútbol veterano

A competición de veteranos entra na súa fase decisiva, as catro últimas xornadas, e faino cun panorama distinto nas dúas categorías.

Na Primeira o ascenso comeza a clarificarse, e mesmo esta xornada podería certificarse matematicamente o primeiro dos dous equipos que suba de categoría. O Mazaricos, recén chegado á competición, ten na visita do Soandres (domingo, 11.00 horas, A Picota, Alberto Baña) a ocasión de certificar o seu paso á División de Honra, aínda que para iso, ademais da súa vitoria, precisaría un pinchazo do Corme, que recibe no Cairo (domingo, 11.00 horas, David Cancela) a un irregular Deportivo Carballo. O segundo da clasificación, o Deportivo Razo, non ten opcións de certificar de forma matemática o ascenso, pero podería deixalo case sentenciado se é quen de vencer a un rival directo, o Malpica (domingo, 10.30 horas, Pedra Queimada, Juan Marcos Ríos), a quen aspira a deixar a nove puntos de distancia, cando só restarían tres xornadas.

Na máxima categoría, a situación, pola contra, é de máxima igualdade. Os catro de cabeza venceron a pasada xornada, e manteñen o seu pulso (tres igualados á fronte da táboa, e o San Lorenzo a só dous puntos). A xornada dominical arrincará moi cedo co duelo estelar da xornada, que se traslada fóra das fronteiras da Costa. No Municipal da Laracha, e a partir das 09.00 horas, enfrontaranse San Román e San Lorenzo, nun encontro de rivalidade directa e que decidirá moito. Casualmente, os laracheses serán os únicos que pelexarán o título contra os seus rivais, pois a semana próxima visitarán en San Andrés ao Zas, e estes serán os dous únicos enfrontamentos directos entre os catro primeiros da táboa no que resta de competición. 

Tampouco terá un partido sinxelo o Zas, que visita na Rocheira ao Coristanco (10.00 horas, Pablo Rama), en tanto o Soneira recibe á mesma hora, no Municipal de Vimianzo (Luis Insua) ao Cabana. 

Tamén madrugará o duelo entre Corcoesto e A Piña (As Redondas, 09.30 horas, Óscar Rey), decisivo na pelexa polo descenso (catro puntos os separan, a favor dos locais, cos visitantes marcando a fronteira dos equipos que caen á Primeira División). Tamén pola zona baixa mídense Castriz e Nantón (San Pedro, 11.00 horas, Adrián Pérez), partido no que podería consumarse o descenso matemático dos visitantes.

A categoría xuvenil “ordénase” para afrontar o tramo final

Esta estraña temporada na categoría xuvenil, coa retirada de dous equipos, atópase moi igualada na súa recta final, con tres equipos nun pano. Esta xornada tócalle descanso aos actuais líderes (Os Miúdos), o que fará que os seus perseguidores, Cabana e Corme, poidan darlle alcance, e en todo caso igualarán o número de partidos disputados, polo que o remate desta xornada ofrecerá un retrato fiel de como están as forzas para o último tramo de competición.

O Corme, que despois do baixón de media temporada volve encadear cinco vitorias consecutivas, aspira a recuperar o trono, aínda que para iso terá unha difícil viaxe para enfrontarse no Xosé Luis Vara á Esteirana, sexto clasificado (sábado, 16.00 horas). O Cabana, que tamén pode rematar a xornada como líder, ten igualmente un duelo complicado contra un equipo da zona sur, aínda que neste caso xogará como local fronte ao Outes (sábado, 16.30 horas, As Redondas, Pablo Rama).

Na categoría cadete, colista contra líder na tarde do domingo (Muxía-Outes, 17.00 horas, Municipal de Arliña, David Cancela), en tanto os seus perseguidores se disputan a segunda praza (e as opcións de seguir pelexando polo título) en duelo directo: Cee-Concello de Zas (domingo, 12.00 horas, Sampaio de Refoxos, Carlos Señarís).

E a competición en categoría infantil, a cousa chega aínda máis igualada ao tramo final, con catro equipos en tan só dous puntos, e tres posibles líderes ao final desta xornada, dado que o Xallas (terceiro clasificado) descansa esta fin de semana. 

O Cee recibe ao Outes nun clásico do fútbol base do máximo nivel (sábado, 12.00 horas, Sampaio de Refoxos, Alberto Baña), en tanto o colíder Dumbría visita en San Pedro de Castriz ao Xalleiros (sábado, 16.00 horas, Iván Vilanova). O Corme (que ven en fase ascendente, con catro vitorias consecutivas, para situarse a só dous puntos da cabeza) recibe (sábado, 11.30 horas, O Cairo, David Castreje) ao Concello de Zas.

Todas as designacións, categoría a categoría, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios